Lucio Elio Sexano, nado cara ao 20 a. C. en Volsinii (Etruria) e finado o 18 de outubro do 31, foi un militar romano e confidente do emperador romano Tiberio. Nado na clase ecuestre, Sexano ascendeu ao poder como prefecto da garda pretoriana, da cal foi comandante dende o ano 14 até a súa execución por traizón no ano 31.
Malia que a Garda Pretoriana fora establecida formalmente co emperador Augusto, Sexano introduciu unha serie de reformas que viron a unidade evolucionar máis aló dun mero corpo de escolta, transformándoa nunha poderosa rama do goberno, involucrada na seguridade pública, a administración civil e, en última instancia, a intercesión política; cambios que tiveron un impacto duradeiro no devir do Principado.
Durante os anos 20, Sexano acumulou poder gradualmente ao consolidar a súa influencia sobre Tiberio e ir eliminando posibles opoñentes políticos, incluído o fillo do emperador, Druso Xulio César. Cando Tiberio se retirou a Capri no ano 26, o control da administración do imperio recaeu sobre Sexano, convertíndoo no cidadán máis influente e temido de Roma ata que, de súpeto, caeu en desgraza no ano 31, cando a súa carreira se atopaba no máis alto tras facerse co consulado. Sospeitoso de conspirar contra Tiberio, Sexano foi arrestado e executado, xunto cos seus seguidores.
Traxectoria
Familia Sexano naceu no 20 a. C. en Volsinii, Etruria, no seo da familia de Lucio Seio Estrabón e Cosconia Léntula Maluxinense. A familia do futuro prefecto pertencía á orde ecuestre (ordo equester), unha das dúas clases máis altas da sociedade romana, só superada pola elite, formada polos patricios e os senadores. O avó de Sexano, con todo, mantiña relacións coa clase senatorial a través da súa amizade con Terencia, a esposa de Caio Mecenas, un dos máis poderosos aliados políticos do emperador Augusto.
O pai de Sexano, Estrabón, reforzou as relacións coa elite a través do seu primeiro matrimonio con Elia, filla do cónsul Quinto Elio Tuberón, coa que tivo un fillo chamado Lucio Seio Tuberón, que foi cónsul suffectus no 18. Tras a morte de Elia, Estrabón casou con Cosconia Léntula Maluxinense Galita, irmá de Servio Cornelio Léntulo Maluxinense (consul suffectus no 10) e Publio Cornelio Escipión Léntulo, consul suffectus no 2, e media irmá de Quinto Xunio Bleso, consul suffectus no 10. Con Cosconia, Estrabón tivo un fillo chamado Lucio Seio, que máis tarde sería adoptado na gens Aelia por Elio Galo e pasaría a chamarse Lucio Elio Sexano.
A familia adoptiva de Sexano contaba con dous cónsules da súa rama: Quinto Elio Tuberón (cónsul no 11 a. C.) e Sexto Elio Catón (cónsul no 4). O tío de Sexano, Quinto Xunio Bleso distinguiuse como comandante militar e foi elixido procónsul da provincia de África no 21. Obtivo as honras do triunfo ao reprimir con éxito a rebelión de Tacfarinas.
Segundo o antigo historiador Tácito, Sexano foi tamén amigo do rico Marco Gavio Apicio, cuxa filla podería ter sido a primeira esposa de Sexano. Coa súa primeira muller tivo tres fillos, dous varóns e unha muller: Estrabón, Capito Eliano e Xunila.
Ascenso ao poder
Prefecto do Pretorio É probable que Estrabón, o pai de Sexano, chamase a atención de Augusto a través da amizade que mantivo o seu avó coa muller de Caio Clinio Mecenas, aliado do emperador. Nalgún momento entre os anos 2 e 6, foi nomeado membro da Garda Pretoriana, unha das posicións máis privilexiadas que un cabaleiro podía ostentar no Imperio romano. Sexano realizou satisfactoriamente as súas funcións até a morte do emperador no ano 14. Sábese pouco desta parte da súa vida, aínda que segundo Tácito acompañou ao herdeiro adoptivo de Augusto, Caio César, durante as súas campañas en Armenia do 1 a.C. Cando Tiberio sucedeu a Augusto no ano 14d.C., Sexano foi nomeado prefecto do pretorio como colega do seu pai Estrabón.
