Dolores Keane, nada en Sylane (preto de Tuam, Irlanda), o 26 de setembro de 1953 e finada en Caherlistrane, condado de Galway o 16 de marzo de 2026, foi unha cantante irlandesa de folk, música celta e música tradicional irlandesa. Foi cofundadora do grupo De Dannan, antes de comezar a súa carreira en solitario. O seu irmán, Seán Keane, tamén tivo unha exitosa carreira musical.
Traxectoria Comezos Desde os catro anos, foi criada polas súas tías Rita e Sarah Keane, tamén recoñecidas cantantes de sean-nós. Keane comezou a cantar moi cedo, influenciada polas súas tías. Fixo a súa primeira gravación para Radio Éireann en 1958, aos cinco anos.
De Dannan En 1975 foi membro fundador do grupo Dé Danann, co que publicou ese mesmo ano o álbum homónimo de estrea. O nome da formación, segundo o violinista de fiddle Frankie Gavin, foi tomado dos Tuatha Dé Danann, pobo mítico que no Lebor Gabála Érenn antecede aos milesianos descendentes de Breogán.
O grupo acadou recoñecemento internacional, e a súa interpretación de "The Rambling Irishman", coa voz principal de Keane, converteuse nun grande éxito en Irlanda e no estranxeiro. En 1976 deixou a banda, substituída temporalmente por Andy Irvine, e participou no Bonaparte's Retreat dos Chieftains, sendo a primeira gravación da banda cunha voz feminina. Pouco despois casou co multiinstrumentista John Faulkner, con quen gravou tres álbums a dúo.
En diversas ocasións, ao longo da súa traxectoria nas décadas de 1980 e de 1990, Keane volveu colaborar co grupo.
Carreira en solitario Keane traballou con Faulkner en Londres durante varios anos antes de mudarse a Irlanda a principios da década de 1980. Colaboraron en varias bandas sonoras e programas para a BBC e formaron dúas bandas de éxito: The Reel Union e Kinvara. Neste período, Keane gravou o seu primeiro álbum en solitario e dous discos posteriores. A mediados dos anos 80, reuniuse con De Dannan e gravou dous álbums máis con eles.
En 1988, Keane lanzou o seu álbum homónimo Dolores Keane. O seu seguinte álbum, lanzado en 1989, incluía a canción "Lion in a Cage", escrita por John Faulkner, en protesta polo encarceramento de Nelson Mandela, que se converteuse no primeiro nº1 de Keane en Irlanda, e interpretouna na celebración da liberación de Mandela.
A carreira de Dolores deu un novo xiro cando interpretou o papel feminino principal na produción dublinesa de The Hostage, de Brendan Behan, á cuxa estrea asistiu Mary Robinson, daquela presidenta de Irlanda.
En 1992, Keane foi unha das seis cantantes irlandesas que contribuíron coa súa música no recompilatorio A Woman's Heart. O álbum, no que tamén participaron Eleanor McEvoy, Mary Black, Frances Black, Sharon Shannon e Maura O'Connell, converteuse no álbum máis vendido da historia irlandesa. A Woman's Heart Vol. 2 publicouse a finais de 1994 e tamén alcanzou o primeiro posto das listas irlandesas. Ese mesmo ano, Keane lanzou o seu álbum en solitario Solid Ground.
En 1995, Keane recibiu o premio Fiddler's Green Hall of Fame en Rostrevor, no Condado de Down, pola súa "significativa contribución á música e á cultura irlandesas". Nese mesmo ano, participou na produción dublinesa de "The Playboy of the Western World" de J. M. Synge. Dolores colaborou na produción televisiva de RTÉ / BBC "Bringing It All Back Home" (1991), unha serie de programas que ilustraban a difusión da música irlandesa nos Estados Unidos. Contou con actuacións de Keane en Nashville, Tennessee, xunto a Emmylou Harris, e tamén na súa casa en Galway coas súas tías Rita e Sarah.
En agosto de 1997, Keane volveu ao número un da lista de álbums irlandeses cunha recompilación dos seus grandes éxitos e en 1998, lanzou outro álbum de estudio, Night Owl. Malia a súa exitosa carreira en solitario, a finais da década de 1990, Keane volveu xirar con De Dannan, actuando ante grandes multitudes en salas de Birmingham, Alabama e Nova York entre outras.
En 2001 figurou no cartel do ciclo madrileño Emociona!!! Celta, no que tamén participaron os músicos galegos Emilio Cao, Uxía e Susana Seivane.
Legado musical Dolores Keane é coñecida mundialmente pola súa voz profunda e melódica. As súas gravacións de cancións como "Caledonia" de Dougie MacLean, "Galway Bay" de Frank A. Fahey, "The Island" de Paul Brady e "Never Be the Sun" de Donagh Long considéranse unhas das mellores interpretacións destas pezas. A cantante Nanci Griffith dixo dela: "Keane, a raíña do sentimento irlandés, ten unha voz sagrada". O 17 de abril de 2022, Keane recibiu un premio á traxectoria na cerimonia de entrega dos Premios de Música Tradicional Irlandesa TG4 Gradam Ceoil, celebrada no National Concert Hall de Dublín.
Vida persoal Keane casou co músico John Faulkner en 1977, con quen xa colaborara en varias ocasións. Após un embarazo difícil, tivo o seu primeiro fillo, Joseph, que naceu coa síndrome de Bardet-Biedl. O matrimonio rematou en 1988. Posteriormente mantivo unha longa relación con Barry "Bazza" Farmer, con quen tivo unha filla chamada Tara.
A finais da década de 1990, Keane deixou de gravar e xirar por mor da depresión e do alcoholismo, e recibiu tratamento para ambas as dúas doenzas. En 2014 soubo que estaba libre de cancro, despois de padecer a enfermidade.
En novembro de 2024 recibiu un doutoramento honoris causa en Música pola University of Galway.
Keane morreu na súa casa de Caherlistrane, no condado de Galway, o 16 de marzo de 2026, aos 72 anos.
Discografía
En solitario
There Was a Maid (1978) Dolores Keane (1988) Lion in a Cage (1989) Solid Ground (1993) Night Owl (1997)
Dé Danann / De Dannan
De Danann (1975) Anthem (1985) Ballroom (1987)
Dolores Keane e John Faulkner
Broken Hearted I'll Wander (1979) Farewell to Éirinn (1980) Sail Óg Rua (1983)
Rita Eriksen e Dolores Keane
Tideland (1996)
Recompilacións
The Best of Dolores Keane (1997) Where Have All the Flowers Gone (More of the Best of Dolores Keane) (2003) Anthology (2023) Celebrating Seventy Years (2023)
John Prine
In Spite of Ourselves (1999)
Antoloxías
A Woman's Heart (1992) A Woman's Heart 2 (1994) Bringing It All Back Home (2000) 2 CDs
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Canto Sean-nós Música celta Música irlandesa
Categoría:Nados en 1953 Categoría:Finados en 2026 Categoría:Cantantes de Irlanda Categoría:Música de Irlanda Categoría:Folk celta