A Esfinxe de Haches é unha escultura ibera atopada nas proximidades da pedanía de Casas de Haches, no concello de Bogarra, na provincia de Albacete. Foi desenterrada fortuitamente durante o desenvolvemento de traballos agrícolas nas inmediacións da Torre de Haches, de época almohade, no xacemento de Los Cucos, recentemente proposto como sitio de cronoloxía ibera, romana e almohade. Foi tradicionalmente datada entre finais do século VI a. C. e inicios do século V a. C. e atópase depositada no Museo Arqueolóxico de Albacete dende 1947 da man do daquela director desta institución, Joaquín Sánchez Jiménez.
Descrición Trátase dun perpiaño esquineiro con talla no alto relevo, onde se representa a esta figura animal e fantástica, unha esfinxe de marcado carácter apotropaico. Os seus trazos achégana á figura arcaica grega, estilo que determina os seus ollos amendoados ou o sutil sorriso arcaico.
O corpo represéntase en repouso sobre un groso plinto e en posición lateral podendo observar só tres das súas patas de marcada natureza felina (como é propio das esfinxes) e a súa á dereita, quedando a esquerda oculta.
A posición hierática da figura rómpea a súa cabeza, tornándose cara á súa dereita para crebar a frontalidade que caracteriza a tantas outras figuras da escultura contemporánea a esta como os touros ibéricos. O seu rostro feminino, de tendencia triangular, rematado por unha esquemática diadema da que colgan dous titabuzóns, un remate ben coñecido na estatuaria ibera.
A figura non pode ser entendida por si mesma como un elemento escultórico ou arquitectónico illado. O achado doutras pezas de pedra no seu lugar de procedencia e o seu vínculo cun máis que probable contexto de carácter funerario permitiu propor a súa pertenza a un monumento en pedra (semellante ao da necrópole de Pozo Moro) que ben podía pertencer a unha necrópole ou ben puido ser un fito paisaxístico á maneira dalgúns monumentos turriformes do Mediterráneo.
Tallas ibéricas que presenten similitudes estilísticas coa Esfinxe de Haches son as esfinxes xemelgas de El Salobral (provincia de Albacete) ou o xinete da necrópole de Los Villares (Hoya Gonzalo, Albacete). Á calor dos paralelos estilístios que atopamos na peza, a esfinxe tradicionalmente datouse entre finais do século VI a. C. e inicios de século V a. C., momento da formación da cultura ibera; aínda que existen outras propostas que atrasan algunhas décadas a súa cronoloxía e outras, pola súa banda, defenden un momento máis serodio.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Sepulcro de Pozo Moro Esfinxes xemelgas de El Salobral Bicha de Balazote Ligazóns externas A Esfinxe de Haches en Turismo de Castela-A Mancha A Esfinxe de Haches na Rede Dixital de Coleccións de Museos de España
Categoría:Iberos Categoría:Esculturas iberas Categoría:Esfinxes