A servidume, ás veces para os períodos medievais denominada servidume da gleba, era unha figura xurídica e social que ligaba os campesiños a un determinado terreo (gleba). Os servos da gleba cultivaban, en proveito propio, as terras que pertencían ao propietario ou terratenente –que podía ser un señor individual ou ben colectivo, p.ex. un mosteiro, pagándolle un censo, que podía ser unha parte dos froitos recollidos. Ademais, con frecuencia estaban obrigados a determinadas prestacións de traballos e servizos a favor do señor (corveas, senras). Os servos tiñan esa condición por nacemento, non podendo, licitamente, subtraerse de tal condición sen o consentimento do señor.

Os servizos aos que estaba obrigado o servo adoitaban estar precisados, a diferenza do que ocorría cos escravos. Ademais os servos, non eran considerados cousas, obxectos, no sentido xurídico do termo, como acontecía cos escravos. Tiñan dereito á propiedade privada, aínda que estivese limitada a bens mobles, podían casar legalmente e ter fillos aos que legarlles unha herdanza. O señor carecía do dereito de dispor da súa vida, aínda que o servo podía ser vendido xunto coa terra á que estaba adscrito; porén ese mesmo servo non podía ser despoxado da súa terra, nin expulsado dela.

Historia da servidume europea Orixe do termo Desde un punto de vista etimolóxico o termo galego servo – e os seus correlatos, nas linguas europeo-occidentais, como o francés serf, o español siervo ou o italiano servo - é a evolución do latín medieval servus, que á súa vez era a prolongación do latín imperial servus, vocábulo que propiamente designaba o escravo. Como o latín medieval usaba a mesma palabra para designar tamén ao “escravo”, que seguía a existir como realidade, para evitar a confusión de significados, acudíase ou ben a epítetos que os diferenciasen, falándose así de servus glebae (servo da gleba) ou servus casati (servo con casa), ou ben cuñáronse novas palabras como sclavus (escravo).

A historia da palabra, pois, mostra que os novos servos xurdiran dos antigos escravos, ora ben, é indubidábel que houbera unha mudanza nas condicións.

Transformación do colonato

Como persoas non-libres os novos servos herdaban as condicións dos antigos escravos; como suxeitos de certos dereitos e obrigas estes servos medievais, herdaban certas condicións dos antigos colonos (colonus) romanos. En principio, a palabra latina colonus estaba ligada ao verbo colere “cultivar”, designando un simple cultivador ou campesiño cuxa condición era libre. Serviu para indicar o campesiño que arrendaba terras dun latifundista, polas que aquel debía pagarlle unha renda a este. Era unha especie de parceiro. Max Weber explicaba este sistema como apropiado para os campos de cereais, polos coidados que esixían, que non podían ser cumpridos por medio do traballo de escravos, porque era menos delicado.

Porén, nun determinado momento, os colonos deixaron de ser simples arrendatarios. A súa tarefa era organizada polo capataz do latifundio (villicus) e esixíanselle tarefas para o dono. Os exemplos máis antigos deste tipo de colonos, que debían realizar prestacións persoais, aparecen na provincia romana de África (a Tunicia actual), segundo mostran inscricións referentes a varios dominios imperiais, datadas no século II d.C. Estes dominios comprendían terras que foron concedidas hereditariamente a colonos libres, que debían pagar taxas en proporción ás colleitas e, ademais, efectuar servizos de labores para o dominio, e mesmo traballos públicos (como mantemento de vías). Ignóranse as condicións que levaron a organizar deste xeito a explotación deses latifundios estatais, e se era algo ideado "ad hoc" para tales dominios, ou ben se xa existían modelos deste tipo en leiras privadas.

Adscrición á terra

Só desde o século IV aparecen rexistrados este tipo de colonos na lexislación imperial; nela móstranse desposuídos do seu dereito a abandonar a terra, do que aínda gozaban no século II, como persoas libres. Agora son xa adscripti glebae “adscritos á terra”.

Parte do proceso de transformación derivouse do sistema de impostos romano. Organizado o imperio nun sistema de municipios, estes debían facer fronte ao pagamento dos mesmos, a través das súas autoridades. As zonas rurais, organizadas en territorios e dominios, son os distritos obrigados a pagar os impostos, pero aquí a autoridade é o mesmo propietario, o dominus, o señor, en suma. Con frecuencia adiantaba ao Estado o pagamento dos tributos, e, polo tanto trataba de recobralos dos seus colonos, obrigándoos a permanecer na terra. De aí que os colonos fosen tamén denominados tributarii (tributarios), nome que aparecerá con frecuencia na documentación medieval. Outra fonte de vencello á terra foi o servizo militar. O señor debía responder do recrutamento perante o exército, de xeito análogo a como procedían as cidades.

Escaseza do aprovisionamento de escravos

A decadencia económica do Imperio romano nas súas fases tardías, impulsou a fuxida de numerosos cidadáns libres para os dominios rurais ou villae, onde eran acollidos so o sistema de colonato, o que axudou a súa difusión por todo Occidente, á par que as cidades declinaban. Isto forneceu de man de obra libre ao campo, onde era cada vez máis complicado facerse con escravos. En efecto, a imposibilidade de expansión do Imperio, para conquistar novos territorios – a fase de maior extensión acadárase no século II, co emperador Traxano -, repercutiu negativamente na oferta de escravos, o que puxo en perigo o sistema de traballo escravista, tal e como estaba concibido.

