Guillermo Quintana Lacaci, nado en Ferrol o 6 de xullo de 1916 e asasinado en Madrid o 29 de xaneiro de 1984, foi un militar galego.
Criado en Cee, incorporouse moi novo ao bando sublevado na guerra civil española. En 1979, foi nomeado capitán xeral da I Rexión militar con sede en Madrid, emprego que tiña cando se produciu o golpe de Estado de 23 de febreiro de 1981. Aliñado ao lado da legalidade constitucional, facilitou coa súa actitude o fracaso do golpe. Morreu asasinado pola ETA o 29 de xaneiro de 1984.
Traxectoria Neto de militares e fillo do tamén militar Guillermo Quintana Pardo, Guillermo Quintana Lacaci ingresou na Academia Xeral Militar en 1935, despois de cursar o primeiro ano de carreira de Ciencias Exactas, como era preceptivo naquel tempo, na Universidade de Santiago de Compostela.
O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno na casa familiar, en Cee, onde o pai era mestre de matemáticas, concelleiro e militar. Quintana Lacaci era xa cadete da arma de Infantaría e, coma o pai, colaborou co bando golpista. Participou na Guerra Civil primeiro como alférez alumno e despois como tenente provisional, alistado no Rexemento de Infantaría Zamora núm. 8 e máis tarde no IV Tabor de Regulares de Ceuta. Ao remate da guerra, alistouse voluntario na División Azul para combater na campaña de Rusia, e como consecuencia foi condecorado coa Cruz de Ferro de 2.ª clase e a Medalla Militar Individual.
Coa categoría de xeneral exerceu o mando da Brigada de Alta Montaña de Chaca e foi director da Academia Xeral Militar de Zaragoza, Segundo xefe de tropas en Galicia e Gobernador militar de Pontevedra, subinspector da VIII Rexión Militar e potsteriormente gobernador militar da Coruña. Ao que o promoveron a tenente xeral, púxose á fronte da I Rexión Militar, con sede en Madrid, posto onde permaneceu desde maio de 1979 até abril de 1982.
Actuación durante o golpe de Estado do 23-F Sendo capitán xeral de Madrid, parte do exército español promoveu o golpe de Estado do 23-F de 1981, contra a incipiente democracia. Nese momento Quintana Lacaci acatou as ordes d-el Rei de non mover as tropas ao seu mando. A unidade do exército mellor armada, a División Acoirazada Brunete, atopábase daquela acuartelada na I Rexión Militar: o seu xefe, o xeneral madrileño José Juste, chamou a Quintana Lacaci anunciándolle que se dispuña a ocupar Madrid seguindo as ordes do xeneral Milans del Bosch, mais Quintana Lacaci díxolle que revogase as medidas adoptadas, mantivese acuartelada a división, e que as unidades que xa saíran á rúa voltasen ao cuartel. Juste acatou a orde, mentres Quintana Lacaci discutía cos xefes de rexemento da D.A. Brunete, que rexeitaban obedecer a contraorde. Horas despois, Quintana Lacaci tamén ordenou que o xeneral Luis Torres Rojas, que se desprazara desde Galicia a Madrid, abandonase inmediatamente a cidade.
Asasinato O 29 de xaneiro de 1984, Quintana Lacaci dirixíase a pé e sen escolta á casa, situada nunha colonia de vivendas militares no barrio de Argüelles, en Madrid, despois de asistir como cada domingo e á mesma hora á misa de mediodía na parroquia de Cristo Rei (no número 91 da rúa de Martín de los Heros). Ía canda a muller, María Elena Ramos, de 58 anos.
Cando se achegaban ao portal nº 20 da rúa de Romero Robledo, concretamente entre os números 16 e 18, dúas persoas (identificadas posteriormente como Henri Parot e Juan Lorenzo Lasa Mitxelena «Tkikierdi»), comezaron a disparar contra o militar, por detrás e desde moi preto. Despois do atentado atopáronse 13 vaíñas de 9 mm parabellum, marca Geco, munición habitualmente daquela utilizada polo grupo terrorista ETA Militar.
Quintana Lacaci caeu ao chan inmediatamente, con varios disparos na cabeza, sen que lle dese tempo a utilizar unha pistoliña que levaba. Quintana, xa sen vida, foi atendido inmediatamente pola esposa. No curso do tiroteo resultou tamén ferido levemente o coronel retirado Ángel Francisco Gil Pachón, de 64 anos, que paseaba polo lugar. A muller tamén resultou ferida leve nunha perna e levárona despois ao hospital militar de Chamberí (daquela chamado Generalísimo Franco), onde coidaron dela. Os autores dos disparos fuxiron nun automóbil Renault 18 branco, onde había outras dúas persoas, unha delas ao volante.
En sentenza ditada máis de vinte anos despois, o 27 de decembro de 1996, a Audiencia Nacional condenou os membros da ETA Henri Parot e Juan Lorenzo Lasa Mitxelena «Tkikierdi», a senllas penas de 30 anos de cárcere. A Parot tamén o condenaron a outros 8 meses de cárcere por dous delitos de lesións. A sentenza establecía ademais que os dous condenados debían indemnizar os herdeiros do militar asasinado con 50 millóns de pesetas, aínda que se decretou a insolvencia de ambos os terroristas.
Notas
Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Golpe de Estado en España de 1981 Categoría:Membros da División Azul Categoría:Militares da guerra civil española do bando sublevado Categoría:Finados en 1984 Categoría:Nados en 1916 Categoría:Galegos asasinados por ETA Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela