A Biblioteca Nacional de Corea é a biblioteca nacional de Corea do Sur, situada no distrito de Seocho, en Seúl. Fundada en 1945, contén máis de 10 millóns de volumes, incluíndo máis dun millón de libros en linguas estranxeiras e algúns dos tesouros nacionais do país.

Historia Corea non tivo unha biblioteca nacional moderna até o período imperial. A primeira biblioteca moderna da península foi a de Daehan, fundada en 1906 por Lee Keun-sang, Lee Beom-gu e Yun Chi-ho. Porén, non era de acceso público. A súa colección, duns 100,000 volumes, foi confiscada polas autoridades en 1911. A primeira biblioteca coreana de acceso público gratuíto foi a Daedong Seogwan, unha institución privada que tamén funcionaba como editorial. Non obstante, o goberno colonial xaponés limitou o acceso a materiais impresos, incluíndo xornais, revistas e libros. Logo, a publicación restrinxiuse a pezas aprobadas polo estado e á propaganda.

Tras as protestas do primeiro de marzo de 1919 contra o dominio colonial, o goberno nipón alixeirou as restricións en Corea. Como parte desta resposta, en 1923 construíuse a biblioteca gobernamental de Chōsen en Sogong-dong, no distrito de Jung da cidade de Keijō (actual Seúl).

En outubro de 1945, semanas despois da liberación de Corea, a Biblioteca Nacional herdou as funcións da biblioteca gobernamental de Chōsen. Park Bong-seok reuniu materiais de multitude de bibliotecas da área para a súa creación. Tamén contribuíu ao desenvolvemento do sistema nacional de bibliotecas no sur. En 1946 Park inaugurou unha escola para a formación de especialistas. Así mesmo, seguiu a consolidar a colección mediante novas adicións.

En 1948 formouse un movemento a nivel nacional baixo o lema "un país, unha biblioteca". O seu obxectivo era fundar máis bibliotecas e preservar materiais nas diferentes bibliotecas do país. Creouse un programa para fomentar a alfabetización en hangeul, que fora desaconsellado e, incluso, prohibido durante o período colonial, substituído pola escrita xaponesa. Nesta época, só un 20% da poboación sabía ler en coreano.

En 1955 a Biblioteca Nacional uniuse á IFLA. Dende entón, a institución realizou numerosos eventos educativos e de recadación de fondos. En 1974 trasladouse a Namsan-dong e, en 1988, á súa localización actual en Banpo-dong, no distrito de Seocho. En 1991, reasignouse do Ministerio de Educación ao de Cultura.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Bibliotecas nacionais Categoría:Wikipedia:Artigos con coordenadas en Wikidata