Un xiloglicano (/ksilo/) é unha hemicelulosa que se encontra na parede celular primaria de todas as plantas vasculares; porén, todos os encimas responsables do metabolismo do xiloglicano tamén se encontran en algas Charophyceae.LEV Del Bem and M Vincentz (2010) Evolution of xyloglucan-related genes. BMC Evolutionary Biology, 10:340, 1-17 En moitas plantas dicotiledóneas é a hemicelulosa máis abundante na parede celular primaria. Os xiloglicanos únense á superficie das microfibrilas de celulosa e poden unilas. Son o substrato da xiloglicano endotransglicosilase, que corta e liga os xiloglicanos, como medio de integrar novos xiloglicanos na parede celular. Tamén se pensa que son o substrato da alfa-expansina, que promove o agrandamento da parede celular.
Química O xiloglicano ten un esqueleto molecular de residuos de glicosa unidos por enlaces glicosídicos β1→4, a maioría dos cales son substituídos por cadeas laterais de xilosa con enlace 1-6. A cadea de residuos de xilosa está rematada no seu extremo cun residuo de galactosa terminal ás veces seguido dun residuo de fucosa. A estrutura específica dos xiloglicanos é distinta en diferentes familias de plantas.
Biosíntese O xiloglicano sintetízase nas cisternas trans do aparato de Golgi e na rede trans Golgi (TGN) e transpórtase á membrana plasmática polas vesículas, onde se expulsa e despois se absorbe nas microfibrilas celulósicas nacentes.
Metabolismo no tracto dixestivo humano O xenoma humano non contén xenes que codifiquen encimas para a degradación de xiloglicanos, a pesar de que estes compostos son compoñentes importantes na maioría das dietas humanas. Estudos recentes mostraron que un locus xenético discreto confire a capacidade de metabolizar xiloglicano en determinadas bacterias Bacteoridota do intestino humano. Este descubrimento revela que o metabolismo de compoñentes incluso máis abundantes da fibra dietaria poderían depender de especies nicho. O metabolismo dos xiloglicanos é o resultado da acción concertada de varios encimas e transportadores de membrana. Porén, dada a gran diversidade da composición dos xiloglicanos de diferentes fontes vexetais, hai un encima clave endoxiloglicanase chamado BoGH5A, que ten a capacidade de cortar diversos xiloglicanos para xerar xiloglicanos curtos listos para captarse. Unha análise detallada da estrutura e función do encima revelou a presenza dun dominio chamado dominio BACON, cuxa función primaria no BoGH5A pode ser distanciar o módulo catalítico da superficie celular e proporcionar mobilidade adicional ao dominio catalítico para atacar o polisacárido. Unha ancha fenda do sitio activo xera plasticidade de unión e é unha característica clave que permite que o BoGH5A acomode unha ampla variedade de xiloglicanos naturais.
A prevalencia dos xiloglicanos na dieta humana suxire que o mecanismo polo cal as bacterias degradan estes polisacáridos complexos é moi importante para a adquisición de enerxía polos humanos. Ademais, a rareza do metabolismo dos xiloglicanos salienta a importancia de micoorganismos como Bacteroides ovatus e outros proficientes Bacteroidota degradadores de xiloglicanos como membros clave do consorcio microbiano do intestino humano.
Notas
Categoría:Polisacáridos