Dubai (en , transliterado Dubayy) é unha metrópole que ocupa aproximadamente o 20% do territorio do Emirato de Dubai, un dos sete que integran os Emiratos Árabes Unidos dende 1971. Está localizada ao longo da franxa costeira do emirato e é a cabeceira da área metropolitana Dubai-Sharjah-Ajman. A súa poboación en 2010 ascendía a 1.905.000 habitantes que a converten na cidade máis populosa dos Emiratos. En 2020 vai ser sede da Exposición Universal.
Dubai ten emerxido coma cidade global e lugar de negocios no Oriente Medio. É tamén un nó importante de transporte de pasaxeiros e mercadorías, converténdose nunha porta moi importante para Occidente. Na década dos sesenta do século XX a economía de Dubai baseábase nos ingresos proporcionados polo comercio e, en menor medida, polas concesións de explotacións petrolíferas, pero o petróleo non foi descuberto ata 1966. Os beneficios do petróleo comezaron a fluír en 1969. As rendas do petróleo axudaron a acelerar o desenvolvemento temperá da cidade, mais as reservas petrolíferas son limitadas e os niveis de produción baixos: en 2010 menos do 5% dos ingresos do emirato viñan do petróleo. O modelo occidental dos negocios de Dubai levou á súa economía a ter como principais ingresos os derivados da aviación, contando con dous aeroportos internacionais; dos servizos financeiros; do turismo, especialmente o de luxo, confirmándose como sede internacional de congresos, convencións e conferencias; e do negocio inmobiliario, destacando o proxecto das Palm Islands, con tres diferentes actuacións: a primeira en Jumeirah, a segunda en Jebel Ali (50% máis grande) e a terceira en Deira que será tres veces maior cá primeira; destaca así mesmo The World, composto por 300 illas de area artificial formando un mapamundi que serán ocupadas por residencias, centros comerciais e hoteis de cinco estrelas . Recentemente Dubai captou a atención mundial polos grandes proxectos de construcións innovadoras, grandes rañaceos, en particular a construción máis alta do mundo, o Burj Khalifa, e eventos deportivos coma a Dubai World Cup, o encontro internacional de carreiras de cabalos que reparte os maiores premios do mundo. Dubai ten sido criticado pola violación dos dereitos humanos da poboación obreira, maioritariamente procedente do sueste asiático. A crise finaceira de 2007 afectou fondamente ao mercado inmobiliario mais a economía volveu a crecer, agardándose un superávit nos presupostos de 2015.
En 2012, Dubai era a vixésimo segunda cidade máis cara do mundo e a máis cara do Oriente Medio. En 2014, o prezo das habitacións dos hoteis de Dubai estaban consideradas as segundas máis caras do mundo, despois de Xenebra. A firma americana de consultoría global Mercer ten clasificado a Dubai como un dos mellores lugares para vivir no Oriente Medio.
Sobre da cidade e do emirato miniatura|250px|Mapa da cidade de Dubai. A cidade foi crecendo a partir dos núcleos máis antigos de Bur Dubai e Deira situados a ambas marxes do rego de Dubai. Outras entidades importantes da metrópole son Jumeirah e Jebel Ali.
A cidade de Dubai non é un concello ou un grupo de concellos oficialmente constituídos. É frecuente confundir a Municipalidade de Dubai co organismo rexedor da cidade, cando en realidade é un Departamento do Goberno de Dubai con xurisdición sobre todo o territorio do emirato e cunhas competencias específicas entre as que se achan as urbanísticas.
Clima Dubai presenta un clima árido cálido. Os veráns na zona son extremadamente calorosos, húmidos e con abundantes refachos de vento, con temperaturas que poden superar os 40 °C, se ben durante a noite descenden por baixo dos 30 °C. A maioría dos días son soleados durante todo o ano. Os invernos son algo quentes, con temperaturas de máis de 20 °C durante o día e de algo menos de 15 °C pola noite.
