miniatura|Himmler en Donostia xunto a José Finat e Gerardo Caballero. A visita do líder nazi Heinrich Himmler a España en outubro de 1940 tivo un importante compoñente propagandístico para o réxime franquista. Este atopábase inmerso daquela nun achegamento diplomático á Alemaña nazi, coa previsión da entrada de España na segunda guerra mundial en apoio das potencias do Eixe. A estadía de Himmler en España, entre o 19 e o 24 de outubro, constituíu unha das escasísimas viaxes que este realizou a países neutrais.

Transcurso da visita Convidado polo director xeral de Seguridade José Finat y Escrivá de Romaní (a quen coñecera en Berlín en agosto dese ano), Himmler aceptou a invitación. O principal obxectivo da visita era inspeccionar os dispositivos de seguridade españois, conversar sobre a cooperación policial hispano-alemá e preparar a prevista reunión entre Franco e Hitler. Con todo, a versión oficial que se ofreceu no momento presentábao máis como unha simple viaxe turística.

Himmler ía acompañado dun séquito alemán, entre os cales se atopaban estreitos colaboradores como Karl Wolff e Joachim Peiper. A mañá do 19 de outubro o líder nazi entrou no país polo posto fronteirizo de Irún. Alí foi recibido, entre outros, polo director xeral de Seguridade; o comandante da VI Rexión Militar, o xeneral José López-Pinto Berizo; o embaixador alemán en España, Eberhard von Stohrer; o xefe da Gestapo en Madrid, Paul Winzer; e o xefe do Partido Nazi en España, Hans Thomsen. Pouco despois de atravesar a fronteira fixo unha parada en Donostia, onde foi agasallado polas autoridades locais e visitou diversos lugares. Realizou outra parada en Burgos e visitou a súa catedral, ademais de manter nesta cidade un encontro con Franco, con quen ceou. miniatura|Himmler, recibido con honores na Estación do Norte de Madrid. O 20 de outubro chegou pola mañá á Estación do Norte de Madrid, onde recibido por unha comitiva militar, o embaixador alemán en Madrid e Serrano Suñer. Nas rúas da capital, decoradas con bandeiras nazis, foi recibido por falanxistas en uniforme e efectivos da Policía Armada. O órgano oficial do réxime, o diario Arriba, non escatimou en eloxios cara ao dignatario estranxeiro, e chegou a comentar que «con homes como Himmler chegan ao seu cenit os Estados fortes». Tras reunirse con Serrano Suñer na sede do Ministerio de Exteriores, Franco recibiuno no Palacio de El Pardo. O ditador, quen segundo o embaixador británico Samuel Hoare recibira a Himmler como un «príncipe soberano», causou unha pobre impresión no líder nazi. Himmler asistiu posteriormente a unha corrida de touros que se ofreceu na súa honra na praza de Las Ventas, organizada polo propio José Finat. Tal e como recolleu o diario nazi Völkischer Beobachter, á súa chegada a Las Ventas foi recibido cun gran aplauso. Na corrida interviñeron os toureiros Pepe Luis Vázquez, Marcial Lalanda e Rafael Ortega «Gallito». Ao xefe das SS arrepioulle o que viu e posteriormente comentaría o seu desagrado coa corrida, considerándoa un espectáculo «cruel».

Serrano Suñer utilizou esta visita para impulsar a súa posición política no réxime. Ao non quedar satisfeito coa cobertura que fixo a prensa do réxime, deu instrucións a Enrique Giménez-Arnau (director xeral de prensa) para que xornais como ABC, Ya ou Arriba estivesen «á altura das circunstancias». miniatura|Himmler e o xeneral Moscardó visitando as ruínas do Alcázar de Toledo. Con eles tamén está Karl Wolff. Ao día seguinte Himmler trasladouse ao Escorial e á antiga capital visigoda, Toledo, onde percorreu as ruínas do destruído alcázar. Algunhas fontes relacionan esa visita coa súa procura do Santo Graal ao ser Toledo unha importante sede templaria, alquimista e nigromante. O arqueólogo español Julio Martínez Santa-Olalla, simpatizante nazi, foi asignado ao cortexo e acompañou a Himmler durante esas visitas. Pola noite o xefe das SS asistiu a unha cea no madrileño Hotel Ritz que organizara José Finat, á que concorreron as principais xerarquías de Falange. O 22 de outubro pola mañá Himmler visitou o Museo do Prado, a sede de Auxilio Social e o Museo Arqueolóxico, onde estudou con atención un mapa das invasións xermánicas. Pola tarde deu un discurso na sede madrileña do Partido Nazi. Durante a súa alocución o xefe das SS anunciou que «todos os xudeus do Gran Reich Alemán serían reasentados nun "gueto pechado" do Goberno Xeral».