Mudanzas do sistema escravista

A necesidade de conseguir renovar o equipamento de escravos, levou a cambiar as condicións de organización servil nos latifundios. Era necesario que os escravos, habitualmente amoreados en cuarteis e carentes de familia, puidesen tela e así reproducirse: os seus fillos, consonte as leis romanas, herdarían a condición de escravos. De modo, que os escravos foron asimilados ao sistema de colonato. Fornecéuselles unha vivenda (a casa, que en latín equivalía a “cabana”), autorizóuselles a formación de familias, asignóuselles un lote de terra suficiente (o que os documentos medievais chaman un mansus) e impúxoselles o pago ao dono de censos e servizos. Eran os servi casati, servos acasarados, practicamente indiferenciábeis, na vida decote, dos antigos colonos libres. Os matrimonios entre ambas as clases igualarían máis as súas condicións reais.

Os auténticos escravos, á maneira antiga, seguiron a subsistir, case sempre domiciliados nas dependencias adxuntas á vivenda do señor, o centro da “villa”. Durante as continuas guerras na época das invasións xermanas, houbo unha abundante oferta no mercado escravista, renovándose, só en parte, as antigas condicións.

Servidume medieval

A servidume debe entenderse, polo menos na Europa occidental da Idade Media, como unha obrigación recíproca. O señor garantía aos servos tutela xurídica e militar. Por tutela xurídica enténdese que o señor debía asegurar axuda legal en caso de preito contra un terceiro. A cambio o servo estaba obrigado a darlle ao señor diversos tributos, en diñeiro, bens ou servizos. Por exemplo, no que hoxe é Alemaña suroccidental, cada ano, en sinal de recoñecemento do status de servidume, debíaselle entregar ao señor unha galiña, e, en caso de morte do cabeza de familia servil, debíaselle dar a mellor peza de gado e, se a que morría era a muller, o mellor vestido. Isto era equivalente do que na Galiza, en recoñecemento de señorío, se chamaba a loitosa ou lutuosa. Os servos da gleba podían estar suxeitos ao “ban”, denominado na Galiza fonsadeira, que comportaba servizos militares: quendas de garda, aloxamento dos guerreiros da hoste do señor, transmisión de mensaxes etc.

No transcurso dos séculos XV e XVI estas obrigas, e outras, foron transformadas en censos en diñeiro, mais subsistiron zonas europeas até o século XIX, nas que aínda se pagaban esas taxas en produtos ou noutro tipo de prestacións equivalentes. En zonas dos Países Baixos, a servidume desapareceu totalmente ao longo dos séculos XII e XIII.

Os señores podían vender, adquirir ou cambiar os servos; isto só significaba que as prestacións e taxas debían seren pagas a un outro señor, porque polo xeral, o servo ficaba ligado ao seu terreo. Este cambio podía ser relevante para o servo en caso de prohibición de matrimonio. Só o señor podía conceder a autorización para o casamento, e máis conceder ao servo ou serva deixar o terreo para trasladarse ao do cónxuxe. O servo que ousaba abandonar a súa terra, podía ser buscado e reintegrado á forza ao seu terreo. Só o servo que alcanzaba a refuxiarse nunha cidade e atinxía a adquirir a veciñanza nela (o quen en moitos casos se concedía logo de 1 ano de moradía). Podía entón o servo subtraerse á xurisdición do señor, e o que é máis importante, converterse el mesmo nun ser libre. De aí o dito alemán: “Stadt Luft macht frei”: “O aire da cidade fai libre”. Inversamente, como xa se dixo, o servo non podía ser despoxado da súa terra, nin sequera, en dereito, pola forza.

Persistencia da servidume en Europa occidental Aínda que na maior parte do Occidente europeo a tendencia foi liberar o campesiñado, anulando as cargas corporais e transformando os censos en pagos en diñeiro, o certo é que subsistiron, residualmente, en diversas zonas, as prestacións gratuítas de traballos persoais durante a Idade Moderna. Adoitaban consistir en dous ou tres días por semana de labores na reserva señorial, aínda que o normal e que fosen labores esporádicos, ou ben, consonte as necesidades dos dominios, podían ser outros tipos de traballos: carrexa de froitos até os depósitos dominicais, labores de pastoreo ou efectuar servizos de mensaxería.

En Francia persistiron as prestacións de traballo, especialmente, na rexión da Borgoña. No noroeste alemán os campesiños acostumaban emprestar 1 ou 2 días de corveas por semana, coa contraprestación por parte do señor do xantar, polo xeral. En España, na Meseta Norte perduran, até o século XVIII, os servizos persoais nas terras de “solariegos”, que denominan sernas ou hacenderas: os vasalos do mosteiro de San Pedro de Cardeña (Burgos) traballaban para el dous días por mes achegando as súas bestas propias, carretándolle a leña e facían prestacións de transporte para as adegas. Casos semellantes obsérvanse na documentación do mosteiro bieito de Sahagún (León). As condicións son máis duras en Aragón, onde se citan vassalli servitutis, que poden ser encarcerados e despoxados dos seus bens de xeito arbitrario, prohibición de matrimonio fóra do dominio etc., mostrando o poder dos señores. As medidas tomadas en época do rei Filipe V adozaron esas condicións.

A segunda servidume 275px|miniatura|Campesiños deixando o seu señor, pintura de Sergei V. Ivanov. Foi Friedrich Engels quen cuñou o termo “segunda servidume” para referirse á aparición de duras condicións de suxeición do campesiñado aos señores nos países de Europa central e oriental durante a Idade Moderna, aproximadamente entre os séculos XVI a XIX. O termo foi aceptado pola historiografía posterior.

Xénese e caracteres

Durante os séculos anteriores ao XVI, o sistema feudal fora espallándose polos países europeos situados ao Leste do río Elba, adquirindo caracteres semellantes aos que se daban en Occidente, e mesmo propiciando unha maior liberdade do campesiñado nas terras colonizadas por movementos migratorios de alemáns, holandeses, suízos e outros.

Facilidades comerciais