Sibila de Anjou, nada en 1112 e finada en 1165, foi condesa consorte de Flandres. Traxectoria Filla de Fulco V de Anjou e Ermengarda de Maine, casou con Guillerme Clitón e, máis tarde, con Teodorico de Alsacia. Foi rexente de Flandres entre 1147 e 1149.

En 1123, Sibila casou con Guillerme Clitón, fillo do duque normando Robert Courthose e futuro conde de Flandres. Sibila levou consigo o condado de Maine a este matrimonio, que foi anulado en 1124 por motivos de consanguinidade. A anulación foi concedida polo papa Honorio II a petición de Henrique I de Inglaterra, tío de Guillerme. O pai de Sibila, Fulco, opúxose a esta anulación e non deu o seu consentimento ata que Honorio o excomungou e puxo en interdito o condado de Anjou. Sibila acompañou entón ao seu pai ao reino cruzado de Xerusalén, onde Fulco, viúvo, casou con Melisenda, herdeira do reino, e converteuse en rei en 1131. En 1139, Sibila casou con Teodorico, conde de Flandres, que estaba a facer a súa primeira peregrinación a Terra Santa.

Volveu a Flandres co seu novo marido, e cando el emprendeu a Segunda Cruzada, Sibila, que estaba embarazada, actuou como rexente do país. Balduíno V, conde de Hainaut, aproveitou esta oportunidade para atacar Flandres, pero Sibila contraatacou saqueando o condado de Hainaut. En resposta, Balduíno saqueou Artois. O arcebispo de Reims interveu na disputa e conseguiu que se asinase unha tregua, pero Teodorico vingouse de Balduíno ao seu regreso en 1149.

En 1157 viaxou con Teodorico na súa terceira peregrinación, pero despois de chegar a Xerusalén separouse do seu marido e negouse a regresar a Flandres con el. Fíxose monxa no convento de Santa Marta e Santa María de Betania, onde a irmá da súa madrasta, Ioveta de Betania, era abadesa. Ioveta e Sibila apoiaron á raíña Melisenda e tiveron certa influencia na Igrexa. Tamén apoiaron a elección de Amalarico de Nesle como Patriarca Latino de Xerusalén. Sibila morreu en Betania en 1165.

Descendentes Sibila tivo seis fillos con Teodorico:

Filipe de Alsacia, conde de Flandres. Mateo de Alsacia, conde de Boulogne, por matrimonio con María de Boulogne. Margarida de Alsacia, condesa de Flandres e Hainaut, casada con Balduíno V de Hainaut. Xertrudis de Alsacia, condesa de Savoia, casada con Humberto III de Savoia e máis tarde con Hugo III de Oisy. Matilde, abadesa de Fontevraud. Pedro de Flandres, bispo de Cambrai. Véxase tamén Bibliografía N. Huyghebaert, Une comtesse de Flandre à Béthanie, en "Les cahiers de Saint-André", 1964, n° 2, p. 15 Steven Runciman, A Historiy os the Crusades, vol. II: The Kingdom of Jerusalem. Cambridge University Press, 1952. Guillerme de Tiro, A History of Deeds Done Beyond the Sea. EA Babcock e AC Krey, trad. Columbia University Press, 1943.

Categoría:Finados en 1165 Categoría:Pobo francés Categoría:Condes de Flandres Categoría:Nados en 1112