Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca, Illas Baleares), é un ex-tenista español, considerado un dos mellores da historia do tenis.

É o tenista que, cun total de 22, ten máis títulos de individual masculino en torneos de Grand Slam. Foi campión de Roland Garros en 14 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2022), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 e 2022 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019).

Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuaisNadal asciende al Olimpo, El País, 17 de agosto de 2008 e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López. Forma parte do Equipo de Copa Davis de España desde 2004, co cal obtivo o triunfo en cinco ocasións (2004, 2008, 2009, 2011 e 2019).

É o segundo tenista con máis títulos de Masters 1000 (36), só por detrás de Novak Đoković (38). Lonxe quedan os títulos de Roger Federer (28), Ivan Lendl (22) ou John McEnroe (19). Posúe o récord de vitorias consecutivas sobre unha mesma superficie, 81 (en terra batida).

É o tenista español con maior número de títulos individuais, 92 (superando a Manuel Orantes e a Conchita Martínez, con 33), máis títulos de Grand Slam, 22 (superando a Manolo Santana e a Arantxa Sánchez Vicario, con 4), máis títulos de Masters 1000, 36 (superando a Conchita Martínez, con 9), o que máis semanas pasou como número 1 da clasificación mundial da ATP (209 semanas, delas 56 consecutivasDatos a 11 de xullo de 2022) e o único que gañou o Aberto de Australia e a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos.

En 2006 recibiu a Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo e o Premio Laureus World Sports á mellor promesa mundial do ano. En 2008 recibiu o Premio Príncipe de Asturias dos Deportes e o Marca Leyenda. En 2009 recibiu o Gran Premio da Academia Francesa do Deporte á maior xesta deportiva do mundo no ano 2008. En 2010 foi galardoado co Premio "Ás do Deporte". En 2011 recibiu por segunda vez o galardón do Laureus World Sports, desta volta na súa máxima expresión, como o mellor deportista masculino do ano. En 2013 recibiu o premio La Leyenda ao Mellor Deportista Español da Historia, no 75 Aniversario de Marca e o galardón Comeback Player of The Year ATP, trala súa lesión e recuperación. En 2014 o diario Mundo Deportivo nomeouno Mellor Deportista Español e recibiu por terceira vez o recoñecemento do Laureus World Sports, nesta ocasión como a mellor reaparición do ano anterior. Neste mesmo ano de 2014 foille concedida a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, que lle impuxo o Primeiro de maio de 2015 o presidente do goberno español, Mariano Rajoy. O 4 de maio de 2015 foi investido doutor honoris causa pola Universidade Europea de Villaviciosa de Odón. Aínda recibe un recoñecemento máis en maio de 2015: nos días previos ao comezo de Roland Garros recibe a máxima distinción do concello de París, a "Grand Vermeil", de mans da alcaldesa de orixe española Anne Hidalgo.

En abril de 2017, durante o transcurso do 65º Torneo Conde de Godó, o Real Club de Tenis Barcelona toma a decisión de renomear a súa pista central co nome de "pista Rafa Nadal", e o 26 de abril, trala disputa dun partido no que vence Nadal, preséntaselle a placa co novo nome da pista. Durante a celebración do torneo de Roland Garros deste ano, no que Nadal vence por décima vez, o presidente da Federación Francesa de Tenis anuncia que Rafa Nadal contará cunha estatua nas instalacións do Aberto de Francia aínda que se quede en nove títulos, porque di é un monstro do tenis.

O 10 de xuño de 2018 gaña por undécima vez o torneo Roland Garros, igualando a marca de 11 títulos nun mesmo torneo de Grand Slam de Margaret Court, acadados no Aberto de Australia. Nas semifinais do US Open ten que abandonar por unha lesión, perdéndose os torneos restantes dese ano e descendendo ao segundo posto da clasificación ATP.

