Johann Sebastian Bach (en alemán /joˈhan/ ou /ˈjoːhan zeˈbastjan ˈbax/), nado en Eisenach (actualmente en Turinxia, Alemaña; daquela pertencente ao Sacro Imperio Romano Xermánico) o 31 de marzo de 1685 e finado en Leipzig o 28 de xullo de 1750, foi un músico e compositor do período barroco da música erudita. Considérase un dos compositores máis grandes e influentes da historia da música. Moitas das súas obras reflicten unha gran profundidade intelectual, expresión emocional e, sobre todo, altísimo dominio técnico. Bach considerábase a si mesmo un artesán consciente de que realizaba unha tarefa o mellor que a súa capacidade lle permitía, para a satisfacción dos seus superiores, para pracer e edificación dos seus semellantes, e para a gloria de Deus.

A súa vida foi similar á de moitos funcionarios musicais do seu tempo na Alemaña luterana, escasa en grandes acontecementos. Ocupou os postos de organista en Arnstadt entre 1703 e 1707, e Mühlhausen (1707-1708), organista da corte e posteriormente mestre de capela do duque de Weimar, e entre 1717 e 1723 foi director musical na corte do príncipe Leopold en Köthen. En 1720 faleceu a súa esposa, e un ano máis tarde volveu casar, esta vez coa cantante Anna Magdalena Wilcke. A partir de 1723 e ata a súa morte, Bach foi mestre de capela e kantor na igrexa de San Tomé en Leipzig e director musical da cidade. Chegou a ser invitado á corte de Frederico II o Grande en Sanssouci. Aínda que en vida gozou de certa fama na Alemaña protestante como virtuoso organista e compositor de eruditas obras contrapuntísticas, había canto menos media ducia de compositores máis coñecidos ca el en Europa. Bach tivo numerosos alumnos e estudantes ó longo da súa vida. Entre eles cóntase a Johann Friedrich Agricola. Finou en 1750, despois dunha intervención fracasada no ollo, facendo que Bach fose quedando cego ata perder totalmente a vista.

Bach encabezou unha gran familia numerosa. Tivo 7 fillos do seu primeiro matrimonio e 13 do segundo. Tres dos fillos que tivo coa súa segunda esposa convertéronse en compositores respectados por dereito propio. Entre eles cóntanse Wilhelm Friedemann Bach (1710-1784), Carl Philipp Emanuel Bach (1714-1788, de quen Mozart tiña unha moi boa opinión) e Johann Christian Bach (1735-1782). Porén, a confianza que Bach puxo nun dos seus fillos maiores tivo tristes consecuencias despois do seu falecemento. O fillo perdeu para sempre varias Paixóns compostas polo seu pai (que quizais agora serían tan apreciadas como a Matthäus-Passion e a Johannes-Passion). Se non fose polo coidado que tivo Carl Philipp Emanuel en conservar os manuscritos do seu pai, poderían terse perdido unha boa parte das obras mestras de Bach.

Na época da súa vellez, cando a xente se refería a Bach facíao pensando no seu famoso fillo Carl Philipp. Nas xeracións que seguiron a Bach, soamente os compositores e músicos coñecían a súa obra. Así, por exemplo, Haydn, Mozart e Beethoven tiveron un grande aprecio pola obra de Bach.

