Manuel Joaquín Fernández Fernández, coñecido como Pahiño, nado en Navia (Vigo) o 21 de xaneiro de 1923 e finado en Madrid o 12 de xuño de 2012, foi un futbolista galego que xogou no Celta de Vigo, Real Madrid, Deportivo da Coruña e na selección española durante as décadas de 1940 e 1950. Considerado un dos mellores futbolistas galegos de todos os tempos, foi un ídolo tanto para a afección do Celta como para a do Deportivo. Prolífico goleador, proclamouse en dúas ocasións máximo anotador da Primeira División: na tempada 1947/48, mentres xogaba no Celta, e na 1951/52, na súa etapa no Real Madrid. É o décimo máximo goleador da historia do campionato, con 212 goles en 278 partidos.

A pesar dos seus números como goleador, as súas ideas de esquerda en plena ditadura franquista impedíronlle xogar de xeito habitual coa selección española, coa que só disputou tres encontros, marcando tres goles.

Foi pai dos artistas Nacho Fernández Goberna, membro de La dama se Esconde, e Patricia Fernández Goberna, cantante do grupo Trigo Limpio.

Carreira deportiva

Comezos Comezou a súa traxectoria deportiva no Navia CF da súa parroquia natal e pasou tamén por outros clubs modestos de Vigo como o Huracán, o Victoria, o Deportivo Coia ou o Arenas de Alcabre, no que ingresou aos 16 anos. Por aquel entón era alcumado Paíño, por ser este o segundo apelido de seu pai, pero por erro, o xornalista do Faro de Vigo Manuel de Castro "Handicap" comezou a escribir o seu alcume cun hache intercalado (Pahiño), pasando a ser coñecido dese xeito a partir de entón.

Celta de Vigo Despois de destacar no Arenas e de disputar a Copa Vigo nas filas do Rápido de Bouzas, en 1943, con 20 anos, ingresou no Celta de Vigo, club que acababa perder ao seu dianteiro centro máis destacado, o canario Juan del Pino, que marchou ao Sabadell. Pahiño chegou ao club vigués xunto a outros dous mozos procedentes tamén de equipos modestos vigueses: Aretio, que tería un relevante papel no equipo durante os seguintes anos, e o ourensán Tito. Debutaron os tres nun encontro amigable contra unha selección de modestos vigueses, anotando Pahiño o seu primeiro triplete co Celta.

O seu primeiro partido oficial co Celta disputouno na Primeira División, na primeira xornada da tempada 1943/44 ante o Atlético Aviación, e a pesar da boa actuación de Pahiño, o seu equipo caeu goleado de xeito estrepitoso por 7-0. Formou naquel encontro xunto aos dianteiros Ardèvol, Foro, Mundo e Alberich. Perdeu e recuperou a titularidade un par de veces ao longo da tempada, que pechou con números discretos, e non marcou o seu primeiro gol ata a xornada 17, cando marcou en Atotxa o gol do empate (1-1) contra a Real Sociedad, cuxa portería defendía Román Galarraga. Con todo, amosou xa a súa faciana como gran goleador na parte final da campaña, anotando 7 goles nos últimos seis partidos (dous de liga e catro da Copa do Rei), pero foi insuficiente para salvar o equipo do descenso.

Na tempada 1944/45, xa en Segunda, liderou o ataque do conxunto céltico, que compartiu xunto a dianteiros históricos do club como Hermidita, Venancio ou Paco Roig. Marcou 13 goles na liga regular e foi autor de dous dos catro goles do seu equipo na promoción de ascenso a Primeira, que se disputou no Estadio Metropolitano de Madrid fronte ao Granada e do que saíu vencedor o conxunto galego (4-1). Durante ese partido chegou a xogar durante uns 50 minutos co peroné roto, o que non impediu que marcase un dos goles nesas condicións.

Despois duns meses coa perna escaiolada, reapareceu co Celta na quinta xornada da tempada 1945/46, anotando un triplete na goleada por 6-1 ante o Alcoyano en Balaídos. Durante os seguintes dous anos marcou 36 goles, conseguindo perforar as porterías de todos os equipos da liga excepto as do Real Murcia e Sabadell. O 6 de abril de 1947 marcou os seus primeiros dous goles no derbi contra o Deportivo da Coruña, na vitoria do club vigués por 4-2.

