Amparo Cebrián Fernández de Villegas, nada en Salamanca o 11 de decembro de 1883 e finada en Bogotá en 1955, foi unha pedagoga española ligada á Institución Libre de Enseñanza, vogal do Padroado das Misiones Pedagógicas, esposa de Luis de Zulueta, irmá de Dolores Cebrián e nai de Carmen, Concepción, Juan Antonio, Julián e Carlos.
Traxectoria Filla de Cristino Cebrián y Villanova, médico militar e catedrático de Anatomía na Universidade de Salamanca, e de Concepción Fernández de Villegas, de orixe murciana. Esta, ao falecer o seu marido, trasladouse a Madrid cos seus fillos.Unha das súas irmás, Dolores, tamén mestra, foi esposa do líder socialista e filósofo académico, presidente do PSOE, da UGT e das Cortes constituíntes, Julián Besteiro (1870-1940), morto na prisión de Carmona despois de pasar por outros cárceres de Madrid e Palencia. Amparo estudou na Escola Normal, sacou o título de mestra en propiedade e ocupou por oposición unha praza nunha escola de parvulario de Madrid.
O 11 de decembro de 1908 contraeu matrimonio co profesor e político español Luis de Zulueta.Nalgunhas fontes danlle ao matrimonio sete fillos, noutras cinco, ou ben aparece un Carlos en vez de Luis, e noutras unha Inés en vez de Juan Antonio (1913-1983), avogado e político monárquico, presidente do Club Liberal de Madrid e estudado por Lorenzo Peña.
Amparo foi bolseira da Junta para Ampliación de Estudios (JAE), pensionada a partir de 1911 en Francia, Bélxica e os Países Baixos. Especializouse en modelos pedagóxicos para o parvulario e exerceu como profesora da Sección preparatoria do Instituto-Escuela desde 1918. En 1925 foi bolseira co grupo Escolar Cervantes para estudar a Organización e metodoloxía da Escola Nova. Tamén colaborou de forma activa nas colonias de vacacións da Institución Libre de Enseñanza (ILE) e no padroado das Misiones Pedagógicas. Neste proxecto, ademais de como vogal, participou na misión en Ayllón (Segovia) o 16 de decembro de 1931.
Foi unha das socias do Lyceum Club Femenino, asociación feminina fundada en 1926.
En 1936 o golpe de estado do 18 de xullo que provocou a guerra civil española sorprendeuna en Roma, onde o seu marido era embaixador da Segunda República Española na Santa Sé. Exiliouse co seu marido e catro dos seus fillos (Concepción, Luis, Carmen e Julián) en Colombia. Finou, supostamente en Bogotá, aos 73 anos de idade.
Notas
Referencias
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Pensionados da JAE Categoría:Misiones Pedagógicas Categoría:Nados en Salamanca Categoría:Finados en 1955 Categoría:Nados en 1883 Categoría:Exiliados do franquismo