Tras a súa estancia na capital, a comitiva alemá dirixiuse en avión a Barcelona. Aterrou no aeródromo do Prat a mañá do 23 de outubro e foi recibido polas autoridades militares e civís. Acompañado do capitán xeral de Cataluña, o xeneral Orgaz, e do alcalde de Barcelona, Miguel Mateu i Pla, asistiu a un acto folclórico no Poble Espanyol de Montjuïc. Himmler e o seu séquito aloxáronse no Hotel Ritz da cidade. Arredor das 15:30 horas a comitiva trasladouse até o mosteiro de Montserrat, lugar ben coñecido pola tradición do Santo Graal. De feito, Himmler cría firmemente que Montserrat era en realidade o «Monsalvat» que narra a ópera Parsifal de Richard Wagner. Un dos monxes, Andreu Ripoll Noble, era o único que sabía alemán, polo que fixo de intérprete co grupo de visitantes. Himmler (quen en varias ocasións remarcou aos monxes a orixe xermánica e pagá de Montserrat) pediu ver os arquivos relacionados coa localización do Santo Graal, aínda que a comunidade beneditina lle fixo ver que alí non se atopaba. Ao seu regreso a Barcelona visitaron o consulado alemán e posteriormente asistiron a unha cea ofrecida polo Concello. Tras a cea Himmler e outros xerarcas franquistas visitaron unha antiga checa republicana na rúa Vallmajor. O día seguinte tomou un avión de regreso a Alemaña.

Dáse a circunstancia de que, mentres o líder nazi estivo en Barcelona, extraviouse a súa carteira con documentos secretos.

Significado e transcendencia Durante a súa xira por España Himmler tamén visitou algúns cárceres e campos de concentración. O líder nazi quedou sorprendido pola magnitude e a crueza da represión franquista. A súa reacción, con todo, non estivo motivada por razóns humanitarias, senón polo feito de que consideraba que o nivel de represión era «politicamente» contraproducente e tamén polo absurdo que resultaba para Himmler o feito de exterminar unha valiosa man de obra cando se necesitababa con urxencia para a reconstrución do país. Ante o ambiente deprimido que se atopou durante a súa estancia na capital, recomendou a Franco e Serrano Suñer que pasasen páxina «para evitar que toda a vida nacional siga virando ao redor da traxedia nacional».

O líder nazi mantivo varios encontros con Serrano, tras os cales se alcanzou un acordo que reforzaba a cooperación política e policial entre ambos os países. A Gestapo abriría unha oficina na embaixada alemá de Madrid e o Sicherheitsdienst (SD) estabelecería delegacións en cada consulado xermano en chan español, á vez que os axentes nazis que actuasen no territorio de España terían inmunidade diplomática. Como contrapartida, os axentes españois que actuasen en Alemaña e na Francia ocupada tamén terían inmunidade. Himmler asegurouse así mesmo de que un adxunto seu que xa operaba no país, Paul Winzer, instruíse a nova policía secreta española. Estes acordos uníanse ao asinado en 1938, que prevía a extradición mutua de detidos entre ambos os países e o estabelecemento dunha rede do Sicherheitsdienst. Ademais das cuestións policiais, tamén se tratou materia relacionada coa propaganda nazi en España.

Galería

Notas

Referencias

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Entrevista de Hendaia

Categoría:Wikipedia:Artigos bos Categoría:Historia de España do século XX Categoría:Franquismo Categoría:Nazismo