Idoia Rodríguez Buján, nada en Friol o 25 de outubro de 1983 e finada en Herat (Afganistán) o 21 de febreiro de 2007, foi unha militar galega. Destinada en Afganistán como parte da misión ISAF, foi a primeira muller militar española finada nunha misión de paz internacional.
Traxectoria Rodríguez Buján ingresou nas Forzas Armadas Españolas o 27 de setembro de 2004, como soldado de infantaría lixeira na Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable (BRILAT).
Destinada en Afganistán co continxente español que formaba parte da misión ISAF da OTAN, faleceu o 21 de febreiro de 2007 como consecuencia da explosión dunha mina baixo a ambulancia BMR que conducía.
Foi condecorada a título póstumo coa Cruz ao Mérito Militar con distintivo amarelo e coa medalla da OTAN.
Premio «Soldado Idoia Rodríguez, muller nas Forzas Armadas» En marzo de 2007, o Ministerio de Defensa creou na súa lembranza o premio Soldado Idoia Rodríguez, para recoñecer o esforzo e o traballo de persoas, colectivos e entidades, tanto militares como civís, que fomenten a integración da muller e a igualdade de xénero nas Forzas Armadas Españolas.
Notas
Categoría:Nados en Friol Categoría:Nados en 1983 Categoría:Finados en 2007 Categoría:Militares de Galicia