Lancelot Thomas Hogben, nado en Portsmouth o 9 de decembro de 1895 e finado en Wrexham o 22 de agosto de 1975, foi un científico multidisciplinar británico, membro da Royal Society. Foi especialmente coñecido no campo da fisioloxía experimental, introducindo o Xenopus laevis (un anfibio moi parecido ao sapo) como modelo para a investigación biolóxica; no campo da estatística médica, opoñéndose activamente ao movemento pro-euxénese; e no campo da divulgación científica.

Hogben escribiu a súa autobiografía pouco antes de morrer, sen chegar a entregar unha versión definitiva, polo cal os seus fillos Adrian e Annie Hogben a publicaron como autobiografía non autorizada.Hogben, Adrian & Hogben, Anne (editors, 1998). Lancelot Hogben: Scientific Humanist. Woodbridge, Suffolk: Merlin Press. (Baseado na autobiografía inédita de Lancelot Hogben (1973-4), Look back with Laughter).

Traxectoria Hogben naceu en PortsmouthWells, GP (1978). «Lancelot Thomas Hogben. 9 de decembro de 1895-22 de agosto de 1975» . Memorias biográficas de membros da Royal Society . 24 : 183–21 . doi : 10.1098/rsbm.1978.0007 . PMID:  11615739 . en 1895, fillo de pais metodistas. Tras mudarse a Londres, asistiu á escola secundaria de Tottenham, en cuxa biblioteca pública descubriu as obras darwinistas e obtivo unha formación extra en zooloxía de maneira autodidacta. Mediante unha bolsa, estudou medicina no Trinity College de Cambridge, graduándose en fisioloxía en 1915. Adquiriu conviccións socialistas, e participou na Sociedade Fabiana de Cambridge.

Adoptou unha visión crítica do dogmatismo marxista, e acabou sendo un membro moi activo do Partido Laborista. Finalmente, acabaría definíndose como humanista. Durante a primeira guerra mundial, a conciencia pacifista de Hogben levouno a se negar a realizar o servizo militar obrigatorio, polo cal foi encarcerado durante tres meses.

En 1918 Hogben casou coa economista e sindicalista Enid Charles, á cal coñecera un ano antes en Cambridge.

Xenética e fisioloxía En 1917, Hogben xa era profesor no departamento de zooloxía da escola universitaria de Birkbeck, e en 1919 pasou ao Imperial College London de ciencia, tecnoloxía e medicina, que contaba cun bo laboratorio de fisioloxía comparada. Alí Hogben dirixiu un estudo sobre o proceso que seguen os pares de cromosomas xusto antes de dividirse. Contra a teoría dominante da telesinapse (conexión a distancia entre cromosomas), Hogben expuxo a posibilidade de para-sinapse (conexión lateral). Esta sería unha achega importante á teoría do cromosoma.

A partir de 1922, Hogben proseguiu a súa actividade en Edimburgo, estudando a fisioloxía da glándula pituitaria en colaboración con outros biólogos como Julian Huxley e J. B. S. Haldane. Observaron a capacidade de certos vertebrados arcaicos, especialmente ras, para escurecer ou aclarar a cor da pel segundo o ton cromático da súa contorna, o cal lles levou a expor un proceso de control endócrino sobre a mutación cromática. Así, illaron unha nova hormona, a hormona estimulante melanocito, ou MSH (do inglés, melanocyte stimulating hormone).

En 1923, Hogben cofundou a Sociedade de Bioloxía Experimental e a súa revista, xunto con Julian Huxley e J. B. S. Haldane, cos cales compartía unha postura anti-euxénese. Contra a separación estrita entre herdanza e ambiente, Hogben expuña a interdependencia entre a herdanza natural e o apoio ambiental (en inglés, nature & nurture).

En 1927 Hogben e a súa familia van vivir á Cidade do Cabo, Suráfrica, nunha zona con gran diversidade biolóxica. Alí Hogben foi pioneiro no estudo dunha especie de sapo, o Xenopus laevis, que posteriormente foi moi estudado en diversos campos da bioloxía. Hogben demostrou que a función ovárica do Xenopus laevis depende dunha hormona pituitaria, a gonadotropina. Este achado deu lugar a un test de embarazo relativamente fiable (libre de falsos positivos, aínda que con posibilidade de falsos negativos), que foi de grande importancia clínica e social durante algunhas décadas, ata a introdución de novos tests inmunolóxicos na década de 1960.

A nivel social, en Suráfrica Hogben e a súa esposa opuxéronse activamente ás políticas de discriminación racial.

Hogben retornou a Inglaterra para asumir a nova cátedra de Bioloxía Social na London School of Economics, onde coincidiu con figuras importantes da xenética e a demografía, como Ronald Fisher (figura destacada do movemento pro-euxénese), J. B. S. Haldane, Lionel Penrose, e Sewall Wright. En 1931 Hogben publicou Genetic Principles in Medicine and Social Science (en galego, Principios xenéticos en medicina e ciencia social), tras tratar a materia nunha serie de conferencias exitosas na universidade de Birmingham. Adquiriu unha casa de campo en Devon, que é evocada polo seu fillo Adrian Hogben nun comentario que suxire un enfoque limitado da ciencia xenética:

A Royal Society de Edimburgo concedeu a Hogben un premio pola súa contribución á xenética. En 1946, Hogben publicou An Introduction to Mathematical Genetics (Unha introdución á xenética matemática).

