O expansionismo estadounidense baixo Donald Trump é un conxunto de ideas, accións e políticas características do goberno do presidente estadounidense Donald Trump. Durante ambos os seus mandatos, Trump expresou o seu desexo de estender o territorio dos Estados Unidos a través da compra de terreos ou por vía militar. No seu segundo discurso de inauguración, Trump fixo referencia directa a unha potencial expansión territorial, converténdose no primeiro presidente do país en usar a expresión "destino manifesto" durante un discurso inaugural. Os últimos territorios adquiridos polos Estados Unidos foron as illas Marianas do Norte, as Carolinas e as Marshall en 1947. Destas, só as Marianas pasaron a ser un territorio dos Estados Unidos, namentres as Carolinas e as Marshall se independizaron nas décadas de 1980 e 1990 baixo o Tratado de Libre Asociación.
Trump afirmou a súa intención de anexionar Groenlandia en 2019, durante o seu primeiro período á fronte do goberno. Dende a súa reelección en 2024, expresou nocións semellantes respecto do Canadá e da canle de Panamá. Tamén suxeriu a invasión de Venezuela, a anexión de México ou a toma da franxa de Gaza, así como facer presión á Igrexa Católica. Tras o secuestro do presidente de Venezuela en xaneiro de 2026, Trump reiterou o seu interese en Groenlandia, expresou a súa intención de conquistar Cuba e manifestou o seu desexo de controlar o estreito de Ormuz e mais a illa de Kharg como parte da guerra contra Irán.
A súa determinación de tratar o hemisferio occidental como esfera de influencia dos Estados Unidos foi descrita como unha recuperación da doutrina Monroe; a proclamación da Estratexia de Seguridade Nacional de 2025 foi cualificada pola administración como o "corolario de Trump" á devandita doutrina. O subxefe de gabinete Stephen Miller explicou a política exterior do goberno como unha postura dos Estados Unidos como superpotencia, afirmando: "Somos unha superpotencia. Baixo o presidente Trump, imos comportarnos como tal".
Segundo unha enquisa de YouGov de febreiro de 2025, apenas un 4% dos cidadáns estadounidenses apoiaban a expansión do país pola forza, un terzo era favorable se non implicaba coerción militar ou económica, e o 48% se opoñía a calquera expansión territorial.
Notas
Categoría:Política dos Estados Unidos de América Categoría:Donald Trump