Álvaro Fernández Llorente, tamén coñecido como Álvaro Ferllo, nado en Arnedo o 13 de abril de 1998, é un futbolista español que xoga como porteiro no Deportivo da Coruña, da Primeira División.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol na canteira do CD Arnedo da súa vila natal e entre os 7 e os 14 anos foi convocado habitualmente polas categorías inferiores da Real Sociedad para disputar diferentes torneos. Con só 15 anos debutou co primeiro equipo do Arnedo na Terceira División, nun encontro ante o River Ebro.
No verán de 2014 fichou polo equipo xuvenil de Osasuna e o 12 de abril de 2015 debutou co equipo filial na Terceira División, saíndo como titular nun empate a un gol contra o Izarra. Tras conseguir o ascenso á Segunda División B e asentado na titularidade, o 25 de setembro de 2016 debutou co primeiro equipo de Osasuna na Primeira División, substituíndo ao lesionado Mario Fernández na segunda metade dunha derrota por 3-1 contra o Villarreal.
O 11 de xullo de 2017 asinou un contrato de tres anos co Monaco, da Ligue 1 de Francia. Con todo, só xogou co equipo filial, regresando a España o 7 de agosto de 2018, tras aceptar unha cesión por un ano ao Extremadura UD. No conxunto de Almendralexo comezou a tempada como suplente, ata que lle arrebatou a titularidade a Manu García a partir da oitava xornada. Porén, a fichaxe do veterano Casto Espinosa en xaneiro relegouno de novo ao banco de suplentes.
En xuño de 2019 desvencellouse do Monaco e asinou un contrato de tres anos co Huesca, que viña de descender á Segunda División. Ás ordes de Míchel, disputou completos 36 dos 42 partidos da tempada, contribuíu ao regreso do club á Primeira División.
O 17 de agosto de 2021 anunciouse a súa cesión por un ano ao Brentford, da Premier League, con opción de compra ao remate da tempada 2021/22. No club inglés estivo á sombra doutro gardameta español, David Raya, e cando este se lesionou en outubro pasou a ocupar a titularidade. Con todo, en xaneiro o adestrador dinamarqués Thomas Frank, decidiu apostar polo seu compatriota Lössl para ocupar a portería ata a recuperación de Raya. Pechou o seu paso polo Brentford Community Stadium cun total de 12 partidos na Premier League e 4 na EFL Cup.
O Brentford non exerceu a súa opción de compra sobre o xogador, polo que para a tempada 2022/23 foi cedido ao Espanyol, da Primeira División. Na primeira parte da tempada, o adestrador galego Diego Martínez alternou na portería a Álvaro Fernández, Benjamin Lecomte e Joan García, ata que a incorporación de Fernando Pacheco no mercado invernal relegou os tres á suplencia. Acabou a campaña cun total de 11 partidos na liga e un na Copa do Rei.
Para a tempada 2023/24 regresou ao Huesca, desta vez na Segunda División. Iniciou a tempada co Cuco Ziganda como adestrador, sendo este substituído por Antonio Hidalgo en outubro, e foi o gardameta elixido por ambos técnicos, polo que disputou os 42 partidos de liga, deixando en 20 deles a portería a cero.
O 13 de agosto de 2024 asinou un contrato dun ano co Sevilla. No conxunto andaluz foi suplente do noruegués Ørjan Nyland, pero unha lesión de ligamentos deste permitiulle a Álvaro Fernández pechar a tempada cun total de 11 encontros disputados. Aínda que renovou co Sevilla por dúas campañas máis, na 2025/26 pasou a ocupar o papel de terceiro gardameta, por detrás de Nyland e o grego Odisseas Vlachodimos, polo que en decembro de 2025 chegou a un acordo co club para rescindir o seu contrato e asinar como novo xogador do Deportivo da Coruña, da Segunda División.
No club galego reencontrouse co adestrador Antonio Hidalgo, que lle deu a titularidade dende a súa mesma chegada, por diante do gardameta habitual ata entón, Germán Parreño. Debutou na xornada 20 ante o Cádiz e ao longo da tempada realizou destacadas intervencións, tendo especial importancia o penalti que lle detivo a Amadou Diawara no tempo engadido da xornada 38 ante o Leganés en Riazor. Grazas a esta parada o Deportivo conseguiu os tres puntos e puido continuar loitando polo ascenso directo, obxectivo que finalmente conseguiu na penúltima xornada ante o ante o Valladolid en Zorrilla.
Selección nacional Representou a España en varias categorías inferiores até a selección sub-21, sendo o porteiro titular na Eurocopa Sub-21 de 2021. Debido ao illamento dalgúns xogadores da selección absoluta tras dar positivo nunha proba de COVID-19 o centrocampista Sergio Busquets, o equipo sub-21 de España foi convocado para substituír a absoluta nun partido amigable internacional contra Lituania o 8 de xuño de 2021. Ferllo debutou neste encontro, que terminou nunha vitoria por 4-0, e converteuse no primeiro xogador internacional na historia do Huesca.
Ese mesmo ano foi convocado por Luis de la Fuente para participar nos Xogos Olímpicos de Toquio de 2020. Aínda que non chegou a debutar no torneo, sendo o porteiro titular Unai Simón, regresou do Xapón coa medalla de prata despois de que o equipo perdese a final por 2-1 ante o Brasil.
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopaOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda División B e EFL Cup.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesArnedo2013/14Terceira10----10Osasuna Promesas2014/15Terceira70----702015/16Terceira183--302102016/17Segunda B190----190Total club4430030470Osasuna2016/17Primeira1000--10Monaco B2017/18National 2 110----110Extremadura2018/19Segunda17010--180Huesca2019/20Segunda36000003602020/21Primeira2200000220Brentford2021/22Premier 12 0 0040 160Espanyol2022/23Primeira 11 0 10- - 120Huesca2023/24Segunda42000--420Total club100000001000Sevilla2024/25Primeira9020--1102025/26Primeira0000--00Total club9020--110Deportivo da Coruña2025/26Segunda22000--220Total carreira 228 0 407 0 2390
Palmarés Osasuna Promesas Terceira División (1): 2015/16.
Huesca Segunda División (1): 2019/20.
Notas
Categoría:Nados en 1998 Categoría:Nados en Arnedo Categoría:Futbolistas da Rioxa Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Osasuna B Categoría:Xogadores do CA Osasuna Categoría:Xogadores do Extremadura UD Categoría:Xogadores do AS Monaco FC Categoría:Xogadores do Brentford FC Categoría:Xogadores do SD Huesca Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Sevilla FC Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Futbolistas olímpicos de España Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Medallistas olímpicos en fútbol Categoría:Medallistas olímpicos de prata por España Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2020