Divulgación científica Xa en 1937, Hogben publicou o manual divulgativo Mathematics for the million: a popular self-educator (Matemáticas para a multitude: un auto-educador popular), cuxo título denotaba a vontade de Hogben por divulgar o coñecemento científico a unha gran multitude de xente. Aínda que o libro non conseguiu vender un millón de copias, como algúns criticaron con sarcasmo, de feito chegou a vender medio millón xa en 1978. Gran parte do éxito deste libro debeuse aos debuxos e gráficos imaxinativos que concibiu Hogben, influenciado polo tratamento gráfico que observara no libro Outline of History de H. G. Wells (1922).

En 1938, Hogben publicou o manual divulgativo Science for the Citizen: a self-educator (Ciencia para o cidadán: un auto-educador), que obtivo menos éxito que o anterior. Tras editar The loom of language (O xurdimento da linguaxe) de F. Bodmer, Hogben publicou en 1943 Interglossa: A draft of an auxiliary for a democratic world order (Interglossa: Un esbozo dunha lingua auxiliar para unha orde mundial democrática). Hogben observara a dificultade dos seus estudantes para memorizar termos biolóxicos, debido ao seu descoñecemento da etimoloxía, e afíxose a aclararlles as principais raíces greco-latinas mediante exemplos que resultaban de valor mnemotécnico. Así foi como empezou a recompilar un vocabulario universal formado por raíces latinas e gregas. Xa durante a segunda guerra mundial, en Birmingham, Hogben desenvolveu unhas pautas de sintaxe e completou o esbozo dunha nova lingua auxiliar internacional baseada no léxico da ciencia moderna:Hogben, Lancelot (1943). Interglossa. A draft of an auxiliary for a democratic world order, being an attempt to apply semantic principles to language design. Harmondsworth, Middlesex, Eng. / New York: Penguin Books. OCLC 1265553.

Estatística médica Hogben atopábase en Oslo dando unhas conferencias sobre a falsidade das teorías raciais nazis, cando estes ocuparon Noruega, e tivo que escapar a través de Suecia, Siberia e Xapón, emigrando temporalmente a Canadá coa súa familia. En 1942, volveu a Gran Bretaña, e en 1946 a universidade de Birmingham creou unha nova cátedra en Estatística Médica para el. En 1957, catro anos antes do seu retiro, escribiu unha análise crítica dos erros ou puntos débiles da metodoloxía estatística, Statistical Theory: an examination of the contemporary crisis in statistical theory from a behaviourist viewpoint (Teoría estatística: un exame da crise contemporánea en teoría estatística desde un punto de vista condutista). Hogben trataba de clarificar o misticismo que rodea o concepto de significación estatística. Esta obra foi reeditada en 1970 como primeira parte do libro The Significance Test Controversy (A controversia do test de significación). Así, Hogben cuestionaba as bases da estatística fisheriana, enfoque predominante sobre análise de datos en medicina e ciencias sociais.

Humanismo científico En Dangerous Thoughts (Pensamentos perigosos), de 1939, Hogben autodefiníase como humanista científico:

Obras Lancelot T. Hogben (1926). Comparative physiology. London: Sedgwick & Jackson; New York: MacMillan. — (1927). Principles of evolutionary biology. Cape Town and Johannesburg: Juta. — (1930). The nature of living matter. London: Kegan Paul — (1933). Nature and nurture. London: Williams & Norgate. — (1936). Mathematics for the million: a popular self-educator. London: Allen & Unwin; New York: Norton 1937. — (1938). Science for the citizen: a self-educator based on the social background of scientific discovery. London: Allen & Unwin; New York: Norton. — (1939). Dangerous thoughts. London: Allen & Unwin. — (1943). Interglossa. A draft of an auxiliary for a democratic world order, being an attempt to apply semantic principles to language design. Harmondsworth and New York: Penguin Books. — (1949). From cave painting to comic strip: a kaleidoscope of human communication. London: Max Parrish. — (1955). Man must measure: The wonderful world of mathematics. London: Rathbone. — (1957). Statistical theory: An examination of the contemporary crisis in statistical theory from a behaviorist viewpoint. London: Allen & Unwin. — (1960). Mathematics in the making. London: Macdonald. — (1963). Essential World English. London: Michael Joseph. — (1964). The mother tongue. London: Secker & Warburg. — (1967). Mathematics for the million (4.ª ed., extensivamente revisada con material adicional e completamente re-ilustrada). London: George Allen & Unwin; New York: Norton 1937. — (1968). The wonderful world of mathematics. London: Macdonald. — (1968). The wonderful world of energy. London: Macdonald. — (1969). The wonderful world of communication. London: Macdonald.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Keynes, Milo. “Lancelot Hogben, FRS (1895-1975)”. The Galton Institute, 2001. . Sahotra Sarkar. “Anecdotal, Historical And Critical Commentaries on Genetics. Lancelot Hogben, 1895—1975”. Genetics Society of America, 1996.

Categoría:Glosa Categoría:Científicos do Reino Unido Categoría:Nados en Portsmouth Categoría:Nados en 1895 Categoría:Finados en 1975 Categoría:Profesores da London School of Economics Categoría:Membros da Royal Society Categoría:Catedráticos da Universidade de Birmingham