A turmalina (da palabra cingalesa turmali, que significa pedra que atrae as cinzas) é un mineral da clase dos silicatos cuxa fórmula química é variable xa que forma unha serie isomorfa de minerais de diversa composición química.
Aspecto
A turmalina cristaliza en forma de cristais prismáticos hexagonais ou de crecemento radiado ou acicular. Tamén aparece de forma amorfa e masiva.
Variedades da turmalina segundo a súa composición
O grupo da turmalina está formado por unha serie isomorfa de diversos minerais. Son os seguintes:
Elbaíta, con sodio, litio e aluminio. Dravita, con sodio, magnesio e aluminio. Chorlo, con sodio, ferro2+ e aluminio. Buerxerita, con sodio, ferro3+ e aluminio. Uvita, con calcio, magnesio e aluminio. Liddicoatita, con calcio, litio e aluminio.
Variedades da turmalina segundo a súa cor
Segundo sexa a súa cor. Podemos diferenciar entre:
Acroíta, de cor branca. Indigolita, de cor azul. Rubelita, de cor rosa ou vermella. Verdelita, de cor verde.
Tamén podemos atopar turmalina incolora, amarela, parda e negra.
Lugares onde se topa
Pódese atopar en granitos e gneises e, especialmente, nos filóns do tipo pegmatítico. Trátase dun mineral hidrotermal de altas temperaturas, procedente de fluídos profundos que escaparon ó final do proceso de cristalización. Aparece frecuentemente en asociación con cuarzos, feldespatos, micas e berilos.
Usos da turmalina
Polas súas propiedades piezoeléctricas a turmalina utilízase para a fabricación de calibradores de presión.
É moi apreciada no coleccionismo e no mundo da xoiería.
Propiedades
A turmalina presenta propiedades piroeléctricas e piezoeléctricas. Nos seus extremos acumálanse cargas opostas tanto baixo presión como ó quentala. Estas cargas poden atraer pequenos obxectos.
Outros silicatos
Outros silicatos a destacar son o cuarzo, o feldespato, a mica e a olivina.
Véxase tamén
Isomorfismo
Categoría:Minerais