A exhumación de Francisco Franco efectuouse o 24 de outubro de 2019 logo de que a aprobase o primeiro Goberno de Pedro Sánchez en febreiro dese mesmo ano. Inicialmente prevista para antes do 1 de marzo de 2019, atrasouse debido á suspensión cautelar adoptada por un xuíz de Madrid, e posteriormente tamén polo Tribunal Supremo. Finalmente, o 24 de setembro de 2019 o Tribunal Supremo avalou a exhumación, desestimando o recurso presentado pola familia, así como a súa inhumación no cemiterio de Mingorrubio. O Goberno determinou que os restos do ditador fosen trasladados dende o Valle de Cuelgamuros ao cemiterio de Mingorrubio, en El Pardo (Madrid), tras rexeitarse a localización da catedral da Almudena de Madrid proposta pola familia de Franco.

Contexto

Antecedentes históricos miniatura|Francisco Franco, á dereita, durante o seu último ano de vida xunto a Carlos Arias Navarro O xeneral Francisco Franco foi parte do grupo de rebeldes que deu un golpe de estado o 18 de xullo de 1936 durante a Segunda República española. O fracaso parcial deste fixo que estalase unha guerra civil que se prolongou até 1939. Franco liderou durante a guerra civil nalgunhas partes de España ata que o 1 de abril de 1939 pasou a gobernar toda España até a súa morte en 1975. Nese período coñecido como franquismo, foi o xefe do Estado. A ditadura xurdida da guerra civil foi considerada como un goberno que recorría a tácticas de violencia, represión e censura contra a oposición. Coa morte de Franco en 1975 iniciouse a chamada «Transición española». Adolfo Suárez, que fora ministro secretario xeral do Movimiento do primeiro Goberno da Monarquía despois da morte de Franco, foi nomeado presidente en xullo de 1976. Iniciouse a transformación do país nunha democracia, pondo fin ao sistema legal da época franquista.

O Valle de los Caídos, situado no que entón era a provincia de Madrid, construíuse entre 1940 e 1958 como idea inicial de Franco para honrar a memoria dos caídos e a «unidade e irmandade entre españois». O ditador nunca manifestou publicamente onde quería ser enterrado, aínda que hai motivos para pensar que non quería que o seu corpo acabase no Valle ou, polo menos, que non considerou esa posibilidade. Desde a morte de Franco e a restauración da democracia o Goberno, segundo a súa cor política, adoitaba ter opinións variábeis e mesmo contrapostas sobre o conxunto monumental e o seu simbolismo. Varios organismos e informes de expertos instárono a que o corpo de Franco fose retirado, ou nalgúns poucos casos mesmo defenderon a demolición do monumento.

Exhumación e recolocación miniatura|O Valle de los Caídos, no municipio de San Lorenzo de El Escorial miniatura|Panteón do Cemiterio de Mingorrubio en El Pardo (Madrid). Desde 2019 acolle os restos de Franco tras a súa exhumación do Valle de los Caídos. Na cripta xa repousaban os restos da súa esposa, Carmen Polo miniatura|Reixa exterior do panteón de Franco no Cemiterio de Mingorrubio en xullo de 2021. O entón secretario xeral Pedro Sánchez, do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), prometera que os restos de Franco serían retirados do Valle de los Caídos en cumprimento do mandato do Congreso dos Deputados. Pedro Sánchez chegou ao goberno mediante unha moción de censura contra o presidente Mariano Rajoy en 2018, polo que foi designado presidente do Goberno.

O Consello de Ministros estabeleceu un procedemento para dar trámite xurídico á exhumación, conceder audiencia á familia e outros interesados, e determinar o lugar da inhumación. Nomeou como instrutora do expediente a Cristina Latorre Sancho, quen nese momento era diplomática e subsecretaria de Xustiza. A instrución, longa e rigorosa, foi apoiada por un equipo de profesionais xuristas da Administración. O expediente alcanzou case mil páxinas. Tivo numerosos recursos que se foron resolvendo ao longo do procedemento e nos tribunais, que deron a razón á instrutora.

O 15 de febreiro a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, elevou ao Consello de Ministros a proposta da instrutora. Informou a decisión do Goberno de retirar os restos de Franco do Valle de los Caídos, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Confirmouse na proposta que a inhumación de Franco non podería facerse na catedral da Almudena de Madrid por razóns de seguridade e pola propia Lei de Memoria Histórica para impedir a transformación da devandita catedral, lugar de culto relixioso, nun lugar de exaltación de Franco e o seu réxime. Así, déuselle de novo á familia a posibilidade de elixir un lugar de inhumación. Porén, no caso de que a familia non se puxese de acordo ou non se pronunciase sobre a exhumación do corpo, o mesmo Goberno decidiría onde debían recolocarse os restos de Franco. O cemiterio de Mingorrubio, no barrio madrileño de El Pardo, propúxose como un potencial destino para os restos.

En setembro de 2019 o presidente da Sección Cuarta da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo, Jorge Rodríguez-Zapata, xunto cos maxistrados Segundo Menéndez, Pablo Lucas (relator), Celsa Pico, Pilar Teso e José Luis Requero resolveron os recursos interpostos. Determinaron todo o procedemento como axeitado, incluída a utilización do instrumento do real decreto lei para a exhumación. Malia a posición do Vaticano de non interferir, o prior da abadía, Santiago Cantera, mostrou nun inicio a súa intención de desacatar a sentenza do Tribunal Supremo e afirmou que non autorizaría o acceso á basílica. Amparouse no tratado internacional entre España e o Vaticano asinado en 1979, que prohibe ás autoridades civís entraren en lugares de culto católico sen permiso do Vaticano.

O Goberno tentou infructuosamente negociar coa familia Franco a exhumación do ditador.

Determinouse que os restos de Franco fosen trasladados desde o Valle de los Caídos até a cripta do cemiterio de Mingorrubio, en El Pardo (Madrid), despois de o Goberno español rexeitar a localización da catedral da Almudena de Madrid, proposta por segunda vez pola familia Franco. Como representante do Goberno, a portavoz do Consello de Ministros defendeu a exhumación como parte necesaria da «reconciliación entre españois».

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo desestimou as medidas cautelares para parar a exhumación. Pola súa parte, tanto o Tribunal Constitucional como o Tribunal Supremo desestimaron os recursos presentados pola familia Franco para evitar a exhumación. Así, o xuíz Yusti arquivou tamén o procedemento aberto sobre as presuntas deficiencias na licenza de obras.

Á exhumación acudiron Félix Bolaños, secretario xeral da Presidencia do Goberno (como coordinador do dispositivo de exhumación), a ministra de Xustiza Dolores Delgado (en calidade de notaria maior do Reino), o subsecretario da Presidencia e Miguel Ángel Oliver, secretario de Estado de Comunicación. Participaron 20 descendentes do ditador, ademais do avogado da familia Martínez-Bordiú Franco, Luis Felipe Utrera Molina. Varios dos descendentes encargáronse de sacar sobre os ombreiros o féretro de Franco da abadía. Anteriormente o prior, Santiago Cantera, oficiara un responso. O cadaleito foi trasladado nun helicóptero do Exército do Aire ao cemiterio de Mingorrubio para ser inhumado na cripta, propiedade do Patrimonio do Estado. Alí xacen tamén os restos da esposa de Franco, Carmen Polo.

No desenvolvemento do proceso congregouse nas inmediacións do cemiterio arredor dun centenar de ultradereitistas e franquistas. Portaban pancartas con consignas de apoio ao ditador e bandeiras franquistas de España. Berraban "Viva Franco" e "Arriba España" e cantaban o himno falanxista Cara al sol mentres realizaban o saúdo fascista. Nos momentos previos á chegada dos restos do ditador sumouse Antonio Tejero, garda civil expulsado do corpo tras a súa implicación directa no golpe de estado de 1981. Este foi recibido con aclamacións de "Gloria e honra" e outros similares. Ramón Tejero, presbítero andaluz e fillo do anterior, oficiou unha misa durante a cerimonia privada da reinhumación dos restos na cripta.

Oposición á exhumación miniatura|Estandarte da Casa de Franco vixente até 1975, que cubriu o féretro de Franco durante o seu traslado A familia de Franco, a Fundación Francisco Franco, a comunidade beneditina e a asociación en defensa do Valle de los Caídos recorreron sen éxito ao Tribunal Supremo de España para paralizaren a orde gobernamental. A familia tamén recorreu ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. A Abadía beneditina (que custodia o Valle de los Caídos) recorreu a decisión contra o goberno. A familia mantivo a súa firme posición de que en caso dun traslado, o lugar onde se debía inhumar o ditador era a cripta da catedral da Almudena de Madrid. Por último, pediu que non se utilizasen os restos de Francisco Franco con fins políticos:

Doutra banda, seguidores franquistas ameazaron os operarios encargados do levantamento da lousa e da restauración do chan, quen se viron obrigados a denunciar ante a Garda Civil. Tamén ameazaron unha funeraria que supostamente se encargaría da exhumación.

O Goberno, a través da súa Delegación en Madrid, prohibiu manifestacións da Fundación Francisco Franco e a Asociación Reivindicativa de la Memoria Histórica Raíces o día 24 en Mingorrubio. A prohibición foi levantada polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ese mesmo día. Doutra banda, o 21 de outubro o prior da Abadía do Valle de los Caídos denunciou o Goberno por impedir o acceso libre aos oficios relixiosos e a Garda Civil por "acceso inconsentido" a un lugar de culto.

Entre os grupos políticos máis destacados, Unidas Podemos apoiou a decisión do goberno. O Partido Popular e Cidadáns postuláronse en contra, aínda que se abstiveron na votación parlamentaria. Vox opúxose plenamente. Notas

Referencias

Véxase tamén

Outros artigos

Francisco Franco Guerra civil española Lei de memoria histórica de España

Categoría:Goberno de Pedro Sánchez

Categoría:Francisco Franco Categoría:2019