Ronald Syme, nado en Eltham, Nova Zelandia, o 11 de marzo de 1903 e finado o 4 de setembro de 1989, foi un historiador da Roma antiga, un dos máis eminentes do século XX.

Traxectoria Syme estudou francés e literatura nas Universidades de Auckland e Wellington. En 1925 partiu para Inglaterra, estudou no Oriel College de Oxford entre 1925 e 1927. En 1929 convértese en titor do Trinity College, ata 1949. Publicou The Roman Revolution, centrado no ascenso de Octaviano e a instauración como Augusto, en 1939, que o converteu nunha autoridade mundial recoñecida. Durante a segunda guerra mundial, Syme foi catedrático de filoloxía clásica en Istanbul, entre 1942 e 1945. En 1949 foi nomeado profesor de Historia Antiga no Brasenose College, de Oxford, cargo que ocupou ata 1970. Desde 1976 ata 1989 foi catedrático de Historia Antiga na Royal Academy of Arts.

Obras Unha das súas primeiras obras foi The Spanish War of Augustus (26-25 B. C.) publicada en 1934 en The American Journal of Philology sobre a campaña de Augusto no noroeste da Península Ibérica. A obra pola que se lle recorda, The Roman Revolution (1939), foi unha análise, maxistral e controvertida ao tempo, da vida política romana no período que seguiu ao asasinato de Xulio César. Inspirado no ascenso dos réximes fascista e nazi en Italia e Alemaña e seguindo o estilo e o pesimismo de Tácito, Syme devolvía a historia ás fontes antigas, mostrándonos un Augusto feroz, astuto, demagogo e hábil que restaurou a orde pública restaurando a República como pretexto para compoñer unha monarquía baseada nas relacións persoais e na ambición das familias políticas romanas, todo isto por medio dunha historia narrativa baseada nun fondo coñecemento das fontes antigas.

En 1958 saíu do prelo a súa biografía sobre Tácito, Tacitus, en dous volumes, constituíu un fito historiográfico, aínda o máis completo estudo desta figura, cun exhaustivo tratamento do contexto histórico e político. En 1964, seguiulle a biografía de Salustio, Sallust. Dedicou catro libros á Historia Augusta, unha colección de biografías dos emperadores desde Hadriano ata Carino.

Véxase tamén

Categoría:Historiadores do Reino Unido Categoría:Nados en 1903 Categoría:Finados en 1869 Categoría:Alumnos da Universidade de Oxford Categoría:Membros da Académie des inscriptions et belles-lettres Categoría:Profesores da Universidade de Oxford Categoría:Nados en Nova Zelandia Categoría:Profesores da Universidade de Cambridge Categoría:Profesores da Universidade de Istanbul Categoría:Alumnos da Universidade Vitoria de Wellington Categoría:Alumnos da Universidade de Auckland