As sagas (do ; plural: sögur) son pezas literarias e históricas en prosa creadas principalmente en Islandia e, en menor medida, noutras zonas de Escandinavia.
O xénero máis coñecido son as sagas de islandeses (Íslendingasögur), que narran as viaxes dos viquingos, a migración a Islandia, e as loitas entre as familias do país insular. Porén, os temas das sagas son moi variados, e inclúen as lendas anteriores á chegada do cristianismo (Fornaldarsögur); as vidas de santos (Heilagra manna sögur) e bispos (Biskuparsögur) escandinavos e doutras rexións; as historias dos reis (Konungasögur) escandinavos e da política contemporánea islandesa (Samtíðarsögur); ou os romances de cabaleiros (Riddarasögur).
As sagas teñen a súa orixe na Idade Media, mais continuaron a compoñerse durante os séculos seguintes. Namentres a lingua dominante nos textos históricos da Europa medieval era o latín, as sagas adoitaban escribirse no vernáculo: o nórdico antigo e os seus descendentes, principalmente o islandés.
Malia estaren en prosa, comparten moitas semellanzas coas epopeas, e acostuman a incluír estrofas ou poemas enteiros en verso aliterativo inseridos no corpo do texto.
Etimoloxía Os significados principais da palabra saga en nórdico antigo son "o que se dixo, declaración, narración oral, notificación" e mais o sentido empregado neste artigo: "narración estruturada, historia". Está relacionada cos termos ingleses say e saw, e co alemán Sage. O termo actual saga é un préstamo directo do nórdico antigo tomado orixinalmente para referirse á prosa narrativa nesta lingua.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Saga Sturlunga
Categoría:Literatura medieval