María Margarita Ferreras Lorenzo, nada en Alcañices (Zamora) o 26 de febreiro de 1900 e finada en Palencia o 19 de novembro de 1964, foi unha escritora e poeta española pertencente á xeración do 27.
Traxectoria Os seus pais foron Abelisa Lorenzo García, oriúnda de Canfranc, e Francisco Ferreras Toro, oriúndo de Alcañices. El era interventor de Facenda na provincia de Palencia; ela obtivera o Diploma de Honra escolar en 1878. O seu tío era José Ferreras Toro, xornalista, avogado e político do Partido Constitucional. Ao morrer o pai, a familia trasladouse a Madrid.
O escritor Álvaro Retana dedicou a Ferreras a súa obra Ninfas y sátiros. Escenas pintorescas de Madrid de noche, onde a lembra como unha das súas primeiras noivas. Ferreras aspirou a protagonizar a obra Amor de Don Perlimplín con Belisa en su jardín de Federico García Lorca, pero o papel levouno a escritora e actriz Magda Donato.
Asistiu como alumna á Residencia de Señoritas de Madrid e frecuentou o Lyceum Club Femenino. A poeta foi socia tamén do Ateneo de Madrid. Coñecida nos ambientes literarios, participou en numerosos eventos, como a lectura de poemas de escritores hispanoamericanos, entre eles, de Juana Ibarbouru, na homenaxe que se fixo ao poeta uruguaio Juan Zorrilla de San Martín no Ateneo de Madrid en marzo de 1932. Publicou tamén en revistas.
Foi ingresada nun sanatorio debido aos seus problemas nerviosos e foille diagnosticada unha psicose exóxena. Mantivo correspondencia con Miguel de Unamuno e María de Maeztu, entre outros. Nelas pódese ler como reclamaba diñeiro ao infante Fernando de Baviera, ao parecer, o seu amante. O escritor Manuel Altolaguirre escribiu nas súas memorias El caballo griego: reflexiones y recuerdos (1927- 1958) que se atopou con Ferreras durante a guerra civil en Valencia perdida a razón. miniatura|Sepultura de Margarita Ferreras Lorenzo no cemiterio Municipal de Palencia esquerda|miniatura|Dolores Fidalgo Estévez ante a sepultura de Margarita Ferreras Lorenzo no Cemiterio Municipal de Palencia En 1930 a súa residencia estaba fixada no número 17 da rúa de Miguel Ángel de Madrid. Así se evidencia dunha denuncia policial que interpuxo polo roubo dunha cigarreira e un acendedor, ambos de ouro. Tamén se sabe que en 1939 residiu no número 1 da rúa de Calderón de la Barca de Murcia. Tras a guerra civil viviu durante un tempo en Madrid. En 1964 trasladouse a Zamora, xa que obtivo auxilio por enfermidade da Xunta Provincial de Beneficencia de Zamora.
Margarita Ferreras Lorenzo morreu ese mesmo ano en Palencia, mentres estaba internada no Sanatorio San Luis. Está enterrada no cemiterio municipal Nuestra Señora de los Ángeles da cidade. Eses datos foron achegados polas investigacións realizadas pola profesora de Lingua castelá e literatura Dolores Fidalgo Estévez, pertencente á Asociación El Legado de las Mujeres. Segundo se documenta nos arquivos palentinos, «o 26 de novembro de 1964, por Decreto da Alcaldía datado o 23-12-1964, outórgase licenza para a colocación dunha cruz ao Sanatorio de San Luis» e onde figura o nome e a data de pasamento.
Fidalgo publicou en 2025 a obra Ávida llama. Voces para una antología sinfónica, libro homenaxe a Margarita Ferreras. Ademais da obra poética, achega datos sobre a súa biografía que se foron detallando e comprobando conforme avanzou nas súas investigacións.
O estudo da súa correspondencia pon de manifesto que Margarita Ferreras participou e relacionouse coas vangardas e a intelectualidade dos anos previos á guerra civil en Madrid. Compartiu amizade e trato, entre outros, con Benito Pérez Galdós, Ernestina de Champourcín, Miguel de Unamuno, Rosa Chacel, Manuel Azaña, Maruja Mallo, María de Maeztu, José Ortega y Gasset, Gregorio Marañón, Federico García Lorca, Rafael Alberti, Delhy Tejero, Ramón Gómez de la Serna, Ramón Pérez de Ayala, Gonzalo Rodríguez Lafora, Luis Cernuda, Alejandro Lerroux, Benjamín Jarnés, Concha Méndez e Manuel Altolaguirre. Estes dous últimos foron os editores da súa obra Pez en la tierra (1932).