As precipitacións aumentaron nas últimas décadas, chegando a acumularse até 94,3 mm. A humidade é moi alta durante todo o ano; as moderadas temperaturas no inverno fan deste unha estación agradábel, mentres que o verán pode ser molesto polos altos niveis de humidade e temperatura, por esta razón o enclave de Hatta é o lugar tradicional de veraneo da clase dirixente pola súa situación nunha zona montañosa fronteiriza con Omán de clima máis benigno. A temperatura máis alta rexistrada nos EAU foi de 52,1º no mes de xullo de 2002; en xullo de 2013 acadáronse en Dubai 51,2º.
Arquitectura miniatura|200px|Burj Khalifa, a estrutura máis alta feita polo ser humano, durante a súa construción. Dubai ten unha rica colección de edificios e estruturas de varios estilos arquitectónicos. Aquí pódense achar moitas interpretacións modernas da arquitectura islámica, grazas á proliferación das innovacións na construción e na arquitectura no mundo árabe en xeral, e en Dubai en particular, co patrocinio non só de empresas árabes de enxeñería e arquitectura internacional coma Al Hashemi e Aedas, senón tamén de firmas de Nova York e Chicago.
Como resultado deste inzamento, a arquitectura islámica, e mundial, acadou niveis antes descoñecidos no deseño e na tecnoloxía da construción de rañaceos. Ningunha outra cidade do mundo ten máis rañaceos que Dubai máis altos ca 2/3, 1/3 ou 1/4 de quilómetro. Os máximos expoñentes disto son o Burj Khalifa, de longo o rañaceos máis alto do mundo; e o hotel Burj al-Arab, situado na costa coa forma dunha gran vela.
Burj Khalifa miniatura|esquerda |200px |Panóramica de Dubai co Burj Al Arab á esquerda e o Burj Khalifa á dereita, máis afastado. O Burj Khalifa (Torre do Califa) foi finalizado o 4 de xaneiro de 2010, é, cos seus 828 metros, a estrutura feita polo ser humano máis alta do mundo. Para a súa construción uníronse 30 compañías de todo o mundo con obreiros de máis de 100 nacionalidades.
É, de certo, unha icona global dos edificios e un destino importante do turismo mundial. O observatorio instalado no cumio é unha das atraccións turísticas máis populares de Dubai, que tivo en 2013 case dous millóns de visitantes.
Burj al-Arab O Burj al-Arab (en árabe: برج العرب, Torre dos Árabes) é un hotel de luxo situado na costa de Dubai. O hotel descríbese comunmente coma o único hotel de sete estrelas do mundo aínda que a dirección do hotel nunca utilizou tal denominación.
Está construído sobre unha illa artificial a 280 metros da praia de Jumeirah, e está conectado á costa por unha ponte curva. Posúe un heliporto no cumio a 210 metros de altura.
Infraestruturas de transporte
A RTA (Roads and Transport Authority), creada por real decreto en 2005, é a axencia do Goberno de Dubai encargada da xestión e desenvolvemento das infraestruturas de transporte do emirato. A rede de transporte público, enfrontada no pasado a problemas de conxestión e fiabilidade, está sendo transformada cun forte investimento en plans de mellora proxectados para seren completados en 2020, cando se estima que a cidade terá unha poboación de 3,5 millóns. Segundo as estatísticas oficiais, en 2009 había un parque de automóbiles que superaba o millón de unidades. Este gran número de coches particulares fai que se use pouco o transporte público: en xaneiro de 2010 só o usaban o 6% dos residentes.
Aéreas miniatura|300px |Vista aérea da pista do Aeroporto Internacional de Dubai. Dubai conta co Aeroporto Internacional de Dubai (Código IATA:DXB, código OACI: OMDB) que dá servizo á cidade de Dubai e outros emiratos do país. En 2014 foi o sexto aeroporto do mundo por tráfico de pasaxeiros cunha cifra de 70,4 millóns, e o primeiro do mundo por tráfico de pasaxeiros internacionais. Ademais ocupa o sétimo lugar mundial en tráfico de mercadorias con 2,37 millóns de toneladas en 2014. É a sede da compañía aérea nacional Emirates que en 2014 operou con 142 destinos internacionais de 70 países dos seis continentes. A compañía de baixo custo Flydubai tamén ten a súa sede neste aeroporto.
