Stuxnet é un verme informático que afecta aos ordenadores con Windows, descuberto o 17 de xuño de 2010 por VirusBlokAda, unha empresa de seguridade situada en Belarús. É o primeiro verme coñecido que espía e reprograma sistemas industriais, concretamente sistemas SCADA para o control e a monitorización de procesos, e pode afectar infraestruturas críticas como as centrais nucleares.
Stuxnet é capaz de reprogramar controladores lóxicos programables e ocultar os cambios realizados. Tamén é o primeiro verme coñecido que inclúe un rootkit para sistemas PLC reprogramables.
A empresa rusa de ciberseguridade Kaspersky Lab cualificou Stuxnet nun comunicado de prensa como "un prototipo funcional e terrorífico dunha arma cibernética que levará á creación dunha nova carreira armamentística global". Kevin Hogan, un executivo de Symantec, advertiu que o 60% dos ordenadores infectados polo verme están en Irán, o que suxire que as súas instalacións industriais poderían ser o seu obxectivo. Kaspersky conclúe que os ataques só puideron ocorrer "co apoio dunha nación soberana", o que converte a Irán no primeiro obxectivo dunha verdadeira ciberguerra.
O obxectivo máis probable do verme, segundo medios de comunicación como a BBC ou o Daily Telegraph, podería ter sido unha infraestrutura de alto valor pertencente a Irán e con sistemas de control de Siemens. Medios de comunicación como India Times suxiren que o ataque puido atrasar a posta en servizo da central nuclear de Bushehr. Fontes iranianas cualificaron o ataque como "guerra electrónica", aínda que minimizando o impacto dos danos ás súas instalacións. Algúns medios de comunicación, como o New York Times, atribuíron o ataque aos servizos de intelixencia estadounidenses e israelís.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos PLC
Ligazóns externas
Categoría:Espionaxe Categoría:Seguridade informática Categoría:Historia de Irán