O xenotransplante (/ks/, do grego xenos-, 'alleo, estraño') ou transplante heterólogo, é un transplante de células, tecidos ou órganos dunha especie a outra.Xenotransplantation. Definición da OMS Tales células, tecidos ou órganos denomínanse xenoenxertos ou xenotransplantes. Diferénciase do alotransplante (dun individuo a outro da mesma especie), do transplante sinxénico ou isotransplante (enxertos transplantados entren dous individuos xeneticamente idénticos, como os xemelgos monocigóticos, da mesma especie), e do autotransplante (dunha parte do corpo a outra dun mesmo individuo). O xenotransplante é un método artificial de crear unha quimera animal-humano, que é, un humano cun conxunto de células dun animal. En contraste, un individuo no que cada célula contén material xenético animal e humano denominaríase híbrido humano-animal.
Os xenoenxertos derivados de pacientes créanse por xenotransplante de células humanas tumorais en ratos inmunocomprometidos, e é unha técnica de investigación usada frecuentemente en investigación oncolóxica preclínica.
O xenotransplante en humanos supón un posible tratamento para insuficiencias orgánicas en estado terminal, un problema de saúde significativo en partes do mundo industrializado. Tamén presenta moitos novos problemas médicos, legais e éticos. Unha continua preocupación é que moitos animais, como os porcos, teñen unha vida máis curta que os humanos, o que significa que os seus tecidos envellecen a maior velocidade. (os porcos teñen unha vida máxima duns 27 anos.) A transmisión de doenzas (xenozoonose) e a alteración permanente da información xenética de animais causan tamén preocupación. Os activistas dos dereitos dos animais, de xeito similar ás obxeccións que fan sobre as probas con animais, tamén fan obxeccións á ética dos xenotransplantes. Publicáronse uns poucos casos de xenotransplantes con éxito temporal.Novella, Steven (2025, August 27). First pig lung to human transplant. Science Based Medicine. https://sciencebasedmedicine.org/first-pig-lung-to-human-transplant. Consultado o 31 de agosto de 2025.He, J., Shi, J., Yang, C., Peng, G., Ju, C., Zhao, Y., Liu, H., He, P., Liu, X., Zhang, Z., Chen, C., Pan, D., Yang, Z., Guang, W., Li, H., Chen, Z., Liu, M., Liang, H., Huang, W., … Xu, X. (2025, August 25). Pig-to-human lung xenotransplantation into a brain-dead recipient. Nature Medicine. https://www.nature.com/articles/s41591-025-03861-x
As válvulas cardíacas artificiais bioprostéticas xeralmente derivan de porcos ou bovinos, pero as células mátanse cun tratamento con glutaraldehido antes da súa inserción (queda a materia cartilaxinosa), e, por tanto, tecnicamente non cumpren a definición da OMS de xenotransplante de células vivas.
Historia Os primeiros intentos serios de facer xenotransplantes (entón chamados heterotransplantes) apareceron na literatura científica en 1905, cando se transplantaron fatías de ril de coello nun neno con enfermidade renal crónica. Nas primeiras dúas décadas do século XX, publicáronse varios intentos de usar órganos de año, porco e primates.
O interese científico nos xenotransplantes diminuíu cando se describiron as bases inmunolóxicas do proceso de rexeitamento de órganos. A seguinte vaga de estudos sobre esta materia chegou co descubrimento de fármacos inmunosupresores. Fixéronse máis estudos e realizouse o primeiro transplante de ril de humano a humano con éxito polo cirurián Joseph Murray en 1954, e os científicos tiveron que enfrontarse por primeira vez ás cuestións éticas da doazón de órganos, e aceleraron os esforzos para buscar alternativas para os órganos humanos.