En 2019 recupera o número 1. É a quinta vez que consegue rematar o ano no máis alto, sendo superado só por Novak Đoković e Pete Sampras, con 7 e seis 6 respectivamente, e igualando a Roger Federer e Jimmy Connors; conseguindo tamén superar as 200 semanas no primeiro posto. Conseguiu a vitoria nos Grand Slam de Roland Garros (o seu duodécimo título que o converten no tenista en solitario, incluídas mulleres, con máis títulos nun Grand Slam) e os Estados Unidos (o seu cuarto US Open), e foi finalista no Open de Australia. Ademais venceu nos Masters 1000 de Roma e o Canadá, e levantou a súa quinta Copa Davis con España e a súa segunda Laver Cup con Europa. Remata o ano gañando por quinta vez o torneo de exhibición Mubadala World Tennis Championship de Abu Dhabi.

Rafael Nadal retirouse do tenis na final da Copa Davis de 2024.Rafa Nadal anuncia su retirada del tenis: "Mi último torneo será la final de la Copa Davis 2024" (10 de outubro de 2024). www.olympics.com. Consultado o 16 de novembro de 2025.

Traxectoria É sobriño do que fora futbolista do F.C. Barcelona e do Real Mallorca, Miguel Ángel Nadal.

De cativo practicaba todo tipo de deportes (fútbol, baloncesto etc.) pero foi o tenis, deporte ó que se dedica desde os catro anos, o que puxo de manifesto a súa enorme clase e técnica. A súa primeira competición oficial foi en Baleares, con oito anos, e gañou. Como tamén gañou torneos en todas as categorías inferiores (quizais o máis salientable o Petit Ases francés, o campionato mundial júnior por excelencia).

Tras unha etapa chea de éxitos tanto a nivel nacional como mundial (gañou os torneos challengers de Barletta e Nápoles), comezou a súa andada no circuíto mundial ATP, non sen antes deixar a súa pegada en torneos júniors, coma a súa praza de semifinalista en 2002 en Wimbledon xogando con rapaces dous anos maiores ca el.

Xa no circuíto profesional, deu as súas primeiras tacadas ó derrotar, por exemplo, a dous Top-10 coma Albert Costa (no TMS de Montecarlo) e ó seu amigo e mentor, Carlos Moyá, no TMS de Hamburgo. Deixábase entrever a gran clase que este xogador tiña con moi poucos anos, e que o que se dicía del anos atrás íase cumprindo.

Excluíndo Michael Chang, é o xogador que ingresou antes –ós 17 anos– na selecta lista dos 100 mellores tenistas do mundo que elabora a ATP. Tamén tras Michael Chang, é o segundo xogador máis novo en gañar un torneo Masters Series. Así mesmo, con 17, chegou á terceira rolda de Wimbledon. Só o lograra antes Boris Becker. Ademais, é o xogador máis novo en ascender ó quinto posto da Lista de Entradas desde que o acadara Michael Chang en 1989.

Nos Xogos olímpicos de 2008 gañou o ouro en categoría individual fronte ó chileno Fernando González.

Dende o 18 de agosto de 2008 ata o 6 de xullo de 2009, ocupou a primeira posición na lista de tenistas da ATP. A vitoria do suízo Roger Federer no torneo de Wimbledon do ano 2009, relegouno ao segundo posto. Recuperou o número 1 da clasificación o 7 de xuño de 2010, logo de vencer en Roland Garros. Pouco máis dun ano estivo á fronte da clasificación pois o serbio Novak Djokovic arrebatáballe a primeira posición o 4 de xullo de 2011, despois de vencelo en Wimbledon. Tras unha lesión de xeonllo en 2012 que lle tivo apartado das pistas durante sete meses, volve con forza en 2013 e recupera o número 1 o 7 de outubro. En 2014 perde o número 1 no Campionato de Wimbledon, despois do cal non volve ás pistas por problemas físicos ata a xira asiática do outono, mais ten que renunciar a xogar os últimos torneos de 2014 por sufrir apendicite.

