Julio Martínez Arias, nado na Coruña o 6 de setembro de 1910 e asasinado en Hartheim (Austria) o 7 de setembro de 1941, foi un refuxiado galego deportado ós campos de concentración nazis.

Traxectoria O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Barcelona, onde estaba de viaxe de noivos coa súa esposa. Foi alistado polo Exército Popular da República e enviado á fronte de Aragón. Co triunfo do bando franquista na guerra civil española exiliouse en Francia. Foi recluído no campo de internamento de Le Barcarès. Tralo inicio da segunda guerra mundial integrouse na Compañía de traballadores estranxeiros, sendo deseguido alistado no 1º rexemento de marcha de voluntarios estranxeiros co rango de sarxento. Ferido en combate, permaneceu durante a convalecencia en Rosny-sous-Bois (Illa de Francia) na residencia do capelán J. Charles Charretier, con quen trabou amizade.

Coa caída de Francia na segunda guerra mundial foi apresado polo exército alemán e enviado primeiro ó Frontstalag 211, en Sarreburg (Francia), despois trasladado ó Stalag XII-C, de Wiebelsheim (Alemaña) e finalmente recluído no Stalag XII-D, en Trier, (Alemaña). O 14 de maio de 1941 ingresou no campo de concentración de Mauthausen e despois enviado ó campo de concentración de Gusen, o 7 de setembro de 1941, onde foi asasinado na cámara de gas no castelo de Hartheim ese mesmo día.

Vida persoal Fillo de Juan Martínez Domínguez, funcionario da deputación, e de Estrella Arias García, ámbolos dous nativos da Coruña. Foi o fillo máis vello doutros cinco fillos do matrimonio. Casou con Carmen Mahou de la Gándara en 1936, filla dun dos propietarios da fábrica de cervexas Mahou. Foron de viaxe de noivos a Barcelona, onde os sorprendeu a sublevación militar contra a República. A súa esposa faleceu durante un dos bombardeos aéreos contra a cidade de Barcelona cando Julio se encontraba recluído no campo de internamento de Le Barcarès.

Recoñecementos O Concello da Coruña colocou no ano 2023 unha Stolperstein na súa memoria ó pé do seu domicilio na travesía Porta de Aires. Presentouse ademais o libro Elexía. Julio Martínez Arias, da porta de Aires ao aire de Mauthausen, de Francisco Xosé Fernández Naval, na Casa Museo Casares Quiroga.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1910 Categoría:Finados en 1941 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis