A Pobra do Brollón é un concello da provincia de Lugo en Galicia. Situado no sur da provincia, pertence á comarca de Terra de Lemos e forma parte da Ribeira Sacra. Ten unha poboación de 1.709 habitantes segundo o censo de 2017. Limita cos concellos do Incio ao norte; Quiroga e Ribas de Sil ao sur; Samos, Quiroga e Folgoso do Courel ao leste; e Monforte de Lemos e Bóveda ao oeste.

Xeografía

O concello da Pobra do Brollón ten unha superficie de 174,8 km², situados entre o Val de Lemos, na metade oeste, e a serra do Courel, ao leste. Está caracterizado pola súa topografía montañosa na metade leste. Cabe destacar os seguintes montes: Alto da Veneira (1.164 m), Mioteira (871 m), O Home Grande (824 m), Cerro de Pereira (648 m), O Covallo (564 m) e Moncai (531 m). A menor altitude sitúase na Ribeira de Val de Frades, xunto ao río Sil.

Noroeste: Bóveda Norte: O Incio Nordés: Samos Oeste: Monforte de Lemos 75px Leste: Folgoso do Courel Suroeste: Monforte de Lemos Sur: Ribas de Sil Sueste: Quiroga

Hidrografía A rede hidrográfica do concello pertence á conca do río Sil, que fai de fronteira física polo sur nun pequeno tramo. As concas de dous dos seus afluentes, o Cabe e o Lor, drenan a superficie do concello.

O río máis importante é o Cabe, que travesa o concello en dirección nordés-suroeste. A súa conca drena a parte occidental e central do concello. Os seus principais afluentes son o Saa e o Picarrexo.

O río Saa tamén travesa o concello en dirección nordés-suroeste para desembocar no Cabe á altura de Fornelas, aós pés do Moncai. No seu percorrido pasa polo centro da capital municipal, onde recibe as augas do seu principal afluente, o Rubín. Outros afluentes son o río Lebrón e o regato das Lamelas.

O río Lor fai de lindeiro físico co concello de Quiroga polo leste nun tramo do seu percorrido. A súa conca drena a parte máis oriental do concello. O seu principal afluente é o Loureiro-Mazo.

Nas terras que rodean o paso do río Sil, no sur do concello, fórmase unha pequena ribeira. O regato de Trasmonte é o único que desemboca no Sil dentro dos límites do concello.

Clima O clima é oceánico-continental, con características de oceánico de montaña na cara leste, froito dunha maior altitude. Na parte occidental, as temperaturas son suaves, con invernos fríos, abundantes xeadas e néboas, e veráns calorosos e secos. A temperatura media é de 13,3 °C (6,2 °C en xaneiro e 20,3 °C en xullo) e as precipitacións son duns 1.000 mm/anuais, con meses do verán con menos de 30 mm. Na parte máis montañosa as temperaturas medias roldan os 11 °C de media e as precipitacións son duns 1.300 mm/anuais. As nevadas son abundantes no inverno nesta zona, froito da altitude, que chega a superar os 1.000 metros.

Vexetación As especies vexetais máis importantes son o piñeiro, o castiñeiro e o chopo, e o toxo, a silva e a xesta. Nos ríos predomina a vexetación de ribeira.

Demografía

A Pobra contaba en 2018 cunha poboación de 1.685 habitantes, 842 mulleres e 843 homes, segundo datos do IGE.

O concello da Pobra do Brollón cumpre coas características da Galicia rural. A poboación é regresiva, con crecemento natural negativo e cunha estrutura por idades moi envellecida. A poboación é dispersa en 22 parroquias e 118 entidades, sendo a súa densidade de 12,24 hab/km² en 2008. A maior parte dos poboamentos levántanse no sector occidental, mentres que o oriental está practicamente despoboado debido á topografía montañosa. No concello hai varias aldeas deshabitadas, a maioría delas concentradas na área da montaña.

Dende principios de século, a poboación non cesou na súa regresión (en 1900 tiña 7.992 habitantes e en 2008, 2.162); unha perda debida na súa maior parte aos efectos da emigración, sobre todo na década do 1950 ao 1960 (en 1950 tiña 8.116 habitantes, en 1960 tan só 5.444). Nas últimas décadas a regresión tamén é debida á baixa natalidade e a alta mortalidade.

O resultado de todo iso é unha pirámide de poboación con base moi estreita e ensanchada nos seus brazos superiores: un 5% da poboación ten menos de 16 anos, un 50% ten entre 16 e 65 anos e un 45% supera os 65. Estes datos fan que sexa o quinto concello máis envellecido de España . En 2007 a taxa de natalidade era de 3,1 e a de mortalidade de 16,7.

Censo total 1.709 (2017) Menores de 15 anos 73 (4.27 %) Entre 15 e 64 anos 804 (47.04 %) Maiores de 65 anos 832 (48.68 %)

Historia A orixe: da Prehistoria á Idade Media A mediados do terceiro milenio a. C. migracións de pobos continentais chegaron a Galicia traendo con eles a primeira agricultura e a primeira metalurxia do cobre e do ouro. Manifestacións destes primeiros asentamentos, no que hoxe é o municipio da Pobra do Brollón, son os túmulos megalíticos, como mámoas ou medorras, propios da cultura castrexa, que se encontran repartidas por todo o seu territorio, así pódense ver en moitos lugares do concello como: A Roda do Castro, O Castelo e As Mámoas do Chao en Salcedo; O Castro de Santa Mariña en Castrosante; O Castro de Montecelo en Castroncelos; O Castro de Alende en Cereixa; A Roda do Castro de Abrence; O Castro do Xunqueiro en Óutara; O Castro de Montecelo en Fornelas; O Castro de Tras da Roda en Lamaigrexa; O Castro de Pino; O Castro de Barxa.

Así mesmo o seu principal río, o Cabe, (Chalibes), era xa coñecido polas súas propiedades ferruxinosas e moi prezado á hora de temperar as espadas dos guerreiros célticos, que acudían de moitos lugares con ese fin.

Do século IX ao XIII A partir do século IX, nos documentos de doazóns e de foros de mosteiros como os de Samos, San Vicente do Pino, Ferreira de Pantón, Meira, Oseira, Montederramo ou Celanova, comezan a ser citadas as igrexas e lugares de Terras do Brollón. Lugares como Salcedo, Cereixa, Barxa de Lor, Brollón, Ferreiros, A Ferreirúa, Lamaigrexa, Domiz, Saa, Castrosante, Liñares, Martul ou Canedo xa aparecen neses documentos, o cal fai supoñer que estaban poboados dende moito antes, posiblemente dende as repoboacións do bispo Odoario e a súa familia (século VIII). Houbo dous mosteiros de moi curta vida: un en Vilachá de Salvadur, e o outro en Ferreiros. As xentes adicábanse o cultivo do centeo, viñedo e a horticultura. Criaban ovellas, cabras, pitas e coellos. O máis do terreo estaba a monte. En aldeas como Ferreiros e A Ferreirúa, como así o di o seu nome, había ferreiros, mineiros e carboeiros adicados á fabricación de ferraduras, cravos e algunha ferramenta para o agro.

A inseguridade social foi abondosa durante estes tempos, como o demostra a existencia de torres e recintos de vixilancia, dos que só queda o nome: Castrobón (A Ferreirúa), Castrelado Pequeno (Liñares) e Castrelín (Parada dos Montes).

A Pobra do Brollón tivo unha xurisdición que comprendía os cotos de Cereixa, Froxende, Parada dos Montes, Pol de Lemos, Valverde, A Raíña, Salcedo e Vales, ademais das terras pertencentes ó coto do mosteiro de San Vicente do Pino en Monforte de Lemos.

Segundo unha investigación recente realizada pola escritora Olga Novo, hai indicios que apuntan a que a antiga vila podíase atopar na actual Santalla de Rei. Esta vila sería queimada e destruída por motivos descoñecidos, probablemente enmarcados en loitas pola sucesión ao trono de Castela na Idade Media, e trasladada ao lugar actual da vila da Pobra do Brollón, coñecido entón como San Pedro de Entrambasaugas. A finais do século XIII, xa comeza a aparecer nos documentos o nome da nova vila, Puebla do Brollón ou Puebla de San Pedro. Parece ser que foi o Rei Sancho IV de Castela, quen outorgou o documento fundacional (sobre un vello castro mineiro) do lugar, a carta-puebla; e que o seu herdeiro, Fernando IV de León e Castela ratificou. Neste documento contíñanse as reparticións de terras, deberes e dereitos que se lles concedía ós poboadores da Pobra do Brollón e das súas doce aldeas; e un dereito moi importante, como era o de depender directamente do propio rei. A repoboación propiciada pola citada carta-puebla foi un éxito demográfico e económico, como se demostra polas rendas anuais que tiñan que pagar, e que a partir de entón A Pobra do Brollón aparecese en documentacións e mapas. A este desenvolvemento económico non debeu ser allea a súa situación estratéxica no obrigado paso de xentes e mercadorías, que querían entrar ou saír de Galicia polo camiño natural do val do río Sil. A presenza das ordes Hospitalarias e de Santiago nas Terras do Brollón así o confirman.

Do século XIV á Ilustración Logo A Pobra do Brollón estivo baixo a xurisdición da casa de Lemos. O 30 de xullo de 1477, o rei Fernando o Católico, nun documento datado en Medina del Campo, cédelle a Pedro Álvarez de Osorio, primeiro Conde de Lemos, tódolos dereitos e rendas (ascendían a máis de 20.000 marabedís) que a coroa tiña na Pobra do Brollón; rematan así as liortas que a nobreza viña tendo pola posesión das Terras do Brollón, e que comezaran o 23 de agosto de 1424, cando Fadrique, señor de Monforte, anexionouna a Monforte xunto coas súas doce aldeas.

Sen lugar a dúbida, ser unha vila de homes dependentes do rei ou dos seus administradores, unha vila de homes libres da xurisdición de nobres e da igrexa, unha vila de homes ceibes defensores dos seus dereitos, motivou a participación de María Castaña, natural do Coto de Cereixa, nas sublevacións do pobo de Lugo contra os abusos do bispo da cidade (en torno ao 1382), e, que pasados uns anos, todo o pobo da Pobra do Brollón o fixera contra os atropelos e pagos das rendas reais ó Conde de Lemos no século XV: a Revolta dos Guímaros, ó negarse a pagar un tributo. Conta Manuel Amor Meilán que, o Conde ó ter coñecemento de tal actitude intentou sometelos coas armas e, os campesiños non tardaron en ser sometidos ó xugo económico do conde de Lemos, aínda que novamente volveron reunirse baixo o piñeiro e acordaron manterse na súa decisión de non satisfaceren o tributo, a non ser que lles fora recollido nas súas casas sen necesidade de abriren a porta, tan só tirando a moeda por debaixo da porta. Dende entón ás xentes do condado de Lemos coñécenas como guímaros, é dicir, rudos, valentes e desconfiados. Durante moito tempo, e para conmemoraren estes episodios, os veciños da Pobra reuníanse a madrugada de tódolos domingos nas inmediacións onde tivera lugar o levantamento de finais do século XIV ou principios do XV, co fin de tomar acordos que afectasen ós intereses do municipio.250px|miniatura|dereita|Entrada á cova das Choias, antiga mina de ferro, na aldea de Biduedo.

A partir do século XV, a pesar das reformas da administración propiciadas polos Reis Católicos e os seus descendentes como soberanos de todo o Estado, as Terras do Brollón continuaron vinculadas á Casa de Lemos, ata as reformas administrativas do século XIX. A súa economía centrábase na agricultura (centeo e viño), gandería e a explotación das minas de ferro, principalmente a cova das Choias e A Veneira de Roques, (que chegou a ter 37 mineiros) que procuraban de mineral a tódalas ferrerías do contorno, incluídas as tres do termo: Ferrería de Biduedo, Ferrería de Barxa de Lor e a Ferrería de Loureiro.

A chegada do millo e a da pataca, a finais do século XVIII, contribuíu a gran crecemento demográfico, o que obrigou a poñer en explotación terras baldeiras ata entón e a construción de novas vilas. A finais do século XIX, as viñas sufriron a peste da filoxera que obrigou a abandonar o seu cultivo ata ven entrado o século XX.

Idade Contemporánea Durante a Idade Contemporánea o concello comeza a adquirir servizos e a desenvolverse. En 1850 construíuse a estrada entre Lugo e Valdeorras pasando pola Pobra. No ano 1883 o rei Afonso XII inaugurou a liña de ferrocarril entre Madrid e A Coruña, que pasa polo concello da Pobra do Brollón. No lugar da Estación construíuse unha estación que aínda funciona na actualidade e que lle dá nome a este lugar.