O Partido do Congreso da Independencia de Madagascar (en malgaxe: Antokon'ny Kongresin'ny Fahaleovantenan'i Madagasikara; en francés: Parti du Congrès de l'indépendance de Madagascar), coñecido polas súas siglas AKFM, é un partido político comunista de Madagascar. Foi fundado o 8 de novembro de 1958, pouco antes da independencia do país, a partir da unión de varias organizacións que esixían a independencia inmediata da illa. Os seus principais fundadores foron Richard Andriamanjato e Francis Sautron.
Historia O presidente fundador foi Richard Andriamanjato, pastor protestante de orixe merina, con vínculos co Partido Comunista Francés. Historicamente, o partido estivo dominado por cadros e militantes desa etnia das Terras Altas centrais.
Nos seus primeiros anos, o AKFM implantouse principalmente en Antananarivo e Antsiranana. Nas eleccións municipais do 11 de outubro de 1959, obtivo unha vitoria en Antananarivo (25 de 37 escanos), e en Diégo-Suárez (hoxe Antsiranana) en alianza co movemento FISEMA (19 de 27 escanos), resultando escollido alcalde Francis Sautron.
A secretaria xeral do partido entre 1960 e 1990 foi Gisèle Rabesahala, destacada figura do movemento comunista malgaxe. Durante a República Democrática Malgaxe (1975–1992), o AKFM integrou a Fronte Nacional de Defensa da Revolución (FNDR), a coalición única no poder encabezada polo presidente Didier Ratsiraka.
No seu primeiro congreso, en 1959, adoptou un programa que reclamaba a independencia inmediata e completa de Madagascar, e seu definiu como a vangarda do proletariado, os campesiños pobres, a intelectualidade progresista e os traballadores en xeral. Proclamou a loita contra o imperialismo, o neocolonialismo, o racismo e o apoio á paz e á autodeterminación dos pobos africanos.
En 1975, quince anos despois da independencia, o AKFM accedeu ó poder xunto con AREMA no marco da proclamación da República Democrática Malgaxe, que declarou oficialmente a súa orientación socialista.
Escisións A finais dos anos 1980, o partido sufriu unha escisión entre reformistas e comunistas ortodoxos. En marzo de 1989, Richard Andriamanjato separouse do AKFM e fundou o AKFM-Renovación, aliñado co opositor Albert Zafy. Os militantes que permaneceron no AKFM, entre eles Gisèle Rabesahala, reagrupáronse en torno ao expresidente Ratsiraka en 1990.
Notas
Categoría:Partidos comunistas Categoría:Partidos políticos de Madagascar