Richard Sheepshanks, nado en Leeds o 30 de xullo de 1794 e finado en Reading en 1855, foi un astrónomo británico que desenvolveu a súa carreira científica na Universidade de Cambridge.
Traxectoria Richard Sheepshanks naceu o 30 de xullo de 1794 na cidade de Leeds, nunha familia dedicada á industria téxtil. O seu irmán John traballou co pai na empresa familiar e foi tamén coleccionista de arte. A súa irmá Anne desenvolveu accións de filantropía relacionadas co campo da astronomía.
Richard estudou astronomía no Trinity College (Cambridge) e obtivo o seu graduado en 1816. Desenvolveu toda a súa carreira científica nesta universidade e realizou importantes labores como editor da revista Monthly Notices of the Royal Astronomical Society. En 1830 foi elixido membro da Royal Society.
En 1832, Sheepshanks estivo involucrado nun proceso xudicial relevante entre Edward Troughton e James South. Troughton construíu unha montura ecuatorial para South, quen non considerou que o instrumento tivese a calidade suficiente, o cal provocou que Troughton presentase unha demanda co asesoramento de Sheepshanks. Pola súa parte, South contou co apoio legal de John Elliot Drinkwater Bethune. Finalmente, a demanda prosperou e Troughton recibiu unha indemnización.
Sheepshanks tamén tivo un papel significativo na edición de A Catalogue of Circumpolar Stars, un catálogo estelar de Stephen Groombridge. No ano 1833, cando se ía publicar unha primeira versión do libro de Groombridge a título póstumo, Sheepshanks detectou unha serie de erros e recomendou a súa revisión. O proceso alongouse até 1838, cando foi finalmente publicado baixo a supervisión de George Biddell Airy.
Na esfera pública, Sheepshanks mantivo unha disputa notable con Charles Babbage. Os dous científicos intercambiaron cartas públicas con críticas cruzadas.
No plano persoal, tivo seis fillos dunha relación sentimental cunha bailarina irlandesa. Unha das fillas foi Eleanor Louisa Moravia Henry, quen sería nai do pintor Walter Sickert e da pioneira feminista Helena Swanwick.Walter Sickert: The Complete Writings on Art By Walter Sickert, Walter Richard Sickert, Anna Gruetzner Robins, Published by Oxford University Press, 2000 ,
O día 29 de xullo de 1855, Richard sufriu un accidente cerebrovascular que provocaría o seu falecemento o 4 de agosto dese mesmo ano na cidade de Reading. Foi soterrado no Trinity College (Cambridge).
Legado Hai unha placa conmemorativa de Richard Sheepshanks nunha igrexa de Harrogate, a terra natal da súa familia.
A súa irmá Anne Sheepshanks administrou o seu legado e realizou doazóns á Universidade de Cambridge, incluído un telescopio e unha bolsa académica na memoria de Richard.
Levou o seu nome o Sheepshanks Equatorial Telescope, un instrumento científico doado por Richard en 1838 ao Observatorio Real de Greenwich. O telescopio funcionou ata finais do século XX.
Outros dous telescopios foron denominados na honra de Richard Sheepshanks.
Notas En particular o capítulo 12, "Intrigues of Science."
Véxase tamén Ligazóns externas
MNRAS 16 (1856) 90, obituary More on South Versus Sheepshanks Authors: Hoskin, M. Journal: JOURN. HISTORY OF ASTRONOMY V.22, NO. 68/MAY, P.174, 1991
Categoría:Nados en 1794 Categoría:Nados en Leeds Categoría:Finados en 1855 Categoría:Astrónomos do Reino Unido Categoría:Alumnos da Universidade de Cambridge Categoría:Membros da Royal Society