Obra Pez en la tierra foi o seu único libro. Publicado en 1932 na imprenta de Concha Méndez e Manuel Altolaguirre, tivo unha tirada de 250 exemplares en papel de liño. Obtivo un grande éxito de crítica, colocándoa na primeira fila das figuras poéticas do momento. Dedicoullo a Juan Ramón Jiménez e foi prologado por Benjamín Jarnés. O libro comeza cunha cita de san Xoáan da Cruz. Está dividido en catro seccións: comeza con poemas de amor aos que lle seguen unha serie de paisaxes evocadas, dous romances ao estilo de Federico García Lorca e termina cunha serie de poemas titulada «Sur», con poemas semellantes aos cadros de Julio Romero de Torres.
Participou do desexo, común a outras poetas como Lucía Sánchez Saornil, Rosa Chacel e Ernestina de Champourcín, de experimentar e renovar a linguaxe poética, explorando novas vías de expresión abertas polos diferentes movementos de vangarda. Na súa poesía é clara a influencia do surrealismo. Busca a esencialidade da poesía, como fixeran Juan Ramón Jiménez e Jorge Guillén, aínda que hai ecos da poesía tradicional nos romances e nos poemas do «Sur». O poema «Fandanguillo» remite á tradición literaria e cultural de Andalucía. Destaca, sobre todo, no seu espírito transgresor propio do surrealismo. Así reflicte o desexo erótico, os soños e a angustia.
Formalmente, a maioría dos poemas están escritos en verso libre, aínda que as dúas últimas partes, máis próximas á poesía tradicional, son romances e están escritas en versos de arte menor. Emprega unha linguaxe sinxela. O tema predominante na primeira parte do libro é o desexo sexual. O título do libro fai referencia ao movemento que a paixón sentida provoca no poeta, que se retorce buscando chegar ao seu elemento natural, a fusión co outro, como o peixe lonxe do mar. A través dos poemas debulla o acto sexual axudándose de variadas metáforas. A segunda parte, «Paisajes», dedicada a Ortega y Gasset, contén poemas nos que a natureza humanizada é o elemento principal.
Usa metáforas incluíndo os catro elementos. Identifica o lume coa paixón e o desexo, a auga co amado, o aire que reflicte a súa liberdade e a terra e as súas árbores co «eu» poético.
O seu legado pervive a través do Círculo Literario Margarita Ferreras de Alcañices.
Recoñecementos A antoloxía de Pepa Merlo, cunha selección de vinte poetas, titúlase Peces en la tierra. Antología de muljeres poetas en torno a la Generación del 27. O seu título, agora en plural, procede de Pez en la tierra, o único libro de Margarita Ferreras.
Un dos seus romances Por la verde, verde oliva, foi musicado pola cantante Sheila Blanco no seu disco Cantando a las poetas del 27. Rafa Mora e Moncho Otero versionaron os poemas «Sonríe» e «Fruto y flor para ti» no seu proxecto Versos sobre el Pentagrama. Así mesmo, Paco Damas puxo música ao texto «Arañaré la tierra».
En 2019 convocouse un Certame Literario de Relatos Cortos co seu nome.
En outubro de 2022 a poeta zamorana foi incluída na exposición Las Sinsombrero no Centro Cultural Fernán Gómez en Madrid.
O 18 de novembro de 2023 celebrouse unha homenaxe floral ante a súa tumba e posteriormente unha lectura poética, organizada pola profesora e escritora Dolores Fidalgo e o Círculo Literario Margarita Ferreras de Alcañices. En 2025 celebrouse o 125º Aniversario do seu nacemento, ao lado de Carmen Martín Gaite e Ana María Matute.
Notas
Categoría:Nados en Alcañices Categoría:Nados en 1900 Categoría:Finados en 1964 Categoría:Poetas de Castela e León Categoría:Escritores de Castela e León Categoría:Xeración do 27