Sildenafilo. Nome IUPAC: 5-{2-Etoxi-5-[(4-metilpiperazin-1-il)sulfonil]fenil}-1-metil-3-propil-1,6-dihidro-6H-pirazolo[4,3-d]pirimidin-7-ona.|miniatura
O sildenafilo (sildenafil), vendido co nome comercial Viagra entre outros, é un medicamento usado para tratar a disfunción eréctil e a hipertensión pulmonar. Ás veces utilízase fóra de indicación para o tratamento de certos síntomas do fenómeno de Raynaud secundario. Non está claro se é efectivo para tratar a disfunción sexual en mulleres. Pode tomarse por vía oral, intravenosa ou sublingual (disolto baixo a lingua). O comezo dos efectos cando se toma por vía oral tarda normalmente uns 20 minutos e dura unhas dúas horas.
Efectos secundarios comúns son dor de cabeza, acidez de estómago e rubor da pel. Aconséllase precaución a aqueles que teñen doenzas cardiovasculares. Efectos secundarios raros pero graves son problemas de visión, perda de oído e erección prolongada (priapismo) que pode causar danos no pene. Non deberían tomalo persoas en tratamento con doantes de óxido nítrico como a nitroglicerina, xa que pode ter como resultado unha grave caída da presión arterial.
O sildenafilo actúa bloqueando a fosfodiesterase 5 (PDE5), un encima que promove a degradación do guanosín monofosfato cíclico (GMPc), que regula o fluxo sanguíneo no pene. Para funcionar necesita unha excitación sexual, e el por si mesmo non causa esa excitación sexual. Tamén provoca a dilatación dos vasos sanguíneos pulmonares.
Este medicamento descubriuno orixinalmente a compañía Pfizer en 1989 mentres buscaba un tratamento para a anxina de peito. Aprobouse para uso médico na Unión Europea e nos Estados Unidos en 1998. En 2023, era o medicamento no posto 151º da lista dos máis prescritos nos Estados Unidos, con máis de 3 millóns de prescricións. Está dispoñible como medicamento xenérico.
Usos médicos miniatura|Tableta de Viagra de Pfizer na forma comercial con forma de diamante azul.
Disfunción eréctil A indicación primaria do sildenafilo é o tratamento da disfunción eréctil (incapacidade de manter unha erección satisfactoria para completar o acto sexual). O seu uso é agora un dos tratamentos estándar para a disfunción eréctil, incluíndo a homes con diabetes mellitus.
Disfunción eréctil asociada a antidepresivos
Evidencias provisionais suxiren que o sildenafilo pode axudar aos homes que sofren disfunción eréctil inducida por antidepresivos.
Hipertensión pulmonar Aínda que o sildenafilo mellora algúns marcadores de enfermidade en persoas con hipertensión arterial pulmonar, non parece que afecte o risco de morte ou teña efectos secundarios graves.
Fenómeno de Raynaud O sildenafilo e outros inhibidores da PDE5 utilízanse fóra de indicación para aliviar o vasoespasmo e tratar isquemias graves e úlceras nos dedos e dedas en persoas con fenómeno de Raynaud secundario; estes fármacos teñen unha eficacia moderada na redución da frecuencia e duración dos episodios vasoespásticos. En 2016 o seu papel no fenómeno de Raynaud en xeral non estaba claro.
Mal de altura O sildenalfilo mostrou algún potencial na mellora do rendemento durante o exercicio físico a grandes altitudes. Porén, a súa eficacia global non está clara.
Edema pulmonar de grande altitude Estudouse o sildenafilo para o tratamento do edema pulmonar de grande altitude, pero o seu uso non se recomenda actualmente para esta indicación.
