Luis Torres Rojas, nado en Melilla o 13 de outubro de 1918 e finado en Madrid o 13 de abril de 2014, foi un militar español, gobernador militar da Coruña, que se sumou ao golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981.

Traxectoria Torres Rojas, xa falanxista de mozo, ingresou no Exército español como voluntario en Tetuán nos primeiros días de agosto de 1936, tres semanas despois do golpe de Estado do 18 de xullo de Francisco Franco. Alférez provisional de infantería desde maio de 1937, estivo destinado durante a guerra civil na fronte de Madrid, ao primeiro dentro das unidades da Falange, e desde abril de 1938, das mehal-las khalifianas, un grupo de cabalaría norteafricana. En 1939, pouco antes do remate da guerra, ascende a tenente provisional.

Ao remate da guerra foi destinado a Larache (Marrocos) e en 1941 entrou na academia de oficiais de Guadalaxara. Diplomouse en Educación física en 1943 e continuou no exército ata que en 1961, cando xa era tenente coronel, empezou a formarse como paracaidista. En 1961 foi destinado á BRIPAC, daquela aínda denominada Agrupación de Banderas Paracaidistas, onde Torres Rojas foi ascendendo e formándose (con cursos nos Estados Unidos), ata que en novembro de 1975, tres días antes de morrer Franco, e xa como xeneral de brigada, foi nomeado xefe da BRIPAC.

Durante a primeira transición, Torres Rojas foi unha das cabezas do inmobilismo do exército español: enfrontouse a Gutiérrez Mellado pola posible reincorporación dos militares demócratas da UMD (Unión Militar Democrática) ao exército e como consecuencia dun discurso onde Gutiérrez Mellado falara de España como "nación plural". En abril de 1979 foi ascendido a xeneral de división, en maio gobernador militar de Málaga, e sen ocupar a praza, recibiu o mando da División Acoirazada Brunete, na altura a división máis poderosa do ecército español. Nese posto volveu ter enfrontamentos coa parte civil, co ministro de Defensa Agustín Rodríguez Sahagún, e co seu superior xefe da I Rexión Militar, o xeneral galego Guillermo Quintana Lacaci. Eses enfrontamentos desembocaron nunha conspiración, a finais de 1979 e primeiros de 1980, para dar un golpe de Estado tomando o palacio da Moncloa. A conspiración foi desartellada coa detención de dous capitáns destinados en Melilla, José Tormo e Carlos González de las Cuevas, e coa destitución de Torres Rojas en xaneiro, que foi apartado e nomeado gobernador militar da Coruña.

Meses despois, ao daren parte do exército español e a Garda Civil o golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, Torres Rojas saíu na mañá cedo da Coruña para Madrid para sumarse aos sublevados da División Acoirazada Brunete, que daquela estaban so o mando do xeneral José Juste. Isto é, Torres Rojas era coñecedor do golpe antes de que Tejero entrase no Congreso dos Deputados. Tras presións de Guillermo Quintana Lacaci, na altura ao mando da I Rexión Militar (Madrid e Centro), regresou á Coruña a través do aeroporto da Lavacolla. O golpe fracasou ás poucas horas.

Tralo xuízo aos responsables do 23F, Torres Rojas foi declarado culpable e condenado a 12 anos. Porén, saíu de prisión en 1988 por problemas na vista. Faleceu vinte anos máis tarde, en 2014.

Notas

Categoría:Nados en Melilla Categoría:Nados en 1919 Categoría:Militares de España Categoría:Golpe de Estado en España de 1981 Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Finados en 2014