Na actualidade está en construción o Aeroporto Internacional Al Maktoum (Código IATA: DWC, código OACI: OMDW) estando xa operativas unha terminal de pasaxeiros deseñada para dar servizo a cinco millóns de pasaxeiros anuais e unha terminal de mercadorías cunha capacidade anual de 250.000 toneladas. Cando estea rematado será o aeroporto máis grande do planeta con capacidade para 160 millóns de pasaxeiros e 12 millóns de toneladas de carga anuais.
Marítimas miniatura|200px |Unha embarcación abra, método tradicional de transporte entre Deira e Bur Dubai. Dubai ten dous portos comerciais de importancia, o de Jebel Ali e o de Mina Rashid. O porto de Jebel Ali é a construción portuaria máis grande do mundo e o porto máis grande de Oriente Medio. Os dous portos conxuntamente ocuparon en 2008 a sexta posición mundial en tráfico de contedores.
Un dos transportes máis tradicionais para cruzar o Khor Dubai entre Deira e Bur Dubai son os abras, pequenas embarcacións de pasaxeiros que comunican as estacións marítimas de Bastakiya e Baniyas Road. A Axencia do Transporte Marítimo, dependente da RTA, xestiona tamén o Sistema de buses acuáticos de Dubai, embarcacións de pasaxeiros dotadas de aire condicionado que comunican distintos puntos ao longo do Khor Dubai. Unha última incorporación ao sistema de transporte marítimo é o taxi acuático.
Terrestres A cidade de Dubai está atravesada por unha ampla rede de estradas e autoestradas que son usadas por unha completa liña de buses e distintas compañías de taxis. Nos últimos anos estase a construír o metro de Dubai e dúas liñas de tranvías. Tamén funciona un tren monoraíl en Palm Jumeirah. Finalmente, está proxectado un tren de alta velocidade que unirá os distintos emiratos da federación e que pasará pola cidade de Dubai. Estradas e autoestradas miniatura|250px|A ruta D85 (Baniyas Road) ao longo do Khor Dubai en Deira. Cinco rutas estatais, nomeadas coa letra E (Emirates) seguida de dous ou tres números, atravesan a cidade de Dubai. Tres delas atravésana na dirección NE-SO e son, comezando pola máis próxima á costa, a E11 (Sheikh Zayed Road), a E311 (Sheikh Mohammed Bin Zayed Road) e a E611 (Emirates Road), que marca o límite meridional da urbe. Outras dúas rutas principais parten da metrópole para continuar despois pola zona non urbana do emirato. Son estas: a E44, que continúa ata Lahbab e segue polo emirato de Sharjah, e a E66, que partindo de Khor Dubai vai en dirección sur ata Al Ain no emirato de Abu Zabi. Unha sexta ruta estatal, a E77, está no territorio do emirato mais non ten ningún tramo urbano; comunina a E611 con Lahbab.
Seguen en importancia as rutas do emirato, nomeadas coa letra D (Dubai) seguida de dous ou tres números. As que rematan nun díxito par seguen a dirección NE-SO e están máis preto da costa canto maior sexa o número; se o último díxito é impar seguen a dirección NO-SE e están máis próximas á fronteira co emirato de Sharjah canto maior sexa o número. Entre as que teñen percorrido urbano total ou parcialmente destacan: a D94 (Jumeirah Road) de Bur Dubai a Jumeirah, cuxo trazado é en gran parte costeiro; a D92 (Al Wasi/Al Mina Road), paralela á anterior que se prolonga ata a fronteira con Sharjah; a D89 que comunica Deira con Al Kawaneej pasando polo Aeroporto Internacional; a D85 (Baniyas Road), que segue a marxe dereita do Khor Dubai; a D75 (Sheikh Rashid Road); a D73 (Al Dhiyafa Road, renomeada Rúa 2 de Decembro) e a D63, que partindo de Jumeirah continua ata fóra da zona urbana.
Ademais das estradas principais hai unha numerosa rede de estradas locais.
Sobre Khor Dubai hai construído un tunel e catro pontes. Por orde de proximidade ao Golfo son: Al Shindagha Tunnel, Al Maktoum Bridge, Floating Bridge, Al Garhoud Bridge e Business Bay Crossing.
Buses e taxis
O sistema de transporte público de buses depende da RTA. A rede ten 79 rutas que cobren 264.000 km. e úsana diariamente 300.000 pasaxeiros.