A Garda Pretoriana era a escolta militar de elite que creou Augusto no 27 a. C. coa función específica de protexer a vida do emperador e do resto de membros da familia imperial. Posteriormente os pretorianos foron adquirindo poder e chegaron a administrar os asuntos civís e a seguridade pública. A súa presenza servía ademais de recordatorio para o pobo e para o Senado da forte base de poder que sustentaba aos emperadores. Augusto, con todo, buscando non ofender aos republicanos, non permitiu que a garda estivese composta por máis de nove cohortes (menos tropas que unha lexión romana), as cales se atopaban comandadas por dous prefectos.
Cando se nomeou a Estrabón gobernador de Exipto no ano 15, Sexano converteuse en comandante único da Garda e iniciou unha serie de reformas que reforzarían o poder das futuras xeracións de pretorianos, que rematarían por converterse nunha ferramenta crucial para o principado. No 20 d.C., os campamentos que estaban dispersos pola cidade concentráronse nun só, situado nas aforas da cidade. O número de cohortes aumentou de nove a doce, acompañando unha delas, ao longo do día, á familia imperial. A tradicional cooperación entre os dous prefectos pretorianos quedou rota e Sexano nomeaba, como un autócrata, a tribunos e centurións.As reformas de Sexano supuñan a dispoñibilidade e lealdade dunha forza de 12000 soldados acampados na periferia da propia Roma. Tiberio, deixando atrás a prudencia de Augusto, chegou mesmo a exhibir a Garda nos desfiles.
Disputa con Druso miniatura|250px|Druso o Menor, fillo de Tiberio e inimigo de Sexano
En calidade de prefecto do pretorio, Sexano converteuse rapidamente en asesor e conselleiro de confianza de Tiberio. No ano 23 exercía xa unha considerable influencia sobre as decisións tomadas polo emperador, quen se refería a Sexano como «Socius Laborum» (compañeiro de fatigas). A esas alturas Sexano xa alcanzara a pretura, unha posición que non era habitual que ostentasen membros da clase ecuestre. Erixiuse unha estatua na súa honra no Teatro de Pompeio e no Senado os seus seguidores foron promovidos a postos de gran privilexio. Con todo, a clase senatorial non vía con bos ollos o ascenso de Sexano, que espertou hostilidades en parte da familia imperial, sobre todo no fillo de Tiberio, Druso o Menor.
A inimizade entre Sexano e Druso remontábase ao ano 15, cando estalaran disturbios entre as lexións estacionadas en Xermania e Panonia. Aínda que o seu fillo adoptivo, Xulio César Xermánico sufocara con éxito a rebelión, Tiberio enviou ao seu propio fillo, Druso, acompañado de dúas cohortes comandadas por Sexano. Druso rematou rapidamente cos restos do motín e executou aos líderes instigadores. A man executora dos asasinatos foron os pretorianos. A pesar deste éxito, ao longo dos seguintes anos a animosidade entre Sexano e Druso iría en aumento.
Tras o ascenso de Tiberio ao trono, o emperador conferira gradualmente poder ao seu fillo biolóxico, confirmándoo como o seu sucesor ao cederlle o mando das lexións de Iliria no ano 18, chegando Druso a ostentar o consulado conxunto con Tiberio no ano 21. Con todo, Sexano exercía xa como man dereita do emperador e ambicionaba ampliar o seu poder. No 20 procurou reforzar a súa relación coa familia imperial prometendo en matrimonio á súa filla Xunila, de catro anos, a Claudio Druso, fillo de Claudio, pero o matrimonio non chegaría a celebrarse a causa da morte accidental do rapaz.
Vendo fracasado o seu primeiro intento de ingresar na familia imperial, Sexano centrou a súa atención en eliminar ao seu rival, Druso o Menor. A inimizade entre ambos chegara a un punto crítico no ano 23: tanto é así que Druso batera en Sexano lamentándose abertamente de que «un estraño participase no goberno mentres estaba vivo o fillo do emperador».
Cando Tiberio estaba na sesentena, a ascensión ao trono de Druso víase cada vez máis preto. Para asegurar a súa posición e a súa vida, Sexano logrou seducir á muller de Druso, Livila, e entre os dous conspiraron para asasinar ao enganado esposo. Livila tería envelenado lentamente a Druso, logrando rematar finalmente coa súa vida o 13 de setembro do ano 23.
Consolidación do poder
Durante o reinado de Tiberio, o emperador renegou progresivamente das súas tarefas delegándoas noutros ata que finalmente se retirou á Illa de Capri, deixando gran parte da administración do Imperio en mans de Sexano. A perda do seu fillo foi un gran golpe persoal e político para Tiberio, afeito a delegar gradualmente as súas responsabilidades imperiais en Druso a medida que pasaban os anos. A súa morte frustrou os plans de Tiberio, quen renegou definitivamente das súas responsabilidades cedendo todo o poder a Sexano, en espera de que crecesen os fillos do gran xeneral Xermánico.
Xermánico morrera no ano 19, en circunstancias sospeitosas, en Siria (probablemente envelenado por Cneo Calpurnio Pisón), e por mor da súa morte, a súa esposa Agripina a Maior volvera a Roma cos seus fillos e unírase a un grupo de senadores que se opuñan á autoridade dun Sexano cada vez máis poderoso. As relacións entre Agripina e o emperador eran malas, debido a que á súa chegada á capital manifestara a súa convicción inequívoca de que o asasino de Xermánico fora contratado por Tiberio. Tamén xurdiu unha gran inimizade coa viúva de Augusto, Livia Drusila, que se opuña ás desbocadas ambicións de Agripina. Pola súa banda Sexano vía unha potencial ameaza nos fillos de Agripina, Nerón César, Druso César e Caio Calígula.
Sexano fixo un novo intento de ingresar na familia imperial ao solicitar o matrimonio con Livila no ano 25, tras terse divorciado en dúas ocasións da súa primeira esposa. Posiblemente Sexano buscaba, con este matrimonio, ingresar na familia imperial e, grazas á súa condición de membro da Dinastía Xulio-Claudia, poder ser un posible candidato á sucesión. O emperador rexeitou a proposta do pretoriano, ao que advertiu de que corría o risco de exceder os límites da súa posición. Esta inesperada réplica levou ao ambicioso Sexano a cambiar de plans, procurando illar a Tiberio en Roma. A paranoia cada vez maior que experimentaba o emperador e os seus receos cara a Agripina e o Senado levárono a retirarse, primeiro a Campania no ano 26 e finalmente a Capri no 27, onde permanecería até a súa morte no ano 37. Ao ter acceso á correspondencia imperial, Sexano controlaba agora, por completo, a información que circulaba entre o Senado e Tiberio.
A retirada de Tiberio supuxo que todo o poder quedase en mans de Sexano, que actuou con moderación até a morte de Livia Drusila no ano 29. A partir da morte de Livia, Sexano iniciou unha serie de xuízos pola cidade mediante os cales eliminaba aos seus inimigos políticos, aos que proscribía aumentando o Tesouro e a súa propia fortuna. Moitas das vítimas que eran falsamente acusadas por redes de espías e informantes optaron por suicidarse, evitando a deshonra de ser executados tras o vilipendio dun xuízo amañado. Entre os que caeron estaba Caio Asinio Galo, influente senador que se opuña a Tiberio e que estaba vencellado á facción de Agripina. A propia Agripina e dous dos seus fillos foron exiliados no ano 30 e morreron de inanición en sospeitosas circunstancias. O único fillo de Xermánico que logrou sobrevivir a Sexano foi Calígula, que se trasladou a Capri con Tiberio no ano 31.
Caída
Xuízos No 31, a pesar do seu rango ecuestre, Sexano compartiu o consulado con Tiberio in absentia, e finalmente casou con Livila. O emperador non aparecera por Roma dende o ano 26, e Sexano converteuse no gobernante de facto do Imperio. Os senadores e os cabaleiros tratábano coma se fose tal, os seus aniversarios celebrábase polas rúas de Roma e erixíronse estatuas na súa honra. Tras esmagar aos seus opositores políticos, a posición de Sexano volveuse practicamente intocable. O historiador Dión Casio descríbeo así: