A sopa de burro canso, tamén chamada sopa de cabalo canso, é unha sobremesa tradicional da gastronomía galega elaborada principalmente con pan, viño e azucre. Trátase dun prato humilde de aproveitamento, asociado historicamente ao medio rural e ao traballo agrícola.

Elaboración A receita tradicional consiste en enchoupar anacos de pan duro en viño, xeralmente tinto, ao que se lle engade azucre. Nalgunhas variantes o viño quéntase previamente e poden incorporarse especias como a canela ou a tona de limón.

Ao tratarse dunha receita de aproveitamento, as preparacións presentan numerosas variantes locais segundo a comarca e os ingredientes dispoñibles en cada fogar.

Historia As sopas de burro canso forman parte da cociña tradicional galega. Historicamente consumíanse como alimento enerxético entre labregos e xornaleiros, aproveitando produtos básicos presentes na maioría das casas rurais, como o pan e o viño.

O nome da receita fai referencia ao efecto reconstituínte que se lle atribuía, xa que se consideraba quen de devolver as forzas mesmo a un "burro canso".

A Enciclopedia Galega Universal define as sopas de burro ou cabalo canso como anacos de pan mollados en viño quente con azucre.

Festa das Sopas de Burro Canso Dende 1993 celébrase en Mugueimes, no concello de Muíños, a Festa das Sopas de Burro Canso, unha festa gastronómica dedicada á recuperación e difusión desta receita tradicional. O evento foi impulsado pola Asociación Fonte Fría e inclúe degustacións, actividades culturais e unha feira de artesanía.

A festa está recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Gastronomía de Galicia Locucións galegas sobre o cabalo Locucións galegas sobre o burro

Categoría:Sobremesas Categoría:Gastronomía de Galicia