Efectos adversos En ensaios clínicos, os efectos adversos máis comúns do sildenafilo son dor de cabeza, rubor, indixestión, conxestión nasal e alteración da vista, incluíndo a fotofobia e visión borrosa. Algúns usuarios de sildenafilo queixáronse de ver todo con tons azuis (cianopsia). Esta cianopsia pode ser explicada porque o sildenafilo, aínda sendo selectivo para a PDE5, ten tamén algunha afinidade para a PDE6, que é a fosfodiesterase que se encontra na retina. Os pacientes que toman o fármaco poden experimentar anormalidades na visión das cores. Algúns quéixanse de visión borrosa e perda de visión periférica. En xullo de 2005, a FDA norteamericana actualizou a etiquetaxe do tadalafilo (Cialis), vardenafilo (Levitra) e o sildenafilo (Viagra) para reflectir un pequeno número de informes poscomercialización de perda súbita da vista, se ben admitindo que "...non é posible determinar se estas medicinas orais para a disfunción eréctil foron a causa da perda de vista ou se o problema está relacionado con outros factores como a presión arterial alta ou a diabetes, ou cunha combinación deses problemas." Unha revisión coidadosa de datos agrupados de ensaios clínicos que contén información ben documentada sobre a dose e duración da exposición dos fármacos para un gran número de pacientes, non proporcionou probas de que houbese un incremento do risco de neuropatía óptica isquémica anterior non arterítica ou outros episodios oculares adversos asociados co uso de inhibidores da PDE5.
Efectos adversos graves pero raros encontrados na vixilancia poscomercialiación son o priapismo, hipotensión grave, infarto de miocardio, taquicardia ventricular, accidente cerebrovascular, incremento da presión intraocular e perda de oído sensorineural súbita. En outubro de 2007, a FDA anunciou que a etiquetaxe de todos os inhibidores da PDE5, como o sildenafilo, necesitan unha advertencia máis prominente dos posibles riscos de perda súbita de oído.
Interaccións Deberían ter coidado tamén as persoas que ademais están tomando inhibidores da protease para o tratamento da VIH/SIDA. Os inhibidores da protease inhiben o metabolismo do sildenafilo, multiplicando os niveis plasmáticos de sildenafilo, incrementando a incidencia e gravidade dos efectos secundarios. Recoméndase aos que usan inhibidores da protease que limiten o seu uso do sildenafilo a non máis dunha dose de 25 mg cada 48 horas. Outros fármacos que interfiren co metabolismo do sildenafilo son a eritromicina e a cimetidina, xa que ambos pode orixinar uns niveis de vida media no plasma prolongados.
O uso do sildenafilo e un bloqueador α1 (tipicamente prescrito para a hipertensión arterial ou para condicións urolóxicas, como a hipertrofia prostática benigna) ao mesmo tempo pode causar hipotensión arterial, pero este efecto non ocorre se se toman cunha diferenza de 4 horas.
Contraindicacións Entre as contraindicacións están: Uso concomitante de doantes de óxido nítrico, nitratos e nitritos e orgánicos, como: nitroglicerina isosorbide mononitrato isosorbide dinitrato nitropruside de sodio alquil nitritos (comunmente coñecidos como "poppers") Uso concomitante de estimuladores da guanilil ciclase soluble, como o riociguat Hipersensibilidade coñecida para o sildenafilo
O sildenafilo non debería usarse se á persoa non se lle aconsella ter actividade sexual debido a factores de risco cardiovascular subxacentes.
Uso non médico
Uso recreativo
A popularidade do sildenafilo entre os adultos novos aumentou cos anos. O nome de marca do sildenafilo, Viagra, ten moita sona na cultura popular, e a asociación do fármaco co tratamento da disfunción eréctil levou a que empezase a dárselle uso recreativo. As razóns que hai detrás dese uso son a crenza de que o fármaco incrementa a libido, mellora o rendemento sexual, ou incrementa permanentemente o tamaño do pene. Os estudos sobre os efectos do sildenafilo cando se usa recreativamente son limitados, pero suxiren que ten pouco efecto cando o usan persoas que non teñen disfunción eréctil. Nun estudo, unha dose de 25 mg non causaba cambios significativos na calidade da erección, pero reducía o período refractario postexaculatorio. Este estudo tamén detectou un significativo efecto placebo no grupo de control.