Ril non humano transplantado a un humano O 16 de febreiro de 1963, o primeiro transplante dun órgano dun animal non humano nun ser humano tivo lugar en Minneapolis cando cirurxiáns liderados por Claude R. Hitchcock e R. Joseph Kiser "trataron de enxertar un ril de babuíno" nunha "muller á cal se lle implantara previamente un ril humano (dun cadáver) e estaba evolucionando mal", e o ril "empezou a funcionar de maneira normal inmediatamente e limpou o seu sangue de residuos". Porén, o seu corpo rexeitou o ril cinco días despois e a muller morreu en marzo, tres semanas despois."Five Live with Kidneys Transplanted From Baboons— Minneapolis Doctors Aid in Pioneer Work", Minneapolis Morning Tribune, 22 de xaneiro de 1964, p.1, p.8
Empezando en outubro de 1963, ou doutores da Universidade de Tulane intentaron facer transplantes renais de primates non humanos en seis persoas que estaban a piques de morrer. A primeira persoa, unha muller de 32 anos cunha doenza renal crónica recibiu os riles dun mono rhesus e os riles "funcionaron ben durane sete días, despois fallaron," e a paciente morreu despois da súa doenza."Chimpanzee Kidneys Function in Man's Body", AP report in The Sacramento Bee, 17 de decembro de 1963, p.1 O primeiro intento con éxito (no que o paciente puido saír do hospital e volver a casa) cun ril de chimpancé común realizouse o 5 de novembro no Hospital da Caridade de Nova Orleáns por un equipo de 12 médicos de Tulane, dirixidos por Keith Reemtsma, e o paciente, un traballador dos peiraos de 44 anos, deixou o hospital o 17 de decembro despois dunha recuperación de seis semanas."Chimp Kidneys Transplanted; 'Functioning Well' In Man", AP report in Tucson (AZ) Citizen, 17 de decembro de 1963, p.1 Despois disto e de varios intentos posteriores que fracasaron de usar primates como doantes de órganos e o desenvolvemento dun programa de busca de órganos funcionais de cadáveres, o interese nos xenotransplantes en casos de insuficiencia renal desapareceu. Dun total de 13 deses tansplantes realizados por Keith Reemtsma, o mellor resultado foi o dun dos receptores do ril que viviu nove meses.
Corazón non humano transplantado a un humano
Unha nena estadounidense que se coñeceu como "Baby Fae" que tiña síndrome de corazón esquerdo hipoplástico foi o primeiro bebé que recibiu un xenotransplante dun corazón de babuíno o 26 de outubro de 1984."Infant near death receives heart from baboon", The Pittsburgh Press, 27 de outubro de 1984, p.1 (Researchers at Loma Linda University Medical Center, where the operation was performed yesterday, said the infant identified only as 'Baby Fae' was doing 'beautifully' today after the three-hour operation.") A intervención realizouna Leonard Lee Bailey no Centro Médico da Universidade de Loma Linda en Loma Linda, California. Fae morreu 21 días despois, o 15 de novembro,"Baby Fae loses fight for life", The Hamilton Spectator, 16 de novmbro de 1984, p.1 debido a un rexeitamento do inxerto de tipo humoral que se cre foi causado principalmente por unha discordancia co grupo sanguíneo AB0, o que se considerou inevitable debido á rareza dos babuínos do grupo 0. O enxerto pensouse como temporal para gañar tempo, pero desafortunadamente unha substitución por un aloenxerto axeitado non puido conseguirse a tempo. Aínda que esta operación non supuxo un avance nos xenotransplantes, puxo en evidencia a insuficiente cantidade de órganos para bebés. A súa historia tivo tal impacto que a crise de doazón de órganos para transplantar a bebés mellorou nesa época.