O nivel que amosa en 2015 está moi lonxe do que tiña antes da súa parada, comezando o seu torneo favorito de Roland Garros desde o número 7 da clasificación e rematándoo no número 10; na última parte do ano mellora progresivamente o seu xogo e remata o ano no número 5 da clasificación ATP. En 2016 evidencia unha mellora no seu xogo, volvedo a gañar un Masters 1000 (Monte Carlo), pero en Roland Garros ten que abandonar por lesión; regresa nos Xogos Oímpicos de Río onde gaña o ouro en dobres con Marc López, e acada o cuarto posto en individuais. A partir dese momento ten actuacións mediocres ata que anuncia a finais de outubro que abandona a competición ata 2017 debido a que non está totalmente recuperado da súa lesión no pulso.

Comeza 2017 no posto 9 da clasificación ATP. Torneo a torneo vai escalando postos grazas a grandes resultados (triunfos en Monte Carlo, Barcelona e Madrid, e finalista en Australia, Acapulco e Miami) que culminan coa súa décima vitoria en Roland Garros, a recuperación do primeiro posto da clasificación ATP e a terceira vitoria no Aberto dos Estados Unidos. Aínda xogará dúas finais máis, en Pequín, con vitoria, e Shanghai, con derrota. Logo dunha discreta actuación no Masters 1000 de París, remata o ano con abandono no torneo Masters, por problemas no xeonllo.

En 2018 participa no Open de Australia, tendo que retirarse por lesión no partido de cuartos diante do croata Cilic, véndose obrigado a estar apartado da competición ata o mes de abril. Reaparece co equipo español na eliminatoria de cuartos de final de Copa Davis ante Alemaña e encadea a continuación unha espectacular serie na tempada de arxila gañando en Monte Carlo, Barcelona, Roma e Roland Garros; sufrindo só unha derrota en cuartos de final do Masters 1000 de Madrid polo austríaco Dominic Thiem. En Wimbledon chega ata as semifinais, o que non facía desde 2011, sendo derrotado nun épico partido a cinco sets por Novak Djokovic. Acada o seu título individual número 80 no Canadá ao derrotar na final ao novo xogador grego Stefanos Tsitsipas.

Carreira Primeiros anos (2002-2004) 2002 Á idade de 15 anos convértese no xogador máis novo da historia en gañar un partido nun torneo oficial da ATP, concretamente no torneo International Series de Mallorca, onde accede como invitado da organización e vence en primeira rolda ó paraguaio Ramón Delgado (81 xogador mundial nese intre) por 6-4 6-4. Rafael Nadal ocupaba o posto número 762 da clasificación mundial. No seu encontro de segunda rolda, fronte ó belga Olivier Rochus, Nadal perde por 6-2 6-2.

2003 O ano 2003 supuxo o debut do tenista, que daquela contaba con 17 anos, nos seus dous primeiros torneos do Grand Slam. Na súa primeira participación no Wimbledon caeu na terceira rolda, mentres que no US Open caeu en segunda.

2004 O ano 2004 supuxo o arranque da carreira profesional de Nadal. Durante a disputa, a principios de ano, da eliminatoria República Checa-España de Copa Davis, sen Juan Carlos Ferrero nin Carlos Moyá (as dúas máximas figuras tenísticas de España), Rafael Nadal botouse o equipo ás costas e xogou tres partidos nesa eliminatoria, gañando o definitivo quinto punto a Radek Stepanek (7-6, 7-6, 6-4) e dando o pase á seguinte fase do torneo a España, que gañaba en moqueta indoor xogando de visitante.

Pero para o gran público Nadal naceu na disputa da final de España ante os Estados Unidos, en decembro. O xogador mallorquino foi decisivo na vitoria de España na final da Copa Davis 2004 fronte aos EUA, cando derrotou a Andy Roddick. Ese mesmo ano conseguira o seu primeiro título ATP en Sopot (Polonia). Para finalizar o ano venceu no primeiro Torneo Master Cidade de León, impoñéndose na final a Fernando Verdasco e non cedendo ningún set en todo o torneo.

Ascenso e permanencia no número 2 (2005-2007) 2005 En 2005 Nadal convértese na sensación do circuíto profesional.