Surtsey (Islandés: "Illa de Surtur") é unha illa volcánica da costa sur de Islandia, que constitúe o punto máis meridional do país. Formouse nunha erupción volcánica de orixe submarina que se prolongou entre 1963 e 1967.

A illa de Surtsey tomou o seu nome do deus do lume Surtr da Mitoloxía nórdica, e foi intensamente estudada por volcanólogos durante a súa creación. Dende a erupción, a illa converteuse nunha interesante zona de estudo para os botánicos e biólogos ao comezares a súa colonización por parte vexetación e outras especies animais. Deste xeito, foi declarada reserva natural en 1965, o goberno islandés prohibiu o acceso á illa polo seu interese científico. En 2008 foi recoñecida como patrimonio da humanidade pola Unesco.

Xeoloxía A comezos do mes de novembro de 1963 comezou a erupción a 130 metros por debaixo do nivel do mar, chegando á superficie o 14 de novembro. A erupción volcánica rematou o 5 de xuño de 1967, cando a illa chegou á súa máxima superficie, 2,7 km². Dende aquela, o vento e a erosión mariña diminuíron a superficie da illa sendo no 2002 de 1,4 km² e en 2019, a extensión da illa ocupaba 1,2 km². Segundo as previsións, a illa ficará reducida a uns cons e farallóns en cen anos.

A dorsal que deu lugar á illa forma parte do sistema volcánico submarino das Vestmannaeyjar (Illas Westmann), as cales pertencen a unha fenda da dorsal mesoatlántica. Vestmannaeyjar tamén deu lugar á famosa erupción do Eldfell na illa Heimaey en 1973. A erupción que creou Surtsey tamén deu orixe a un conxunto de pequenas illas na chaira volcánica, como Jólnir e outros farallóns sen nome. A maioría destas pequenas illas e farallóns están a desaparecer pola erosión mariña.

Flora e fauna O nacemento da illa permitiu observar a difusión da vida animal e vexetal nela. Xa en 1964 documentouse a chegada de mofos, bacterias e fungos, así como sementes levadas polo mar. En 1965 rexistrouse a primeira planta vascular, un exemplar de Cakile arctica. Ademais testemuñouse que bragadas de peixe como a raia (Raja batis) e que as feces de ave foron vectores de vida vexetal en Surtsey. En 1998 agromou a primeiro árbore da illa, un salgueiro (Salix phylicifolia). En 2008 existían 69 especies de plantas das que 30 son permanentes en Surtsey, calcúlase que o 9% delas foron carreadas polo vento, o 27% polo mar e o 64% polas aves e que cada ano chegan entre dúas e cinco novas especies á illa.

Considérase que os primeiros insectos chegaron á illa voando por eles mesmos dende Islandia, as illas Vestmannaeyjar ou dende Europa e están documentados dende maio de 1964. Tamén se considera que algunhas especies chegaron en madeira flotante. A primeira miñoca foi rexistrada en 1993 e a primeira lesma en 1998. En 2002 os invertebrados máis numerosos eran dos grupos dos dípteros, ácaros, himenópteros e colémbolos.

As primeiras aves rexistradas na illa foron araos de á branca e fulmares a principios da década de 1970. As colonias de gaivotas están asentadas dende 1984 e as de araos papagaios en 2004.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas All you need to know about Westman Islands(Vestmannaeyjar) Fotografías aéreas e mapas de Surtsey. Topografía de Surtsey Páxina oficial da Illa de Surtsey Noticia da axencia do medio ambiente declarando a Surtsey espazo protexido. www.zen24203.zen.co.uk/surtsey Información sobre as plantes e os animais da illa

Categoría:Illas de Islandia Categoría:Illas deshabitadas Categoría:Patrimonio da Humanidade en Islandia