Traxectoria Primeiros anos en Eisenach (1685-1695) Johann Sebastian Bach naceu en Eisenach, o 31 de marzoO 21 de marzo segundo o calendario xuliano en vigor naquel momento no territorio da actual Alemaña. de 1685, o mesmo ano no que naceron Georg Friedrich Händel e Domenico Scarlatti. Naceu no seo dunha familia de músicos, sendo de feito todos os seus tíos músicos profesionais entre cuxos postos se inclúen organistas de igrexa, músicos de cámara e compositores. Foi o oitavo fillo (o fillo máis vello da familia contaba daquela con 14 anos de idade) do matrimonio formado por Johann Ambrosius Bach e Maria Elisabetha Lämmerhirt, e foi bautizado na igrexa de San Xurxo dous días despois, tendo como padriños ao músico Sebastian Nagel e ao gardabosques Johann Georg Koch, dos cales recibiu os seus dous nomes. Os Bach eran unha familia luterana integrada por músicos e compositores dende había varias xeracións, entre eles Veit Bach (o fundador da dinastía Bach), e moitos outros como Heinrich, Johann Michael, ou o propio pai de Johann Sebastian, que traballaba como músico de alto rango en Eisenach, tendo ao seu cargo a organización dos actos musicais da cidade. A súa nai pertencía a unha familia de peleteiros e agricultores, tamén con algúns músicos, todos profundamente relixiosos, seguidores dunha doutrina anabaptista de inclinación mística. Aínda que durante moito tempo se pensou que a casa natal de Bach era o número 21 de Frauenplan, que agora acolle un museo sobre o compositor, a casa na que probablemente naceu o compositor estaba situada en Lutherstrasse, aínda que a maior parte da casa da época de Bach non se conserva. esquerda|miniatura|225px|Casa de Bach en Eisenach. Existen poucos datos sobre os seus primeiros anos, mais coñécese que o seu talento musical foi recoñecido dende unha idade moi temperá, o que levou a seu pai a instruílo en instrumentos de corda (probablemente o violín) e en teoría musical, así como en órgano e teclado seguramente polo seu curmán Johann Christoph, que posteriormente se converteu en organista da igrexa de San Xurxo de Eisenach. O novo Johann Sebastian non tardou en converterse nun intérprete extraordinariamente competente nestes instrumentos.

Aos oito anos idade ingresou na Lateinschule (escola latina) de Eisenach, a mesma escola onde Lutero estudara dous séculos antes. Alí o núcleo da aprendizaxe era a doutrina luterana, acompañada de gramática, historia e aritmética. Os niveis superiores incluían latín, grego, hebreo, lóxica, filosofía e retórica. Grazas á educación musical que recibiu na casa, puido pasar a formar parte do coro da escola e da congregación de San Xurxo, o que lle permitiu cantar nos servizos regulares e en localidades próximas, salientando pola súa bela voz de tiple, que foi descrita como "unha voz aguda fina pouco común".

Non obstante, as condicións de vida naquela época en Turinxia eran precarias, ao ser vítima de constantes guerras e epidemias. A nai de Bach, Maria Elisabetha Lämmerhirt, faleceu cando el tiña nove anos. Un ano máis tarde morreu o seu pai, Johann Ambrosius Bach, e por entón xa morreran dous irmáns seus. A súa orfandade levouno a ir vivir e estudar co seu irmán máis vello, Johann Christoph Bach, dezaseis anos maior ca el, por entón organista da Michaeliskirche, na cidade de Ohrdruf (Saxe-Gotha-Altenburg). Acompañouno o seu irmán Johann Jacob, tres anos maior ca el e un dos cinco fillos que sobreviviron logo da morte do matrimonio.

Ohrdruf (1695-1700) miniatura|200px|Catálogo de alumnos matriculados na escola de Ohrdruf, 1700. Bach é o cuarto da segunda lista. Stadtarchiv Ohrdruf. Chegado a Ohrdruf, cun irmán ao que case non coñecía, que marchara da casa pouco antes de que el nacera e que estaba casado e tiña xa un fillo, a adaptación á súa nova vida non semella, segundo Geiringer, ter sido doada. Porén, semella que Christoph foi hospitalario e atento con el. O xove Bach non tardou en atopar un traballo como cantante no coro local que lle permitiu contribuír aos gastos domésticos, e ingresou na escola para proseguir cos seus estudos xerais, sendo un moi bo alumno e superando a compañeiros máis vellos. Ao mesmo tempo, perfeccionábase na música co seu irmán, que fora discípulo de Johann Pachelbel, e iniciábase na composición, dedicando unha das súas primeiras pezas para teclado ao seu irmán e mentor.

En Ohrdruf copiaba, estudaba e interpretaba música, incluíndo a do seu propio irmán, malia estar prohibido facelo por ser as partituras moi valiosas e privadas e ser o papel deste tipo custoso. Unha anécdota sinala que Christoph castigou ao seu irmán máis novo cando descubriu que copiara un libro prohibido á luz da lúa durante seis meses, e finalmente confiscou a prezada copia. Aprendeu teoría musical e composición, ademais de tocar o órgano, e aparentemente recibiu valiosas ensinanzas do seu irmán, que lle aprendeu a interpretación do clavicordio, recibindo del as súas primeiras leccións formais de teclado,Esta é a visión tradicional, mais tendo en conta as tradicións da familia Bach e o talento de Johann Sebastian, é probable que xa fora un músico versátil cando foi vivir co seu irmán maior a Ohrdruf. e lle deu a coñecer as obras dos grandes compositores do sur de Alemaña da época como Johann Pachelbel e Johann Jakob Froberger, do norte de Alemaña, de franceses como Jean-Baptiste Lully, Louis Marchand e Marin Marais, así como do clavecinista italiano Girolamo Frescobaldi. Tamén nesa época estudou teoloxía, latín, grego, francés e italiano no gymnasium da localidade. Seguramente presenciou e asistiu no mantemento do órgano, o que suporía o precedente da súa futura actividade profesional na construción e restauración de órganos.

Cando Elias Herda foi admitido como novo kantor da escola de Ohrdruf, divulgou entre os seus alumnos a animación musical que existía daquela en Lüneburg. Bach entusiasmouse coas cousas que lles contaba e solicitou un permiso para ir estudar alí. Coas boas referencias das que dispuña, recibiu unha bolsa de estudos e a principios de 1700, aínda con catorce anos, e acompañado polo seu colega Georg Erdmann, deixou Ohrdruf e dirixiuse a Lüneburg o 15 de marzo, afortunadamente pouco antes de que unha nova epidemia asolase a cidade. Non se sabe como os dous compañeiros percorreron os aproximadamente 180 km que separan Ohrdruf e Lüneburg, mais seguramente realizasen a viaxe a pé, podendo percorrer algúns treitos en barca polo río ou en carros de agricultores, e seguramente atopasen comida e aloxamento gratuítos nos numerosos mosteiros que había ao longo da ruta. En abril xa formaba parte do grupo de cantantes da coro da igrexa de San Miguel de Lüneburg, mais a súa renda era escasa, polo que tiña que complementala cantando nas rúas, en funerais e casamentos, como era habitual, ademais de ter vivenda e asistencia garantidos pola súa pensión.

Lüneburg (1700-1702) miniatura|esquerda|300px|A Igrexa de San Miguel de Lüneburg. A vida musical en Lüneburg era moito máis dinámica que en Ohrdruf. A igrexa de San Miguel era un importante centro musical, ofrecendo un variado repertorio a través dun grupo de músicos cualificados. Na cidade da Baixa Saxonia, Bach e Erdmann foron cantantes do Mettenchor, recibindo un salario de acordo coa nómina de subsistencia.De acordo cunha antiga lei, en Lüneburg os fillos de pais pobres podían estudar na escola latina e pagar os custos da súa manutención cantando no coro da Igrexa de San Miguel. A elección de Bach por San Miguel, amais da necesidade económica, debeuse a un paso consciente para camiñar cara a unha carreira musical avanzada, xa que a escola tiña unha impresionante tradición musical e unha biblioteca musical famosa fundada en 1555 por Michael Praetorius, e á cal Friedrich Emanuel Praetorius engadira numerosos materiais. Foi posiblemente aquí onde se formou a coñecida erudición musical de Bach e o seu profundo coñecemento coa tradición coral alemá do século XVII.