Carlos Alberto Alonso Iglesias, nado en Ferrol o 19 de novembro de 1970, é un cineasta galego.

Traxectoria Entrou no mundo da comunicación a mediados da década de 1980 a través de esporádicas colaboracións de radio en Onda Obreira e Radio Fene. Entrementres, realizaba o fanzine 18Rodas e cantaba no grupo de rock Malpaso. En 1987 comezou a rodar os seus primeiros traballos en vídeo. En 1994, durante un ano, realizou para a televisión local de Narón o programa Gorevisión, por onde pasaron artistas como Siniestro Total, Deltonos, Santiago Segura, Toñito Blanco ou Ben Vaugh.

Despois de tres intentos entrou na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Alí realizou diversas curtametraxes ata que participou nun concurso de guión da Xunta de Galicia para rodar en 35 mm. Adaptou un relato de Julio Cortázar co nome de Día de Suerte. Malia que non gañou, un compañeiro gañador cedeulle o premio. O proxecto rodouse baixo o título de The End (1996-2000). A curtametraxe exhibiuse no Festival de Cine Independente de Ourense, pero pasou catro anos esquecido ata que se exhibiu en salas comerciais xunto con curtas como Coruña imposible de Francisco Rañal ou Unha luz encendida de Alber Ponte. En 1996 realizou o videoclip do tema "Superheroe" que o grupo Blood Filloas compuxera para o programa Xabarín Club da TVG.

En 1998 muda a súa residencia a Barcelona cunha bolsa da Deputación da Coruña. Alí estudou Dirección Cinematográfica e Guión no Centro de Estudios Cinematográficos de Cataluña. Dende Cataluña preparou, tamén en 35 mm, unha curtametraxe inspirada nun relato do escritor mozambicano Mia Couto, As Muxicas, que foi rodada en Monfero e Caaveiro, na provincia da Coruña, e coas que acadou un bo número de premios e nomeamentos en diversos festivais polo mundo adiante. Tamén dende Cataluña colaborou coa peza ¿Nunca Mais? na longametraxe colectiva Hai que botalos.

Regresou a Galiza no 2005. Entre xuño e decembro do 2006 traballou como axudante de realización na Casa de 1906, ocupándose ademais da dirección do derradeiro capítulo, Así se fixo A Casa de 1906. Ó ano seguinte seguiu no equipo da segunda edición do programa, A casa de 1907.

Filmografía As Aventuras do Capitán Hixiénico. Curtametraxe (1992) Par de min. Curtametraxe, baixo o pseudónimo de Norman Lourido (1993) Gorevisión TV. Programa de TV (1993-1994) Perla. Curtametraxe documental (1995) Ave Fénix. Curtametraxe (1996) The End. Curtametraxe (1996) "Superheroe". Videoclip do grupo Blood Filloas (1996) As Muxicas. Curtametraxe (2002) Nunca Mais?, dentro da longametraxe colectiva Hai que botalos (2005) A casa de 1906. Axudante de Realización do programa de TV (2006) Así se fixo A Casa de 1906. dirección do Making Off do programa de televisión (2006) A casa de 1907. Axudante de Realización do programa de TV (2007) "Una desconocida mas". Videoclip de Roger de Flor (2007) Así se fixo Mínimo Común Multiplo. Making Off de Curtametraxe (2008) "Os dous amigos". Videoclip de Roger de Flor (2008) "Cuanto hay que aguantar". Videoclip de Roger de Flor (2008) "Dias Monotonos". Videoclip de Roger de Flor (2008) The End: The Director's Cut. Curtametraxe (1996-2009) Roger de Flor: Naturalidade Silvestre. Longametraxe documental (2010)

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina Oficial de Carlos Alberto Alonso Ficha na Axencia Galega Audiovisual C.A. Alonso en Youtube C.A. Alonso en Myspace Blog de C.A. Alonso

Categoría:Nados en 1970 Categoría:Directores de cinema de Galicia Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes