Álvaro Queipo Somoano, nado en Oviedo o 9 de maio de 1988, é un enxeñeiro industrial e político asturiano do Partido Popular. É deputado na Xunta Xeral do Principado de Asturias pola circunscrición occidental dende 2019 e presidente do Partido Popular de Asturias dende 2023. Medrou en Castropol dende os seis anos.

Traxectoria Queipo naceu na capital asturiana, onde seu pai era administrador tributario e súa nai traballaba nunha inmobiliaria. A familia materna ten a súa orixe en Cangas del Narcea e a paterna en Cangas de Onís. Cando tiña seis anos a súa familia aveciñouse na localidade eonaviega de Castropol e realizou estudos de primaria no colexio público da localidade. En 2006 recibiu o Premio Extraordinario de Bacharelato do Principado de Asturias polos seus resultados académicos. Estudou na Universidade de Oviedo e logrou en 2010 o título de enxeñeiro técnico industrial na especialidade de química industrial. En 2015 completou a súa formación coa especialidade en enerxía e fluídos. Actividade deportiva e profesional

Practicou remo olímpico e tradicional co Club de Mar de Castropol entre 2003 e 2007. Foi campión de Asturias e obtivo dúas medallas de bronce nos Campionatos de España de Remo Olímpico.

Desenvolveu a súa actividade profesional no sector da enxeñería industrial. Incorporouse como enxeñeiro de proxectos á empresa ISOTRON do grupo ISASTUR en 2013 e ata 2019 participou na construción de subestacións eléctricas en Alxeria, na coordinación de traballos de instrumentación na refinería de Khavarovsk en Rusia e na construción de parques eólicos na Arxentina e España.

Actividade política

Política local

Comezou a militar no Partido Popular en 2008, nas eleccións municipais de 2011 foi de número tres na candidatura popular ao concello de Castropol e resultou elixido concelleiro de Castropol. En 2013 asumiu a presidencia do PP no concello tras a marcha dun grupo crítico, entre os que estaban os outros dous concelleiros. Nas eleccións municipais de 2015 encabezou a candidatura do seu partido en Castropol, que logrou un concelleiro máis, pero quedou lonxe de conseguir a alcaldía. En 2019 presentouse tanto nas eleccións municipais coma na circunscrición occidental das eleccións á Xunta Xeral. Nas municipais o PP logrou de novo un concelleiro máis, sen ser suficiente para facerse coa alcaldía. Nas autonómicas Queipo encabezou a candidatura popular que logrou tres dos seis escanos en xogo e, xa que logo, logrou acta de deputado na Xunta Xeral do Principado. En novembro de 2020 renunciou á acta de concelleiro e ás responsabilidades municipais en Castropol despois de asumir a secretaría xeral do Partido Popular de Asturias.

Presidencia do Partido Popular de Asturias O 7 de novembro de 2022 asumiu provisionalmente a dirección do Partido Popular de Asturias logo da dimisión de Teresa Mallada. Nas eleccións autonómicas de 2023 encabezou novamente a candidatura popular pola circunscrición occidental e revalidou o seu escano na Xunta Xeral. En outubro de 2023, tras a renuncia de Diego Canga como deputado e voceiro parlamentario do PP, Queipo converteuse por unanimidade no novo voceiro do grupo popular na Xunta Xeral, polo que se tornou o principal representante da oposición parlamentaria ao segundo goberno de Adrián Barbón. O 18 de novembro de 2023 os compromisarios do congreso do Partido Popular de Asturias elixírono presidente do partido co 95,8 % dos votos . Posicións políticas Oficialidade das linguas de Asturias

Queipo é falante do galego de Asturias. Non obstante, non recoñece que entre o Navia e Eo se fale galego, senón unha das dúas linguas asturianas . En novembro de 2019 empregou o galego de Asturias nunha intervención na Xunta Xeral do Principado de Asturias ao presentar unha proposición non de lei sobre a denominación da ría de Ribadeo que iniciou en galego de Asturias e, diante a protesta do deputado de Vox Ignacio Blanco que afirmou que non comprendía o galego, Queipo pasou ao castelán e salientou que era galego-asturiano e que era outra lingua.. En 2020 volveu utilizar o galego de Asturias na Xunta Xeral e agradeceu que outro deputado a empregase, ao considerala unha lingua que a Cámara esquecía con frecuencia.

Queipo e o Partido Popular de Asturias opóñense á oficialidade do asturiano e do galego de Asturias. En maio de 2024, ante a proposta de reforma do Estatuto de Autonomía para introducir a oficialidade das linguas propias de Asturias, declarou que o PP non apoiaría a reforma. Defendeu a liberdade lingüística e resumiu a posición do seu partido coa fórmula «asturiano si, obrigatoriedade non». O dirixente do PP de Asturias sostén que as linguas de Asturias constitúen un patrimonio común e que non deben converterse nun instrumento de confrontación política. Defende facilitar o seu coñecemento, conservación e uso, mais rexeita que o seu ensino ou emprego adquira carácter obrigatorio. En maio de 2026 volveu reiterar o seu rexeitamento da oficialidade e afirmou que o uso das linguas asturianas debe garantir a liberdade individual e non implicar obrigatoriedade no ensino.. Mais Queipo reivindicou tamén a actuación histórica do Partido Popular na protección das linguas asturianas. En 2021 afirmou na Xunta Xeral que ningún partido con representación parlamentaria tiña, ao seu xuízo, un historial de defensa do asturiano e do galego-asturiano comparable ao do PP.. Fiscalidade e gasto público Queipo defende unha redución da presión fiscal en Asturias e presenta a política tributaria como un instrumento para favorecer o consumo, o aforro, o investimento e a creación de emprego. En setembro de 2026 propuxo deflactar un 5 % os tres primeiros tramos autonómicos do IRPF, eliminar determinados efectos de salto no imposto sobre transmisións patrimoniais e establecer un tipo cero para os primeiros 150 000 euros da vivenda habitual de determinados colectivos.

O seu proxecto fiscal para Asturias inclúe tamén unha redución do tipo xeral do imposto sobre transmisións patrimoniais, a bonificación gradual do 100 % do imposto sobre o patrimonio e a eliminación do recargo provincial sobre o imposto de actividades económicas.. Queipo contrapón esta orientación á política fiscal do Goberno de Adrián Barbón, ao que atribúe un incremento da carga tributaria e unha perda de poder adquisitivo das familias.

Industria e emprego Queipo situou a recuperación da actividade económica e industrial entre as prioridades da súa alternativa política. Defendeu unha reforma do sistema de promoción empresarial destinada a atraer investimentos, acompañar os proxectos empresariais e favorecer a creación de emprego, así como unha redución das cargas administrativas que lles afectan aos autónomos.

Sector primario e medio rural Queipo defendeu políticas de apoio á actividade agraria e gandeira e reclamou unha maior intervención das administracións na protección das explotacións fronte aos danos provocados pola fauna salvaxe. En marzo de 2026 reclamou a aplicación dun plan de control do lobo e un reforzo das axudas ás explotacións afectadas, así como unha compensación polos animais mortos que evite unha situación de desvantaxe para os gandeiros asturianos respecto doutras comunidades.

Vivenda Queipo defendeu incrementar a oferta de vivenda e considerou insuficiente unha política baseada no aumento da regulación administrativa. Entre as medidas que propuxo figuran a mobilización de solo, o impulso da vivenda protexida e o alugueiro con opción de compra, así como reducións fiscais para facilitar o acceso á vivenda, especialmente entre a mocidade e en zonas en risco demográfico.

Administración e servizos públicos Queipo reclamou unha administración máis sinxela e con menos burocracia. No seu programa de recuperación formulou a reorganización administrativa e o emprego da automatización e da intelixencia artificial para reducir os tempos de tramitación e as cargas que soportan cidadáns e empresas e ao tempo, presentou como prioridades mellorar a sanidade pública, reducir as listas de agarda e a reorganización da atención á dependencia.

Notas

Categoría:nados en Oviedo Categoría:Nados en 1988 Categoría:Deputados da Xunta Xeral do Principado de Asturias Categoría:Políticos do PP Categoría:Enxeñeiros industriais Categoría:Remeiros de España Categoría:Concelleiros de Asturias