Corazón, pulmóns e riles non humanos transplantados a un humano O primeiro transplante de corazón nun ser humano que se realizou fíxoo Hardy en 1964, usando un corazón de chimpancé, mais o paciente morreu en dúas horas. O primeiro transplante dun corazón, pulmóns e riles de porco non modificado xeneticamente a un humano realizouse en Sonapur, Assam, India en decembro de 1996, e anunciouse en xaneiro de 1997. O receptor ea un home de 32 anos enfermo terminal; morreu de infeccións múltiples pouco despois da operación.Maharashtra Herald, 11 de xaneiro de 1997, páxina 5 Realizaron a operación o cirurxián cardiotorácico indio Dhani Ram Baruah e dous dos seus asociados, Jonathan Ho Kei-shing (do Instituo Médico Príncipe de Gales radicado en Hong Kong) e C.S. James. Baruah afirmou que o paciente non respondera á cirurxía convencional anterior, e que o paciente e a súa familia consentiran en intentar este procedemento. Os tres cirurxiáns foron arrestados o 9 de xaneiro de 1997, acusados de violar a Lei de transplantes de órganos e tecidos humanos de 1994 da India. Baruah era desestimado en círculos médicos que o consideraban un "científico tolo" e o procedemento púxose en dúbida como posible "fraude". Baruah asinou unha declaración dicindo que non fixera ningún transplante, pero despois que o forzaran a facer esa confesión. Sentenciárono culpable de procedementos pouco éticos e de homicidio culpable e foi encarcerado por 40 días. Descubriuse que o instituo cirúrxico Dhani Ram Baruah non estaba rexistrado.
Os críticos dixeron que as afirmacións e procedementos médicos de Dhani Bam Baruah nunca foron tomados en serio nin aceptados pola comunidade científica porque el nunca presentu os seus descubrimentos revisados por pares cientificamente. Houbera en 1992 queixas de violacións éticas durante operacións en Hong Kong feitas por Baruah e Ho, cando implantaron válvulas cardíacas, desenvolvidas por Baruah, feitas de tecido animal. Un ano despois, morreron seis pacientes. O Asian Medical News informou que se expresaran "grandes reservas" "sobre o procedemento e ética da aplicación".
Ril non humano alterado por enxeñaría xenética transplantado a un humano En setembro de 2021, os cirurxiáns liderados por Robert Montgomery realizaron o primeiro xenotransplante dun ril de porco alterado xeneticamente a un humano con morte cerebral en NYU Langone Health sen observar signos de rexeitamento inmediato (en parte porque o timo do porco fora transplantado tamén). O ril procedía dun porco ao que se lle modificara un só xene: a eliminación do xene que intervén na produción da alfa-gal.
En xullo de 2023, cirurxiáns do Instituto de Transplantes de NYU Langone realizaron un tranpslante dun ril de porco modificado xeneticamente (xunto coa glándula tímica do porco) nun paciente declarado con morte cerebral pero mantido nun respirador con fins experimentais. O ril procedía dun animal sometido a un knockout de xenes que afectaba o xene que servía para producir os azucres alfa-gal, que están implicados na resposta inmune a tecidos de mamíferos. Para asegurar que a función renal estaba realizándoa só o ril do porco, o equipo extirpou os dosu riles do paciente. Informouse que o ril transplantado mantivo un funcionamento óptimo durante un mes, como se comprobou con probas de rutina da creatinina e biopsias semanais.
En marzo de 2024, Richard Slayman, un paciente cuxo ril transplantado humano fallara, foi sometido a outro transplante esta vez cun ril de porco modificado xeneticamente realizado por cirurxiáns do Massachusetts General Hospital. este ril tiña 69 edicións xenómicas (3 knockouts de xenes, 7 insercións de xenes humanos e 59 knockouts de copias de retrovirus porcino) feitas por eGenesis, Inc. Slayman morreu algúns meses despois por causas non relacionadas co transplante, sen que se observase ata ese momento ningún rexeitamento inmunitario aparente do ril. Mentres tanto, en abril de 2024, unha muller con insuficiencia renal converteuse na segunda persoa en recibir un transplante de ril dese tipo. Posteriormente en maio, debido a complicacións relacionadas cunha bomba cardíaca mecánica que lle puxeran xunto co ril, o seu ril tivo que ser extirpado debido a un "fluxo sanguíneo insuficiente". A medicación tamén deteriorou o ril, o cal levou ao rexeitamento do órgano.