Silvestre Albite Miranda, nado en Olveira (Dumbría) o 5 de setembro de 1912 e finado en Mauthausen (Austria) o 9 de novembro de 1941, foi un exiliado galego deportado ós campos de concentración nazis.
Traxectoria Fillo de Manuel Albite, labrador, e de Manuela Miranda Quintáns. Emigrou a Madrid, onde residía cando estalou a guerra civil española. Combateu no bando republicano, integrándose na 2ª compañía das Milicias Populares Galegas, onde acadou o grao de cabo. Consumada a vitoria do bando franquista na guerra civil española exiliouse en Francia, quedando cofinado nun dos campos de internamento franceses. Integrouse na Compañía de traballadores estranxeiros, sendo destinado á zona da liña Maginot. Trala caída de Francia na segunda guerra mundial foi capturado polo exército alemán e recluído primeiro no Stalag VI-C, en Bathorn (Alemaña) e despois enviado ó Stalag XII-D, en Trier, (Alemaña). Deportado ó campo de concentración de Mauthausen, onde ingresou o 3 de abril de 1941 co número de prisioneiro 3 779, perecendo o 9 de novembro de 1941.
Recoñecementos O concello de Dumbría celebrou no ano 2006 na casa de Cultura de Olveira a primeira homenaxe en recordo dos veciños do municipio que pereceron no campo de concentración de Mauthausen-Gusen; Silvestre Albite Miranda, Manuel Piñeiro Agulleiro e Manuel Rodríguez Louro, así como en memoria de Máximo Ingilde Maceiras que perdeu a vida combatendo contra o exército alemán na Resistencia francesa.
O 18 de febreiro de 2018 celebrouse no Parlamento de Galicia unha homenaxe promovida pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica onde se leron os nomes das 193 vítimas galegas que fuxindo da represión franquista acabaron deportados nos campos de concentración nazis, entre eles o de Silvestre Albite Miranda.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en Dumbría Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 1941 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis Categoría:Galegos de Madrid