Vilariño de Conso é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Viana. Segundo o IGE en 2019 tiña unha poboación de 519 persoas (771 en 2003). O seu xentilicio é .
miniatura|Encoro das Portas.|esquerda Xeografía O concello, de Vilariño de Conso, con 200,2 km², abrangue dez parroquias. Está situado no sueste da provincia de Ourense, nas abas orientais da serra da Queixa e do Invernadeiro, entre os 630 e os 1 500 m de altitude.
Polo municipio discorren os ríos Camba, Conso e Cenza, e no seu territorio hai cinco encoros. Deles o das Portas, no río Camba, é o de maior capacidade da provincia ourensá, con 536 hm³, e o de Cenza é un dos de maior altitude de España, a 1 345 metros de altitude. A fervenza do Cenza ten unha caída vertical de 105 metros. Outros saltos de auga destacados son os de Suacenza, Galianda, Dona Loba e Cenza de San Mamede. O val do Cenza é de orixe glaciar, formado na era cuaternaria. As Morrenas de Chaguazoso é unha paisaxe granítica de interese paisaxística.
Abundan os soutos de castiñeiros, destacando o castiñeiro da Corredoira. Entre a fauna salvaxe destacan os cervos, xabaríns, corzos, a cabra montesa, rebecos e o lobo.
Patrimonio Consérvanse restos de poboados castrexos en Pradoalbar, Entrecinsa e Sabuguido. Da romanización de Galicia son os restos da calzada romana, vía secundaria da Vía Nova do itinerario de Antonino, e pola que se levaba o ouro extraído nas proximidades. Desa mesma época consérvase un pontón.
O castelo de Cerveira é un recinto fortificado, situado nun cumio a 1 550 metros de altitude. Ten un perímetro de 430 m, con 250 m de murallas, principalmente nas orientacións sur (150 metros, cunha porta ou abertura no medio), oeste (cunha pequena abertura que puidera ser un derrube) e outro de 30 m cara ao noroeste. Consérvanse cabanas feitas coa mesma pedra do monte, na súa maioría pegadas á muralla, e cunha superficie rectangular de 20 x 4 metros.
En San Mamede hai tumbas antropomórficas. De épocas máis recentes son o pazo de Conso e Entrecinsa, e a casa grande de Mormentelos. Entre a arquitectura relixiosa destaca a igrexa parroquial de Sabuguido.
O concello está atravesado pola vía da Prata do camiño de Santiago. No ano 2009 homologouse a ruta de sendeirismo PR-G 118 Ruta dos Soutos, apta para o turismo de natureza. É un percorrido circular duns 8 km que parte de preto do edificio do Concello cunha derivación de 3,5 km ata a central eléctrica. No ano 2018 creouse tamén a ruta de sendeirismo PR-G 146 Ruta Castelo de Cerveira, que parte de Pradoalbar, pasa pola ponte de Pradoalbar e remata próxima á corga do Berganzo. Dende alí, por un camiño sinalizado pero non homologado ascéndese ata o castelo de Cerveira.
Gastronomía Dentro da gastronomía local destacan as troitas e anguías dos ríos Cenza e Conso, amais dos chourizos, androllas e xamóns. O domingo de entroido celébrase unha festa de exaltación do cabrito. Entre as sobremesas sobresaen a bica e o montonico. O museo etnográfico de Vilariño de Conso conta cun centro de interpretación do cogomelo.
Demografía
Censo total 519 (2019) Menores de 15 anos 21 (4.08 %) Entre 15 e 64 anos 302 (58.64 %) Maiores de 65 anos 196 (38.05 %)
Galería de imaxes
Parroquias
Lugares de Vilariño de Conso Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Vilariño de Conso vexa: Lugares de Vilariño de Conso.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina oficial do Concello de Vilariño de Conso Vicente Feijoo en "O Seminario de Onomástica responde (Real Academia Galega, 1.12.2023) Ruta sendeirista homologada: PR-G 118 Ruta dos Soutos - SEGATUR
Categoría:Vilariño de Conso