Club Editor é unha editorial española fundada en 1959 que desempeñou nas súas primeiras décadas un destacado papel no desenvolvemento e difusión da narrativa contemporánea en lingua catalá.

Historia Retomando unha iniciativa que fora truncada pola Guerra Civil española (1936-1939), a Editorial Aymà creou en 1955 unha colección de narrativa contemporánea en lingua catalá chamada Club dels Novel·listes («Club dos Novelistas»). O propósito era recuperar o espazo lector que ocupara o xénero mediante a publicación das obras de novos escritores. En 1959, Xavier Benguerel e Joan Sales compraron a colección Club dels Novel·listes á Editorial Aymà e convertérona no núcleo dunha nova editorial: Club Editor. Ambos os dous eran escritores: Xavier Benguerel inaugurara a citada colección con El testament (1955), e o número 5 da mesma era nada menos que Incerta glòria (1956), a obra cabal de Joan Sales.

Á fronte de Club Editor, Benguerel e Sales emprenderon un labor editorial que daría a coñecer aos mellores narradores en lingua catalá da segunda metade do século XX, ademais de contribuír mediante traducións ao catalán á divulgación de obras selectas da literatura universal. Para salvar os escollos financeiros do proxecto idearon un sistema de subscricións que garantía un mínimo de exemplares vendidos.

Coa retirada de Xavier Benguerel en 1967, a esposa de Joan Sales, Núria Folch, pasou a dirixir oficiosamente a casa, eludíndose así as dificultades de Sales co réxime franquista; con todo, Sales mantívose sempre vinculado á editorial. Xa falecido Sales, as dificultades económicas favoreceron a alianza de Núria Folch coa Editorial Columna, que sería logo absorbida polo grupo Planeta. En 2005 María Bohigas Sales, neta de Sales e Folch, recomprou a editorial co apoio de Edicions de 1984 e iniciou a etapa actual de Club Editor.

Catálogo miniatura|Portada de Mirall Trencat, de Mercè Rodoreda, publicada na colección Club dels Novel·listes |alt=Portada de Mirall Trencat, de Mercè Rodoreda, publicada por Club Editor na colección Club dels Novel·listes A colección Club dels Novel·listes alternou desde o primeiro momento a edición das obras máis recentes da narrativa catalá con traducións ao catalán de notables títulos da literatura contemporánea universal. Dentro deste segundo grupo editáronse algúns clásicos como Els germans Karamazov, de Fiódor Dostoievski, pero predominan obras aparecidas por eses anos, como El Crist de nou crucificat, de Nikos Kazantzakis; El guepard, de Giuseppe Tomasi de Lampedusa; El pont del riu Kwai, de Pierre Boulle; ou L'ingenu seductor, de J. D. Salinger..

A lista de autores do primeiro grupo, pola súa banda, mostra a dobre función dinamizadora e divulgadora da colección, pois contén practicamente todos os grandes nomes da narrativa catalá do período e obras moi significativas: Llorenç Villalonga (Bearn, Mort de dama), Mercè Rodoreda (La Plaça del Diamant, Mirall trencat), Maria Aurèlia Capmany (La pluja als vidres), Joan Sales (a xa citada Incerta glòria). Deben mencionarse aínda autores tan coñecidos actualmente como Jordi Sarsanedas, Josep Maria Espinàs, Ramon Folch i Camarassa e Sebastià Juan Arbó, entre outros. Nos anos 70 incorporáronse á colección novos valores como Guillem Frontera ou Maria Antònia Oliver.

Ademais do Club dels Novel·listes, a editorial mantén desde 1968 a colección El Pi de les Tres Branques, dedicada ao ensaio filolóxico e histórico. Baixo a dirección de María Bohigas seguiuse reeditando o catálogo propio e incorporáronse novos autores e obras. Actualmente, xunto ás citadas, Club Editor xestiona as coleccións La Cara Fosca de les Lletres, Club Editor Jove e La Dula, así como a Biblioteca Mercè Rodoreda. Materializando un proxecto que o seu avó sempre tivera en mente, Bohigas lanzou en 2014 a serie La Montaña Pelada, formada por obras traducidas ao castelán.

Notas

Categoría:Editoriais de Cataluña