Vítor Siderol foi un personaxe fantástico ó que se lle ten como descubridor do libro de maxia negra O Ciprianillo. Tras facer un pauto co demo, atopou un tesouro de moedas de ouro, co que conseguiu o seu sono de toda a vida: vivir sen traballar.
A lenda conta que se trataba dun labrego francés que vivía cerca de París. Nunca lle gustara traballar e por iso foi deixando terras sen cultivar, decisión que trouxo consigo colleitas cada vez máis cativas. Unha tarde quedou tan canso de arar as terras que ceibou os bois e, poñendo o xugo riba do arado, exclamou que prefería que o demo levase consigo o arado e mais tódolos apeiros de labranza que tiña na casa. De socato, unha voz que saía do centro da terra dixo que cumpriría ese desexo excepto co xugo, pois non quería nada que tivese unha cruz.Acostumábase a tallar no centro do xugo unha cruz ou unha pentalfa para protexer o gando do demo e o meigallo. Asustado, o Vítor colleu o xugo, xunguiu os bois e liscou correndo para a casa.
Ó espertar á mañá seguinte, comprobou que os apeiros que gardaba no alpendre desapareceran todos, así como o arado, que deixara no campo. Así que, sen medios cos que se valer, acordou marchar da aldea, vender todo o que tiña e ir buscar fortuna en París. Na casa que alugou buscou un lugar onde esconder os cartos e decidiu facelo baixo as táboas do piso. Pero ó facelo atopou agochado un libriño do que xa escoitara falar: O Ciprianillo. E ocorréuselle facer un pauto co demo, seguro de que lle axudaría xa que lle regalara tódolos seus apeiros. No libro explicábase como entrar en contacto co demo.
Roubou unha galiña negra e foi onda unha encrucillada, pensando que o demo non andaría lonxe. Trazou un círculo cunha vara de abeleira, púxose dentro e colocou a galiña no centro, e ás doce en punto pronunciou un ensalmo, e o demo aparecéuselle ante el.Na versión de Vítor Vaqueiro, o demo aparece montado sobre unha cabra e é nese momento cando Siderol traza o círculo arredor de si cunha garrafa de viño que levaba. Era un home grande e forte, con cornos de carneiro, rabo de mono e pezuños de castrón. Con voz profunda, preguntoulle a Siderol o que quería, ó que este contestou, tremendo de medo, que quería que lle descubrise o futuro sempre que el llo preguntase, ó que o demo accedeu sen discutir. Por suposto, o demo fíxolle asinar co seu sangue un documento no que Siderol lle entregaba a alma.
O demo comezou xa desde entón a concederlle desexos (unha cea abundante e saborosa) e promételle detallar onde atopar varios tesouros (unha mina de ouro, unha ola chea de diamantes), e entre eles un de centos de dobróns de ouro que un vello usureiro de Baiona enterrara nas súas terras. Todo isto, e un cento de tesouros máis, esperaban por el agochados en Galicia,"Na planura hispánica, na derradeira estrema do norde". pero só lle explicaría como atopalos se lles regalaba ós pobres todo canto tiña, xa que nunca máis ía necesitar o seu diñeiro; para que chamase por el, o demo deulle unha lanterna que debía acender cando precisase del. Así o fixo, e cando xa non lle quedaba chica prendeu a lanterna.
Grazas ós consellos do demo -e a unha moeda de ouro que atopou- conseguiu un premio da lotería e coñecer unha fermosa moza, Rosa, acompañada da nai. Na casa delas, Siderol aproveita a ausencia da nai para xacer coa moza, aínda que despois, avergonzado (e namorado) pediulla en matrimonio. Pero todo foi unha trampa e nai e filla fuxiron roubándolle o seu diñeiro. Siderol maldice ó demo pero este dille que non tiña que andar xogando con certas mulleres, e déixao levando consigo a lanterna.
Desesperado e sen recursos, Siderol intentou gañar un diñeiro escribindo un libro de feitizos, agoiros e sortilexios, é dicir, o libro que atopara, enriquecido con referencias adiviñatorias da súa colleita, pero o bispo mandouno prender por feiticeiro, así que se decidiu a ir, como lle dixera o demo, a aquela terra onde estaban enterrados os tesouros. Xuntouse cos peregrinos do Camiño de Santiago e, tras 52 días de andaina deu en chegar a San Lourenzo de Barxacova (Parada de Sil).O itinerario e a identificación dos topónimos tómanse de Álvarez Blázquez. Morto de fame e descalzo volveu pedirlle axuda ó demo, quen o dirixiu ata Bembibre (en Viana do Bolo), onde por fin o demo puxo comida á súa disposición.
Finalmente, chegou a Abavides (en Trasmiras), onde o demo lle sinalou como acceder ó primeiro tesouro, pero antes fíxolle asinar un novo pauto entregándolle a alma dos fillos que tería no futuro (pois aseguroulle que casaría cunha moza moi parideira). Un corvo pousouse nun penedo e abriuse unha cova na montaña, deixando ver unha morea de moedas de ouro. Colleu un cofre cheo de moedas e cargou con el ata a aldea de Damil (Xinzo de Limia), onde se hospedou. Buscou unha casa en venda e estableceuse no lugar.
Ó pouco casou con Manuela, unha fermosa moza que o fixo feliz e que, co tempo, lle deu oito fillos. Pero unha noite de forte treboada, Siderol recordou como alcanzara a súa riqueza e o prezo que debía pagar por ela. Cando se deu de conta do que fixera comezou a andar triste, pensativo e ausente e, por máis que Manuela lle preguntaba o que lle pasaba, el non se atrevía a dicirllo. Ata que tanto teimou ela que ó final Siderol lle confesou o pauto que fixera co demo.
Manuela fuxiu do seu lado, negándose a convivir máis cun condenado, e foillo contar todo a nai, que soubo buscar unha solución, convencida da bondade do home. Mandou chamar un crego para que lle impuxese a estola e así conseguir que o demo lle devolvese as escrituras. Mesmo chamou outro crego para que lle botase uns exorcismos, pero cando o demo veu o que tramaba ameazou a Siderol con afundilo nos infernos só con que se atrevese a mirar para a igrexa. A sogra, ó sabelo, agochoulle nun dos petos un frasquiño con auga bendita. Así protexido, pois o demo non podería actuar contra el mentres levase enriba a auga bendita, foron á igrexa e o crego exconxurouno ata que o demo deixou ó pé do altar os contratos asinados. Unha vez liberado do demo, Siderol confesouse e volveron á súa casa.
E foron felices e riquísimos ata o momento de morrer, el con 109 anos e ela, tres meses despois, con 94.
Notas
Véxase tamén Bibliografía : Os tesouros de Galicia, ou seña, Historia verdadeira acontecida no Reino de Galicia e mais relación dos tesouros e encantos. Ed. Castrelos, Vigo 1974 (colección O Moucho 38); edición facsimilar El País 2008.
categoría:Mitoloxía galega