O uso recreativo non prescrito do sidenalfilo e outros inhibidores da PDE5 observouse que é especialmente alto entre os consumidores de drogas ilegais.- O sildenafilo utilízase ás veces para contrarrestar os efectos doutras substancias, a miúdo ilícitas. Algúns usuarios mestúrano con metilenodioximetanfetamina (MDMA, "éxtase"), outros estimulantes ou opiáceos nun intento de compensar os efectos secundarios comúns de disfunción eréctil, unha combinación coñecida como "sextase" (tamén "rockin' and rollin'", "hammerheading" ou "trail mix"). A mestura con amil nitrito, outro vasodilatador, é particularmente perigosa e potencialmente mortal.
Investigación do jet lag O Premio Ig Nobel de 2007 de aviación foi para Patricia V. Agostino, Santiago A. Plano e Diego A. Golombek da Universidad Nacional de Quilmes, Arxentina, polo seu descubrimento de que o sildenafilo axuda a tratar a recuperación do jet lag en hámsteres.
Deportes Entre os atletas profesionais documentouse o uso de sildenafilo, debido á crenza de que a dilatación dos vasos sanguíneos enriquecerá o rego dos seus músculos, o que podería mellorar o seu rendemento.
Análogos O acetildenafilo e outros análogos estruturais sintéticos do sildenafilo que son inhibidores da PDE5 atopáronse como adulterantes en varios produtos afrodisíacos "herboristas" vendidos sen receita. Con estes análogos non se realizaron tests rigorosos como os de fármacos como o sildenafilo, e así teñen perfís de efectos secundarios descoñecidos. Fixéronse algúns intentos de prohibir estes produtos, pero non se progresou moito nese sentido polo de agora, xa que, mesmo nas xurisdicións que teñen leis que afectan as drogas deseñadas, as leis están pensadas para prohibir os análogos de drogas de abuso ilegais, e non para análogos de medicamentos de prescrición. Porén, polo menos un caso legal tivo como resultado a retirada dun produto do mercado.
A FDA norteamericna prohibiu numerosos produtos que afirmaban ser Eurycoma longifolia que, de feito contén só análogos do sildenafilo. Os vendedores deses produtos herboristas falsos adoitan reaccionar á prohibición simplemente cambiando os nomes dos seus produtos.
Detección en fluídos biolóxicos O sildenafilo e/ou N-desmetilsildenafilo, o seu principal metabolito activo, pode ser cuantificado no plasma, soro sanguíneo ou sangue completo para avaliar o estado farmacolóxico dos que reciben o fármaco terapeuticamente, para confirmar a diagnose en posibles vítimas de envelenamento, ou para axudar na investigación forense nun caso de sobredose mortal.R. Baselt, Disposition of Toxic Drugs and Chemicals in Man, 9th edition, Biomedical Publications, Seal Beach, CA, 2011, pp. 1552–53.
Mecanismo de acción miniatura|Estrutura cristalina da PDE5 humana co sildenafilo unido, entrada de PDB
O sildenafilo protexe o guanosín monofosfato cíclico (GMPc) da degradación polo encima fosfodiesterase tipo 5 específico de GMPc (PDE5) no corpo cavernoso do pene. O óxido nítrico (NO) que está no corpo cavernoso do pene únese a receptores de guanilato ciclase, o que ten como resultado un incremento dos niveis de GMPc, o que orixina a relaxación do músculo liso (vasodilatación) dos coxíns da íntima das arterias helicinas do pene. Esta relaxación do músculo liso causa vasodilatación e un incremento do fluxo entrante de sangue no tecido esponxoso do pene, causando a erección. Robert F. Furchgott, Ferid Murad e Louis Ignarro gañaron o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía en 1998 polos seus estudos independentes da vía metabólica do óxido nítrico na vasodilatación do músculo liso.
No mecanismo molecular da relaxación do músculo liso está implicado o encima proteína quinase dependente de GMPc, tamén coñecida como PKG. Esta quinase é activada polo GMPc e fosforila múltiples dianas nas células musculares lisas, concretamente a fosfatase da cadea lixeira da miosina, RhoA, receptor de IP3, fosfolipase C e outras. Globalmente, isto resulta nunha diminución no calcio intracelular e a desensibilización das proteínas aos efectos do calcio, producindo a relaxación do músculo liso.