Terrance Michael Drew, nado en San Cristovo-Nevis-Anguila (hoxe Saint Kitts e Nevis) o 22 de novembro de 1976, é un médico e político de Saint Kitts e Nevis, que exerce como cuarto e actual primeiro ministro do seu país desde 2022 e como líder do Partido Laborista desde 2021.

Traxectoria Graduouse no Clarence Fitzroy Bryant College en 1996 e dende os 19 anos traballou como profesor a tempo parcial no instituto de Basseterre. En 1998 foi a Cuba para estudar Medicina e graduouse na Universidade de Ciencias Médicas de Villa Clara en Santa Clara. Posteriormente regresou a Saint Kitts para traballar como médico xeral. En 2010 mudouse a El Paso para completar a súa residencia en medicina interna e graduouse no Centro de Ciencias da Saúde da Universidade Texas Tech en 2013.

Disputou sen éxito a circunscrición número 8 polo Partido Laborista nas eleccións de 2015 e 2020, perdendo fronte a Eugene Hamilton, do Movemento de Acción Popular.

Foi elixido líder do Partido Laborista o 28 de novembro de 2021 nas eleccións á dirección celebradas na conferencia do partido, onde obtivo o 45 % dos votos emitidos.

Nas eleccións xerais anticipadas celebradas o 5 de agosto de 2022, foi elixido membro do parlamento pola circunscrición número 8 e liderou o Partido Laborista para gañar unha maioría con seis dos once escanos no parlamento. Xurou oficialmente o cargo o 15 de agosto de 2022, con Drew á fronte do goberno como primeiro ministro e ostentando as carteiras de Ministro de Facenda, Seguridade Nacional, Cidadanía e Inmigración, Sanidade e Xestión de Recursos Humanos e Seguridade Social. Tamén é membro do Consello Monetario do Banco Central do Caribe Oriental.

En 2023, tras a coroación do rei Carlos III, Drew declarou que o seu goberno realizaría unha consulta pública sobre o movemento republicano.

Notas

Categoría:Primeiros ministros de Saint Kitts e Nevis Categoría:Nados en 1976