Xosé Manuel Orriols, de nome oficial José Manuel Orriols Núñez, nado en Neda o 30 de marzo de 1948 e finado en Neda o 20 de outubro de 2025, foi un xornalista galego, especializado en motor, gastronomía e turismo. Foi un dos rostros recoñecidos da primeira época da Televisión de Galicia.

Traxectoria Formouse en delineación industrial e enxeñaría técnica. Traballou nos estaleiros de Astano antes de se licenciar en xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e de se dedicar por completo á comunicación. Coincidiu en Astano e tamén no xornalismo con outros rostros e voces populares, como Pichi Varela e Xoán Barro, que tamén deron o salto do estaleiro aos medios.

Comezou como colaborador en Ferrol Diario e La Voz de Galicia no ano 1981, especializado en temas de motor. Tamén foi colaborador en La Opinión A Coruña e en programas de entretemento e divulgación turística da TVG, como Galicia enteira, Galicia fin de semana, O mar, ou De escola a escola, cos que se fixo amplamente coñecido. En 1995 creou e presentou Sen fronteiras, o primeiro programa de televisión que fixeron conxuntamente a Televisión de Galicia e a Radio e Televisión de Portugal, e que se emitiu nas dúas cadeas.

Participou ademais en espazos de Radio Voz e colaborou en seccións de gastronomía, turismo e enoloxía, campos nos que se especializou nos seus últimos anos de actividade. Foi un dos fundadores e directivos do Club de Prensa de Ferrol.

Véxase tamén Televisión de Galicia

Notas

Categoría:Xornalistas de Galicia Categoría:Presentadores da TVG Categoría:Nados en Neda Categoría:Nados en 1948 Categoría:Finados en 2025 Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid