Pedro Barrié de la Maza, conde de Fenosa, nado na Coruña o 17 de decembro de 1888 e finado na mesma cidade o 14 de marzo de 1971,"Ha muerto el conde de Fenosa" ABC, 14/3/1971 . foi un empresario e político galego.

Traxectoria

Primeiros anos Fillo de Pedro Barrié Pastor, herdeiro do Banco Pastor. Estudou a carreira de Comercio na Escola Superior de Comercio da Coruña, e logo ampliou os seus estudos financeiros en Gran Bretaña, Alemaña e Francia. Á súa volta comezou a traballar no negocio do pai e en 1915 foi nomeado socio e xerente da empresa, coa razón social Sobrinos de José Pastor. Cando morreu o seu pai en 1919, quedou á fronte da sociedade xunto ao curmán deste, Ricardo Rodríguez Pastor.

Banco Pastor En 1925 produciuse unha escisión en Sobrinos de José Pastor, a parte bancaria constituíuse en sociedade anónima e pasou a chamarse Banco Pastor. Barrié de la Maza, accionista maioritario da nova entidade, cedeulle a presidencia a Ricardo Rodríguez, desempeñando os cargos de vicepresidente e director xeral. En 1939 faleceu Rodríguez Pastor e Pedro Barrié foi nomeado presidente e dirixiu o que era o principal banco de Galicia (Banco Pastor) até 1971, participando así no desenvolvemento económico de Galicia.

Fenosa En 1937 asumiu a presidencia da Sociedad General Gallega de Electricidad. De acordo con algunhas interpretacións a intervención da ditadura foi decisiva no nacemento e expansión de Fenosa, creada en 1943 a partir da compañía anterior. A orixe de Fenosa tense relacionado cun suceso relacionado co golpe de Estado. A compañía Electra Popular Coruñesa, supostamente a máis implantada en Galicia e propiedade de José Miñones Bernárdez, empresario e deputado republicano, foille adxudicada polos órganos do franquismo a Barrié de la Maza logo de que Miñones fose fusilado poucos meses despois da sublevación militar e de que o novo réxime se apropiase das súas empresas, como aconteceu con tantas persoas represaliadas pola ditadura. A seguir, Barrié de la Maza, fusionouna coas sociedades que controlaba para constituír Fenosa.Bosch (2022), p. 67

Porén, nunha recente publicación de Xoán Carmona Badía cuestiónanse estas informacións, por falta de motivación, xa que a compañía de Miñones non era dun tamaño que puidese preocupar as empresas nas que participaba Barrié e ademais tiña dificultades económicas desde antes da República. "Nin Pedro Barrié tivo ningunha relación co salvaxe asasinato de José Miñones, nin houbo confiscación nin regalo da Electra Popular a ninguén, nin Fenosa nace de ningunha fusión na que tomara parte a Electra Popular nin esta última tivo ningún papel central no consolidación do grupo industrial do Banco Pastor".

En 2008, Fenosa foi adquirida por Gas Natural e pasou a chamarse Gas Natural Fenosa, actual Naturgy. miniatura|Placa da Avenida Pedro Barrié de la Maza. Outras empresas Foi presidente de Astilleros y Talleres del Noroeste, S.A. (ASTANO) desde 1948 ata 1971. Desde 1944 ata 1971 foi Presidente da Xunta de Obras do Porto da Coruña construíndo, entre outras cousas, o dique de abrigo.

Promoveu ou presidiu moitas outras empresas como Aluminio de Galicia, Gas Madrid, La Toja, Minero Siderúrgica de Ponferrada, PEBSA etc.

Relacións políticas A pesar de repetirse adoito as obras de referencia sobre a economía na guerra civil nono identifican como un financeiro do golpe de estado e o papel do Banco Pastor non se produce ata que a banca está intervida.

O 5 de decembro de 1938, participou como tesoureiro na Xunta Pro Pazo presidida por Julio Muñoz Aguilar, gobernador civil da Coruña, que promoveu a adquisición mediante unha subscrición popular do Pazo de Meirás, que fora de Emilia Pardo Bazán, para convertelo en residencia de verán do xeneral Franco. Posteriormente pasou a presidir esta mesma Xunta, para liquidar as débedas. En 1941 actuou como apoderado de Franco na formalización da escritura de venda, anulada por ser un texto simulado e sen valor xurídico en 2020. Foi procurador en Cortes designado por Franco dende 1946 até a súa morte en 1971.

O 1 de outubro de 1955 foille outorgado o título de conde de Fenosa pola promoción e o desenvolvemento da empresa eléctrica. Foi posuidor de moitas outras distincións como a Gran Cruz de Isabel a Católica, a Gran Cruz de Beneficencia e a Gran Cruz do Mérito Civil. miniatura|Tumba de Barrié no cemiterio de Santo Amaro da Coruña. Foi agraciado co primeiro premio da lotaría nacional de 1958. Despois dunha incerteza inicial en torno ao gañador, publicouse nos diarios que seis das sete series do número 33704 vendidas na administración o Gato Negro (A Coruña) cun importe de 180 millóns de pesetas foran depositadas no Banco Pastor. Segundo relata o libro Grandes Empresas, grandes historias de Galicia (2000) as súas empresas do sector eléctrico e mineiro tiveron a fortuna de recibir estes 180 millóns de pesetas de inxección extra.

En 1966, creou a Fundación Conde de Fenosa con sede na Coruña e un capital inicial de 3.300 millóns de pesetas e declarouna herdeira universal ó seu falecemento. A fundación era a posuidora de máis do 40 % das accións do Banco Pastor, absorbido por Banco Popular, e despois polo Banco Santander.

Vida persoal Casou en 1916 con Amalia Torres Sanjurjo, filla de Eduardo Torres Taboada, que finou en 1952. Volveu casar en 1966 con Carmela Arias Díaz de Rábago, filla do seu curmán Vicente Arias de la Maza.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Fundación Barrié

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1888 Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Banqueiros de Galicia Categoría:Procuradores en Cortes galegos Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Condes Categoría:Finados en 1971 Categoría:Grandes cruces da Orde do Mérito Civil