O mosteiro de Santa María de Montederramo é un mosteiro galego medieval, beneditino e logo da orde do Císter posiblemente fundado no século X e que chegou a se converter nun dos mosteiros de maior poderío económico e social ata a desamortización páxina 259.. A fachada da igrexa é un exemplo do estilo herreriano en Galicia.

Situación Localízase na parroquia de Santa María de Montederramo, no concello de Montederramo, na Ribeira Sacra. Sitúase a 46 quilómetros ao leste da capital da provincia de Ourense, no extremo dun altiplano de 920 metros de altitude media ao carón do río Mao.

Historia miniatura|Ventá románica situada no muro sur da igrexa, na galería superior do claustro e pertencía á primitiva igrexa románica.

Posiblemente foi fundado no século X nun lugar distinto ao que ocupa na actualidade, no lugar de Seoane Vello, pese a que deste feito non existen probas documentais. Pola contra, si existen noticias do seu funcionamento ata mediados do século XII, e noméase como mosteiro de San Xoán de Seoane Vello, ou simplemente San Xoán Vello, e como pertencente á orde beneditina.

Segundo consta nun documento asinado en Allariz de 27 de agosto de 1124 foi refundado por Tareixa de Portugal. Neste documento rexistrase por vez primeira a denominación Rivoira Sacrata.

A conservación do arquivo do mosteiro no Arquivo Histórico Nacional proporciona abondosa documentación sobre as actividades do mosteiro.

A documentación existente sobre Montederramo das doazóns reais anteriores ao seu traslado de lugar e ao seu ingreso na Orde do Císter son consideradas por moitos autores como falsas, polo que a primeira referencia histórica considerada realmente válida data do ano 1142, cando o rei Afonso VII lle pediu ao seu parente San Bernaldo que lle enviase monxes para implantar a reforma do Císter nos mosteiros de Meira, Sobrado, Melón e Montederramo. A data que se dá para a unión efectiva a Orde do Císter é o ano 1153.

Deste xeito procederon a construción dun novo mosteiro que xa denominarían como de Santa María de Montederramo, e namentres duraron as obras a comunidade seguiu a residir no antigo cenobio. As obras rematáronse cara ao ano 1163. miniatura|Paso abovedado con casetóns que comunica a entrada do mosteiro co claustro da Porteria. Durante este século XII téñense documentadas numerosas doazóns reais. No Arquivo Histórico Nacional atópase un dos primeiro documentos do rei Fernando II de León e Galicia, unha doazón ao mosteiro datada o 13 de outubro de 1157. A esta doazón seguirían outras do mesmo rei o 16 de xullo de 1168 e o 2 de abril de 1170. Neste mesmo ano de 1170 a comunidade faise cargo da que estaba a ser ata entón malograda fundación do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, converténdose nunha filial de Montederramo, e tamén se fixo cargo dos mosteiros de Santo Adrián e San Ciprián.

No ano 1163 o abade Sancho, que recibiu unha bula do papa Alexandre III no que acolle ao mosteiro baixo a súa protección e amparo.

A partir de entón as pugnas co bispo de Ourense van ser frecuentes e o intermediario elixido os distintos papas, Urbano III (c. 1186) ou Inocencio III (1198 e 1200).

Desde principios do século XIII consérvanse foros e escrituras de compras e vendas do mosteiro, sendo os dous primeiros dos anos 1206 e 1207.

No ano 1192 Gonzalo é o abade do mosteiro que dirixiu a comunidade por mais de 28 anos. No ano 1225 Guillermo é o novo abade. No ano 1227 e 1228 Afonso IX confirma as supostas doazóns feitas por Afonso VII, documentos que -como xa se comentou- autores como Souza Soares ou Sánchez Belda consideran falsificacións feitas a finais do século XII. Estas doazóns volverán ser confirmadas por Fernando II no ano 1232. No ano 1241 o rei Fernando III de Castela cedeu o mosteiro a exención "das cousas que transportasen para o seu sustento...", confirmada no ano 1252 polo seu fillo Afonso X, o cal tamén confirmou os anteriores documentos no ano 1255 e fixo novas concesións a favor do mosteiro nos anos 1274 e 1277. Outra doazón documentada é a que realizou a raíña de Aragón Berenguela Alfonso no ano 1273. miniatura|Claustro da portería.

O rei portugués Dinís tamén ditou orde a favor do mosteiro no ano 1284, en relación á devolución de colleitas en Portugal levadas pola forza e pertencentes ao mosteiro, dato significativo xa que é mostra das posesións que tiña no país veciño. Nos anos 1286, 1287, 1291 e 1294 o rei Sancho IV de Castela volveu confirmar todos os privilexios dados ao mosteiro polos seus devanceiros e concedeu outros novos. De novo o rei Fernando IV nos anos 1302 e 1309 confirmou as cartas anteriores, e tamén no 1309 concedeulle ao abade de Montederramo o privilexio de nomear xuíz e meiriño para gobernar aos moradores do seu couto.

Desde o ano 1242 o abade foi Fernando Velasco, no 1255 figura como abade Xoán Páez; con posterioridade documentase no ano 1267 o abade Gil Pérez, Xoán Yáñez a partir de 1286. Desde o ano 1296 figura como abade Xoán Martínez, aparecendo en documentos por última vez no ano 1321, sucedéndoo no cargo Gonzalo Pérez.

Nos anos 1330 e 1331 Afonso XI fixo novas confirmacións dos privilexios reais anteriores. No mesmo ano de 1330 Pedro Fernández de Castro, Adiantado Maior de Galicia, Pertigueiro de Santiago e Mordomo do Rei e pai de Inés de Castro e do Adiantado Fernando Ruiz de Castro doou terras no seu testamento ao mosteiro.

No ano 1335 unha carta do rei Afonso IV de Portugal serve de testemuño das posesións do mosteiro nesas terras.

Cara ao ano 1349 documéntase un novo abade, frei Xoán, producíndose por entón un troco no sistema levado ata o momento pola comunidade onde primaban as adquisicións de propiedades fronte ao que agora se faría mais común, o aforamento das terras, chegando a ser a política exclusiva desde o ano 1393.

Pedro I de Castela O Cruel confirmou os privilexios de Sancho IV e no ano 1371 tamén Henrique II confirmou privilexios anteriores. En documentos de 1375 aparece como novo abade Pedro. As confirmacións reais continuaron con Xoán I de Castela (no 1381) e Henrique III de Castela no 1393. miniatura|Claustro reglar. Ao abade Pedro sucedeuno Gonzalo, que aparece documentado desde o ano 1393, permanecendo no cargo uns trinta nos, aparecendo no 1425 Xoán. No ano 1452 o novo abade foi frei Vicencio Vasco de Monforte, sucedéndoo o breve abade Afonso (1470-1472) e a este frei Gonzalo de Quiroga (1473-1490).

No ano 1415 o papa Bieito XIII expediu unha bula reducindo a priorado o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, filial do de Montederramo.

No ano 1494 aparece como prior-presidente a Gómez de Folgoso, na vez de abade, sinal do inicio de introdución da reforma cisterciense, a congregación de Castela, que actuaba a través dos Capítulos Xerais.

A finais do século XV o mosteiro fixo a súa última grande adquisición o mosteiro de Santa María de Castro de Rei.

A partir do ano 1502 figura a fronte do mosteiro frei Alvaro de Abelenda, o que sucederon o abade Blas de Taguile (1510) e frei Xoán de Onrubia (1513-1516), o último dos abades vitalicios.

No ano 1517 o papa León X restableceulle a categoría de abadía a Xunqueira de Espadanedo. No ano 1518 produciuse a unión á congregación, pasando a comunidade a ser gobernada por abades trienais.

A prosperidade que trouxo a incorporación á reforma provocou unha transformación dos edificios chegando en Montederramo a ser completa, chegando a incluír a igrexa.

No ano 1582 estableceuse no mosteiro un Colexio de Artes e Filosofía, converténdose na Casa Central de Estudos da Orde Cisterciense.

No ano 1820 foron apresados e axustizados dezaseis monxes do mosteiro por ser considerados opostos ao réxime constitucional. Trala desamortización foi adquirido en parcelas por diversos particulares. Unha desas familias puxo á venda a súa parte do mosteiro no ano 2010"Una familia pone a la venta parte del monasterio ourensano de Montederramo", Faro de Vigo, 14 de xuño de 2010 ..

Descrición A igrexa miniatura|Fachada norte da igrexa. A traza da igrexa é a dada no ano 1598 polo xesuíta Juan de Tolosa, que traballara nas obras do Escorial e que estaba a traballar daquela na igrexa da Compañía de Villagarcía de Campos. Esta traza de estilo herreriano non foi respectada no cruceiro e a cabeceira.

A construción material da igrexa encargóuselle ao mestre de obras Pedro de la Sierra que asinou o contrato para as obras de reconstrución o 23 de marzo de 1598. Ao ano seguinte acolleu na obra ao seu irmán Juán. Ambos seguindo os planos de Tolosa son os autores da fachada, a arcada do coro e as tres naves.

A fachada da igrexa de estilo renacentista foi rematada no ano 1607, segundo consta nunha inscrición situada na propia fachada. Caracterízase pola súa sinxeleza e a precede un adro. Divídese en tres corpos sendo os laterais lisos e máis baixos cunha ventá na parte inferior e outra máis pequena no superior. O lado norte ten acaroado un contraforte.

No corpo central unha ancha portada con dous pares de piares de pilastras estriadas e capiteis xónicos, que soportan un tímpano en arco decorado coa figura dun vaso cunha planta. Sobre o tímpano un fornelo coa imaxe de Santa María, obra de Juan de la Sierra colocada no ano 1610. Encima deste fornelo rematado cun tímpano ábrese unha fiestra pequena en exceso para iluminar o coro. O corpo central remata cun frontón triangular co escudo da congregación rematado por tres grandes bólas. Na central pódese ler 1607, considerada a data de terminación das naves e a fachada. O campanario atópase sobre o muro sur do cruceiro situándose mais atrás que a fachada. Feito cun só muro adornado con pilastras estriadas. Rematouno Pedro de la Sierra a principios do ano 1632.

No lado norte catro contrafortes e dous mais na cabeceira lisa.

No interior sitúase o coro alto na entrada das naves. Unha reixa feita en madeira separa a cabeceira do resto pechando as tres naves o espazo reservado aos actos de culto da comunidade. A actual é de 1769 e presenta o escudo da congregación nela.

As naves sepáranse por piares de gran tamaño que nas súas caras que miran ao interior decóranse con pilastras acanaladas e capiteis xónicos. Enriba unha cornixa serve de arranque á bóveda de medio canón marcada por arcos faxóns e moita decoración da nave central. As naves laterais cóbrense con bóveda de crucería con oxivas sobre pilastras lisas.

A construción do cruceiro e a cabeceira foille encomendada a Simón de Monasterio e Pedro de la Sierra executou as obras entre 1620 e 1631.

O cruceiro cóbrese cunha sinxela cúpula con lanterna apoiada sobre pendentes lisas. Cinco capelas laterais, cunha cubrición de bóvedas de medio canón e arcos de medio punto, saen do cruceiro.

A Capela Maior componse de dous tramos de gran profundidade. Decórase con pilastras estriadas. A bóveda de medio canón decórase con casetóns e ventás con lunetos.

Dúas portas nos extremos do muro do fondo da capela maior permiten a súa circunvalación a través dunha estancia rectangular feita con moito esmero no ano 1614. Trátase do trasaltar e presenta un fornelo para altar ás costas do retablo e cuberta con bóveda casetonada de medio canón.

Outros elementos destacados do interior do templo son a sancristía á que se accede atravesando unha porta na parede sur da capela maior. A estancia ten bóveda de crucería e dous arcos sostidos por pilastras acanaladas e capiteis corintios.

Unha escaleira comunica a nave sur do cruceiro co deambulatorio do alto do claustro procesional.

Os retablos No retablo maior da igrexa traballou o afamado escultor Mateo de Prado, ao que se lle debe o fundamental. Trátase dun dos primeiros retablos barrocos de Galicia. Xesús Ferro Couselo sinala como no ano 1650 veu a Montederramo "para ver e trazar os retablos e demais obras..." Bernaldo de Cabrera. Cabrera, que tivo ao seu carón como escultor a Mateo Prado, enviou ao seu fillo o ensamblador Juan de Cabrera en setembro de 1662 para que contratase a fabricación do retablo maior. Ensamblouse no ano 1664 e rematouse coa policromía no 1666.