Mariela Muñoz, nada en Lules (Tucumán) o 24 de decembro de 1943 e finada en Ezpeleta, Quilmes (Buenos Aires) o 5 de maio de 2017, alcumada La Gigante, foi unha activista e política arxentina. Foi a primeira muller transexual recoñecida oficialmente polo goberno do seu país.
Traxectoria Mariela Muñoz naceu en Lules, localidade da provincia de Tucumán, no noroeste da Arxentina. Con todo, pasou gran parte da súa infancia na localidade de Quilmes, onde se mudou a súa familia.
Aos 16 anos independizouse e comezou a coidar de nenos, adolescentes e nais solteiras. En particular, coidaba de nenos que foran abandonados polas súas nais ou que lle foran confiados por prostitutas que non podían ocuparse deles.
En 1981 Muñoz viaxou a Chile para realizarse unha vaxinoplastia a cargo do doutor Guillermo Mac Millan. En decembro de 1993 un xuíz de menores de Quilmes decidiu retirarlle a custodia de tres nenos que ela inscribira e criara como seus. Despois dunha batalla legal foi condenada a un ano de prisión en suspenso. Con todo, o debate xerado por mor desta sentenza sobre a posibilidade de que unha muller trans puidese criar nenos contribuíu a visibilizar os dereitos das persoas transexuais.
O 2 de maio de 1997 Mariela foi a primeira muller transexual recoñecida oficialmente polo goberno arxentino. Conseguiu que se modificase o seu nome de nacemento, Leonardo, polo que ela elixira, e que se cambiase a mención do seu sexo no seu DNI. Tivo o respaldo do INADI (Instituto Nacional contra la Discriminación, la Xenofobia y el Racismo), organismo estatal do que pasou a formar parte como asesora. En 2002 o INADI declarouna «Muller do Ano». Este recoñecemento produciuse despois de que un exame psicolóxico ditaminase que o sexo psicolóxico de Mariela era feminino desde a infancia, considerando ademais como «irreversible» a cirurxía de reasignación de xénero á que se someteu en 1981. Este recoñecemento legal produciuse 15 anos antes de que Arxentina aprobase a Lei de Identidade de xénero en 2012, o que serviu como precedente para as reivindicacións doutras persoas trans. Na mesma ocasión a xustiza outorgoulle a custodia dalgúns dos 17 nenos que criara.
En 2016 publicouse o documental Amor a paso de gigante da directora María Audras, que relata a vida de Mariela Muñoz.
Notas
Categoría:Finados en 2017 Categoría:Nados en 1943 Categoría:Persoas trans