miniatura|Modelo do olaparib. Olaparib, vendido co nome comercial de Lynparza, é un medicamento usado como tratamento de mantemento de cancro de ovario con BRCA mutado en adultos. É un inhibidor de PARP, que inhibe a poli (ADP-ribosa) polimerase (PARP), un encima que actúa na reparación do ADN. Actúa contra cancros en persoas con mutacións hereditarias en BRCA1 ou BRCA2, entre os que están algúns cancros de ovario, mama e próstata.

En decembro de 2014, a Axencia Europea do Medicamento (AEM) na Unión Europea e a Food and Drug Administration (FDA) nos Estados Unidos aprobaron o uso de olaparib como axente único .

Usos médicos Olaparib está indicado para o tratamento do cancro de mama, cancro de ovario, cancro de trompas de Falopio, cancro peritoneal, cancro de páncreas e cancro de próstata.

Efectos secundarios Os seus efecos secundarios son: efectos gastrointestinais como náuseas, vómitos e perda de apetito; fatiga; dor muscular e articular; e baixas contaxes sanguíneas como anemia, con leucemia ocasional. Ás veces observouse somnolencia en ensaios clínicos que usaban doses máis altas das aprobadas.

Mecanismo de acción Olaparib actúa como inhibidor o encima poli (ADP-ribosa) polimerase (PARP), e pertence aos inhibidores de PARP. As mutacións en BRCA1/2 poden predispoñer xeneticamente ao desenvolvemento dalgunhas formas de cancro, e poden ser resistentes a outras formas de tratamento do cancro. Porén, estes cancros ás veces teñen unha vulnerabilidade única, xa que as células cancerosas aumentan a súa dependencia da PARP para reparar o seu ADN e iso permítelles seguir dividíndose. Isto significa que os fármacos que inhiben selectivamente a PARP poden ser beneficiosos se os cancros son susceptibles a este tratamento.

Historia Olaparib desenvolveuno e dosificouno primeiro en pacientes a compañía biotecnolóxica con sede en Reino Unido KuDOS Pharmaceuticals, que fora fundada por Stephen Jackson da Universidade de Cambridge, Reino Unido. Unha vez que KuDOS foi adquirida por AstraZeneca en 2006, o fármaco foi desenvolvido clinicamente por AstraZeneca e Merck & Co.

En decembro de 2014 a FDA estadounidense e a AEM da Unión Europea aprobaron o uso de olaparib como monoterapia. A aprobación da FDA é para cancro de ovario avanzado con BRCA mutado na liña xerminal (gBRCAm) que fose tratado previamente con tres ou máis liñas de quimioterapia. O informe de avaliación público da AEM, que utilizou os mesmos datos de ensaios en fase II, facía referencia a "cancro de ovario seroso de alto grao" e ao uso de olaparib "non despois de 8 semanas despois dun tratamento con medicinas baseadas en platino, cando o tumor estaba diminuíndo en tamaño ou desaparecera completamente".

Olaparib en combinación con temozolomida demostrou ter unha substancial actividade clínica en cancro de pulmón de células pequenas con recaída.

En xaneiro de 2018, olaparib converteuse no primeiro inhibidor de PARP aprobado pola FDA para o cancro de mama metastático gBRCAm. No cancro de mama, olaparib está aprobado para pacientes metastáticos con gBRCAm con HER2 negativo que previamente foron tratados con quimioterapia neoadxuvante ou adxuvante. Se o paciente ten un cancro positivo para o receptor de hormona, debería recibir a terapia endócirina apropiada.

En agosto de 2017, as tabletas de olaparib aprobáronse os Estados Unidos para o tratamento de mantemento de adultos con cancro de ovario epitelial recorrente, de trompa de Falopio ou cancro peritoneal primario, que responderon total ou parcialmente á quimioterapia baseada no platino. A formulación foi cambiada de cápsulas a tabletas e as cápsulas foron deixando de usarse nos Estados Unidos. As cápsulas e as tabletas non son intercambiables.

En decembro de 2018 foi aprobado nos Estados Unidos para o tratamento de mantemento de adultos con cancro ou sospeita de cancro de ovario epitelial avanzado con BRCA mutado na liña xerminal ou somática (gBRCAm or sBRCAm), cancro de trompa de Falopio ou cancro peritoneal primario que responderon total ou parcialmente á quimioterapia de primeira liña baseada no platino.

En decembro de 2019 aprobouse tamén para o adenocarcinoma pancreático metastático (gBRCAm) cuxa doenza non progresase con polo menos 16 semanas de tratamento de quimioterapia baseada no platino de primeira liña. A FDA tamén aprobou o test BRACAnalysis CDx (de Myriad Genetic Laboratories, Inc.) como diagnóstico complementario para a selección de pacientes con cancro pancreático para o tratamento con olaparib con xenes BRCA1 ou BRCA2 mutados na liña xerminal.

En marzo de 2022, olaparib foi aprobado como tratamento adxuvante en adultos con cancro de mama de alto risco co receptor do factor de crecemento epidérmico humano 2 (HER2) negativo con mutación en BRCA na liña xerminal (gBRCAm) maligno ou sospeitoso que foron previamente tratados con quimioterapia adxuvente ou neoadxuvante.

Notas

Categoría:Fluoroarenos Categoría:Lactamas Categoría:N-benzoilpiperazinas Categoría:Fármacos orfos Categoría:Inhibidores encimáticos Categoría:Ftalazinas Categoría:Compostos ciclopropil