No verán de 1947 exixiu un mellor salario, pois considerábase mal pagado a pesar de ser unha das estrelas do equipo. Negouse a firmar a ficha ata recibir unha mellora e o club declarouno en rebeldía e afastouno do equipo, tendo que adestrarse pola súa conta na praia de Samil. En setembro o Celta publicou un comunicado no que lle daba un ultimato de tres días ao xogador para asinar a ficha; en caso contrario segundo a nota, prescindiría para sempre dos seus servizos.

Despois de acadar un acordo, Pahiño disputou co Celta a tempada 1947/48, na que obtivo os seus mellores números en Vigo, converténdose no primeiro e único xogador da historia do Celta en proclamarse máximo goleador do campionato de Primeira División. Fíxoo con 21 tantos, un máis que Peralta e dous máis que Panizo, Vidal e César. Os goles de Pahiño, secundado polas boas cifras dos seus compañeiros Hermidita e Retamar, levaron o Celta de Ricardo Zamora a ser o terceiro conxunto máis goleador da liga e a pechar o campionato na cuarta posición, o mellor resultado da súa historia.

A boa xeira do equipo prolongouse na Copa do Xeneralísimo. Pahiño marcou nos oitavos de final contra o Racing de Ferrol e fíxolle un triplete ao Atlético de Madrid na ida dos cuartos de final, nun partido que rematou 5-5. Tras gañar o partido de volta en Balaídos, o club vigués enfrontouse en semifinais ao Espanyol e o dianteiro vigués marcou un gol no partido de ida e outro no de volta, acabando ambos encontros con empate. Marcou tamén no partido de desempate que se disputou en Chamartín e dado que o resultado foi un novo empate, xogouse un cuarto partido tres días despois no mesmo estadio. Rematados os 90 minutos, o marcador sinalaba un 0-0, polo que se disputou unha prórroga na que o coruñés Veloy adiantou ao equipo catalán. Con todo, case a continuación apareceu Pahiño para marcar dous goles e meter o Celta na primeira final de Copa da súa historia.

A final disputouse tamén en Chamartín cun Celta exhausto pola acumulación de partidos. Pahiño, que formou dianteira xunto a Roig, Muñoz, Aretio e Vázquez, foi expulsado na segunda parte por agredir a Eguiluz, mentres que Simón e Aretio abandonaron o terreo de xogo por problemas físicos, polo que o Celta acabou o partido con oito futbolistas e co defensa Gabriel Alonso na portería. O encontro rematou con vitoria espanyolista por 4-1, cun triplete de Mariano.

Real Madrid Uns días despois da final de Copa, viaxou a Madrid xunto ao seu compañeiro Miguel Muñoz, asinando ambos como novos xogadores do Real Madrid. Debutou cun gol ante o Sabadell na primeira xornada de liga, e aínda que nos primeiros nove partidos só conseguiu tres goles, acabou pechando a súa primeira campaña na capital española como máximo goleador do equipo e terceiro do campionato, con 21 goles, superado só polos históricos dianteiros César (FC Barcelona) e Zarra (Athletic). Na tempada 1949/50 marcoulle un triplete ao Barcelona no partido de ida en Chamartín e dous máis na volta en Les Corts, e meteulle catro goles nun mesmo partido ao Gimnàstic de Tarragona. Rematou a campaña con 20 tantos, sendo o cuarto máximo anotador da liga, desta vez por detrás de Zarra, Igoa e do seu excompañeiro Hermida.

En xuño de 1950 foi emprestado xunto a Olmedo ao Atlético de Madrid para a disputa da segunda edición da Copa Latina, ante a escaseza de futbolistas do equipo atlético por mor das lesións e da Copa do Mundo. Pahiño xa xogara anteriormente un par de amigables coa camiseta vermella e branca, en encontros de homenaxe a Germán e Aparicio. Xa na Copa Latina, ás ordes do carismático Helenio Herrera, enfrontouse nas semifinais en Oeiras ao Girondins de Bordeos, pero caeu lesionado, polo que non xogou na segunda metade. O equipo madrileño perdeu por 4-2 e a lesión de Pahiño impediulle tamén ao xogador disputar o partido polo terceiro posto ante a Lazio.

De regreso no Real Madrid, marcou 21 goles na liga da tempada 1950/51, sendo superado de novo só por Zarra e César. Na seguinte campaña subiu a súa marca ata os 28 goles en liga, proclamándose por segunda vez máximo goleador da categoría, con dous tantos máis que Kubala e cinco máis que César e Hermidita. Sumou ademais outros sete goles na Copa do Xeneralísimo, catro deles contra o seu anterior club, o Celta de Vigo, ao que lle marcou un total de sete goles esa campaña.

A 1952/53 foi a derradeira tempada de Pahiño no Real Madrid e volveu ser o máximo goleador do equipo, feito que repetiu en cada unha das súas cinco campañas no club, a pesar de compartir vestiario con grandes dianteiros como Molowny, Barinaga, Narro, Olsen ou Joseíto. No verán de 1953 rematou o seu contrato co club e Santiago Bernabéu ofreceulle renovar por un ano, pero o xogador pedía tres, polo que non chegaron a un acordo.

Deportivo da Coruña Regresou entón a Galicia e asinou como novo xogador do Deportivo da Coruña, onde coincidiu con históricos do club como Acuña, Luis Suárez ou Arsenio Iglesias, así como con varios integrantes da chamada Orquestra Canaro. O seu primeiro gol coa camiseta branquiazul conseguiuno na terceira xornada, nun derbi contra o Celta de Vigo en Balaídos. Pechou a súa primeira campaña na Coruña con 14 goles, cifra que superou na seguinte tempada, con 21 tantos, contribuíndo a que o equipo acadase a sétima praza na liga en ambas ocasións. O 10 de outubro de 1954 inscribiu o seu nome na historia dos derbis entre Deportivo e Celta, ao marcar os catro goles do conxunto coruñés na goleada por 4-2 sobre o seu máximo rival, converténdose no primeiro e único futbolista en anotar catro veces nun derbi galego en competición nacional.

No verán de 1955, trala marcha de Toba, sentou no banco o célebre Rodrigo. Ás súas ordes, o Deportivo conquistou o primeiro Trofeo Teresa Herrera da súa historia grazas a dous goles de Pahiño fronte ao Athletic Club de Daučík (2-1), e outros dous goles do dianteiro vigués déronlle ao club galego a súa única vitoria contra o Real Madrid no vello estadio de Chamartín (1-2). Con todo, o Deportivo sufriu un par de goleadas mediada a tempada e Rodrigo presentou a súa dimisión.

Pahiño fíxose entón cargo do equipo como xogador-adestrador, posición que ocupou durante tres xornadas: unha derrota por goleada contra o Barcelona en Les Corts (7-0), outra derrota fronte ao Alavés en Mendizorrotza (4-2) e un empate a un gol co Valladolid en Riazor. As tensións internas no vestiario e os seus problemas con varios xogadores, sobre todo con Lechuga, fixeron que dende a xornada 22 ata o final da tempada adestrase o equipo o seu compañeiro Zubieta. Pouco despois o club apartou a Pahiño do equipo, alegando un mal comportamento do dianteiro e un illamento respecto aos seus compañeiros, o que deu lugar a declaracións cruzadas na prensa entre Pahiño e o presidente José Iglesias Varela. De calquera xeito, Pahiño non volveu vestir a camiseta do Deportivo, recibindo a carta de liberdade o 17 de abril de 1956. Pechou o seu paso polo club coruñés cun total de 49 goles en 78 partidos oficiais.

Granada Menos dun mes despois da súa saída do Deportivo, volveu vestir a camiseta do Celta de Vigo nun partido de homenaxe a Gaitos contra o Botafogo de Garrincha. En xuño de 1956 a prensa publicou a súa fichaxe pola Real Sociedad, pero foi o Granada quen asinou o xogador a finais de xullo. No club andaluz coincidiu con destacados xogadores como Ricardo Suárez, Gilberto Navarro, Vidal, Igoa ou Ben Barek e tivo como adestradores aos galegos Álvaro Pérez e Pasarín. Disputou 15 partidos e contribuíu con oito goles a que o equipo se proclamase campión de Segunda e conseguise o ascenso a Primeira. O 21 de abril de 1957 disputou o seu derradeiro partido como profesional, contra o Betis, sendo expulsado na primeira metade por atacar ao bético Felipe cando este non tiña o balón.

Selección española