Manzaneda é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Trives. Segundo o padrón municipal (INE 2018) ten 890 habitantes (435 homes e 455 mulleres) (1.150 en 2004).
Toponimia Manzaneda é un dos poucos topónimos castelanizados en Galicia aceptado coma forma oficial. Gonzalo Navaza, investigador especializado na onomástica galega, considerou que a forma Manzaneda apareceu a partir do século XVIII. O nome tradicional é Maceda ou Maceda de Trives e procede da combinación do substantivo mazá (< lat. mat(t)iana) co sufixo abundancial -eda (lat. -eta).
Xeografía Situado na parte nororiental da provincia, limita ao norte co concello da Pobra de Trives, ao leste co concello do Bolo, ao sur co concello de Vilariño de Conso e ao oeste co concello de Chandrexa de Queixa. A súa capital, Manzaneda, destaca polo seu conxunto histórico medieval, do que se conservan importantes vestixios.
Poboación Con trazos da Galicia de montaña, con escasa poboación nova e unha ampla capa de maiores de 65 anos, en 2022 o concello de Manzaneda aglutinaba 838 habitantes.
Censo total 890 (2018) Menores de 15 anos 44 (4.94 %) Entre 15 e 64 anos 447 (50.22 %) Maiores de 65 anos 399 (44.83 %)Estranxeiros 14 (1.57 %)
Turismo Enclavado no Macizo Central ourensán, no concello de Manzaneda hai diversos recursos de alto valor paisaxístico e natural. Comparte a estación de esquí de Manzaneda co concello da Pobra de Trives. No Souto de Rozavales está o castiñeiro de Pumbariños, de máis de 1000 anos de idade e 13,85 metros de perímetro. Está incluído no catálogo de árbores senlleiras.
A igrexa parroquial de San Miguel de Bidueira é coñecida como a catedral das terras de Manzaneda, ou a catedral da montaña, pola súa gran maxestade. Así mesmo, a capital do concello destaca por ser unha vila medieval, da que se conservan numerosos vestixios do seu glorioso pasado.
O abano turístico complétase con rutas de sendeirismo, coñecidas popularmente como a ruta do Val Glaciar de Prada e a ruta dos Soutos de Cesurís. A primeira percorre a plataforma de abrasión dun glaciar que erosionou o val que percorre a ruta hai máis de 10.000 anos. Chega ata o núcleo abandonado de Prada, situado nunha paisaxe de gran beleza. A segunda ruta percorre os amplos soutos da parroquia de Cesuris.
Galería de imaxes
Parroquias
Lugares de Manzaneda Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Manzaneda vexa: Lugares de Manzaneda.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Eleccións municipais en Manzaneda Estación de montaña de Manzaneda Ligazóns externas Páxina web
Categoría:Manzaneda Categoría:Topónimos de concellos galegos con etimoloxía