Ramón Caamaño Bentín, nado en Muxía o 9 de novembro de 1908 e finado na mesma vila o 13 de maio de 2007, foi un fotógrafo galego.

Traxectoria Formación e primeiros anos Fillo único, o seu pai ao pouco de nacer el emigra a Cuba e México onde se dedica á venda de encaixe que elaboran na casa familiar. Ao facer os oito anos o seu pai mándalle unha máquina de cine con algunha película, que lles proxectaba aos rapaces e rapazas de Muxía, a quen lles cobraba a entrada en alfinetes que logo vendía ás palilleiras. Este rapaz, que quería ser electricista, cando ten dezaseis anos merca a súa primeira máquina fotográfica. Era unha máquina de caixa que tiraba as fotos sen enfocar.

A partir do ano 1925 comeza a fotografar o mundo máis próximo: mariñeiros, campesiños, paisaxes, solpores, romarías etcétera. Dous anos máis tarde 1927 compra unha máquina Pathe Baby para proxectar cine, e comeza a distribuír filmes pola Costa da Morte. Marcha a Santiago de Compostela nos invernos dos anos 29, 30 e 31, onde traballará co fotógrafo Ksado, de quen aprenderá entre outras cousas a técnica de colorear fotos con ácidos.

Casamento e fotoxornalismo No ano 1932 coñece no Porto do Son a Tereixa Louro, coa que casará en 1937. Nese ano muda para Cee, onde monta un estudio e comeza a traballar facendo retratos. En 1938 é mobilizado co motivo da Guerra Civil e destinado á fronte de Aragón, onde leva canda si a cámara West Pocket. As súas fotos de guerra poden cualificarse como o primeiro exemplo de fotoxornalismo galego.

Á volta da contenda segue co estudio en Cee, pero a súa actividade esténdese a toda a comarca, principalmente ás vilas de Corcubión e Muxía.

Retirada e pasamento Retirouse da vida profesional e da fotografía en 1975. Tiña un pequeno museo persoal na súa casa, mantido ata o seu falecemento. Foi soterrado no camposanto de Santa María de Muxía.

Obra Nas súas fotografías emprega fundamentalmente o branco e negro, e é sobre todo coñecido polos seus retratos. Os fotógrafos de aldea, coma el, vivían de realizar fotografías por encarga a labregos e mariñeiros, que buscaban con elas manter o vínculo cos familiares da emigración. Tamén ten series de fotografías de defuntos, aos que retrataba a petición dos seus familiares. As fotos realizábanse no estudio, sobre uns decorados ficticios de pano, ou senón nas propias aldeas, con panos e telas que se colocaban de fondo en escenarios naturais. O contraste entre eses decorados e o realismo e austeridade das fotografías, case todas retratos formais e hieráticos, é unha das características do xénero.

Outro dos temas preferidos de Ramón Caamaño foi o das romarías, en especial as da Romaría da Virxe da Barca, de Muxía.

O seu arquivo fotográfico está formado por máis de 6.000 copias fotográficas e preto de 20.000 clixés. En 1982 publicou o libro Muxía. Guía turística enciclopédica, en edición de autor.

Exposicións 1989. Monográfica e antolóxica da súa obra. Centro Cultural Caixavigo (Vigo), itinerante. 2005. Retratos da Costa da Morte, de Ramón Caamaño. Centro Cultural Caixanova (Vigo). Nela xúntanse diversos retratos realizados entre 1928 e 1948

Véxase tamén Bibliografía Sendón, Manuel (ed.) (1989). Ramón Caamaño. Álbum de fotos. Fotografías dende 1924 a 1970. Sendón, Manuel e Suárez Canal, Xosé Luís (ed). Ramón Caamaño. Retratos da Costa da Morte. Fernández Carrera, Xan (1999). Ramón Caamaño. Historia viva da Costa da Morte. Soutelo Vázquez, Raúl e Vázquez Lijó, José Manuel (2018). O Son que coñeceu Ramón Caamaño. Xentes e espazos dentro e fóra do marco fotográfico. Deputación da Coruña. Ligazóns externas

Galería de retratos na web do Centro de Estudos Fotográficos de Vigo. Biografía, na páxina do Concello de Muxía. Nova do seu pasamento Nova da apertura do museo que acolle a súa obra, en Muxía. Exposición na Igrexa da USC.

Categoría:Fotógrafos de Galicia Categoría:Costa da Morte Categoría:Nados en 1908 Categoría:Nados en Muxía Categoría:Finados en 2007 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes