María Teresa Roca de Togores y Pérez del Pulgar, nada en Saint-Jean-de-Luz (Francia) o 7 de outubro de 1905 e finada en Madrid en 1989, marquesa de Beniel, foi unha poeta española. Destacou dentro do movemento modernista e as vangardas.
Traxectoria Naceu nunha familia pertencente á aristocracia española. A súa nai era María de las Angustias Pérez del Pulgar e o seu pai Alfonso Roca de Togores, marqués de Alquibla. Foi asidua colaboradora de revistas como Blanco y Negro, onde non só publicaba poemas seus, senón tamén relatos en prosa sobre figuras históricas, como Álvaro de Luna, ou recensións da Alta Sociedade. A súa dedicación á poesía era entendida como unha distracción de bo ton entre a aristocracia. Non se consideraba que puidese ser un oficio, senón unha dedicación culta, interesante e enriquecedora, pero de carácter secundario. Frecuentaba os mesmos faladoiros que Ernestina de Champourcín, quen a consideraba amiga súa, xa que non só coincidían en Madrid senón tamén nos veráns en La Granja. Ademais, publicaron as súas primeiras obras entre 1923 e 1926, xunto a Cristina de Arteaga (1925) e Concha Méndez (1926). Esta irrupción de novas autoras foi unha sorpresa para os círculos literarios, que mesmo afirmaron que esa poesía non podía ser escrita por mulleres, como lembraba Champourcin.
Traxectoria literaria En 1923 publicou o seu primeiro libro, Poesías, na Imprenta do Sucesor de R. Velasco. Foi prologado por Carlos de Cuenca, quen de maneira continuada se refire á poeta como «señorita afeccionada». Destaca da poesía desta autora a súa «pureza», o seu carácter «cristalino» e a súa «espontaneidade», aínda que tamén observa «unha profundidade e un vigor máis ben viriles». Este feito saliéntao pola mocidade da autora. Destaca tamén a súa orixe nobre que avala a calidade do poemario. Este libro segue a corrente literaria do Modernismo. Predominan os versos de arte maior (sobre todo alexandrinos) agrupados en estrofas clásicas como a sexta rima, o serventesio e o quinteto. Os temas son os propios deste movemento, escenas palatinas do século XVIII, a angustia existencial e a fugacidade do tempo. Algúns poemas teñen un aire decandentista, con referencias á morte ou ás tebras. Noutros aparece a imaxe da muller chorosa, seguindo a «Sonatina» de Rubén Darío.
Romances del Sur apareceu en 1935, en Ávila, e xa o asinou como marquesa de Beniel. Nel hai unha evolución cara a un tipo de poesía máis popular, con versos de arte menor propios dos romances. Está dividido en cinco apartados sen título, co que non hai explicación de devandita división. A influencia de Federico García Lorca é indubidábel, sobre todo do seu Romancero gitano. A morte é unha presenza ao longo de todo o libro que, doutra banda, está ambientado en Sur. Ten tamén imaxes vangardistas. Outros temas son a infancia e o mar.
En 1946 apareceu na Antología de poetas españoles contemporáneos en lengua castellana, na que figuran 11 mulleres e 261 homes, publicada por César González Ruano. En 1946 ela mesma publicouse o libro El puente de humo. Non volveu publicar até 1974, cando viu a luz Antología Intemporal.
Vida persoal María Teresa casou en 1928 con Carlos de Rojas y Moreno, conde de Torrellano e marqués de Beniel. Morreu na capital española en 1989.
Títulos publicados
1923 Poesías 1935 Romances del Sur 1946 El puente de humo 1974 Antología Intemporal
Notas
Véxase tamén Bibliografía Jiménez Faro, Luzmaría, Poetisas españolas. Antología general, tomo II: De 1901 a 1939. Madrid, Torremozas, 1996. ISBN 978-8478391745
Categoría:Nados en Saint-Jean-de-Luz Categoría:Nados en 1905 Categoría:Finados en 1989 Categoría:Poetas de España