miniatura|Eclosión dun ovo de tartaruga. A eclosión é o momento en que as crías de diversos animais comezan a saír do ovo ou casulo unha vez que atinxiron o máximo nivel de desenvolvemento e están prontos para nacer. Así, a cría dunha ave fai eclosión do seu ovo ou unha bolboreta fai eclosión do seu casulo.

Para facilitaren a rotura da casca do ovo, algúns animais ovíparos presentan unha pequena e aguda protuberancia chamada dente de ovo.

Nalgunhas especies o momento da eclosión pode variar en función das condicións ambientais, incluída a presenza de depredadores. Os ovos da ra Agalychnis callidryas eclosionan rapidamente cando son atacados por serpentes (Leptodeira), o que permite que os cágados escapen e cheguen á auga, onde as súas posibilidades de supervivencia son maiores. Outras especies de anfibios mostran unha resposta similar ante os ataques de depredadores. Un traballo realizado expoñendo ovos de crustáceos ao seu depredador (píntegas) estableceu a posibilidade de que os ovos detecten sinais químicos dos seus depredadores para provocaren o mecanismo de eclosión temperá.

No ámbito da reprodución humana, o termo eclosión fai referencia ao proceso polo cal se produce a rotura da zona pelúcida que rodea o embrión na fase de blastocisto (fase que segue á mórula), permitindo a súa saída. Neste momento fórmase unha estrutura en forma de 8, xa que por un lado se localiza o círculo da zona pelúcida e pegado a el está o blastocisto. Este proceso espontáneo cómpre para que poida producirse a implantación do embrión no útero materno.

Por outro lado, na reprodución asistida lévase a cabo unha eclosión asistida para facilitar este proceso e transferir o embrión á nai sen zona pelúcida listo para se implantar.

Notas

Categoría:Bioloxía do desenvolvemento