O condado de Queens (en inglésː Queens County), a miúdo referido simplemente como Queens, é un distrito metropolitano (borough), o máis grande dos cinco que compoñen a cidade de Nova York, nos Estados Unidos de América. O territorio do borough é coextensivo co do condado de Queens, aínda que dende a formación da cidade do Gran Nova York (hoxe, Nova York), en 1898, as divisións inferiores ao do municipio neoiorquino quedaron sen poder real de facto. A cabeceira de condado está na veciñanza de Xamaica.
Introdución O distrito de Queens é o condado etnicamente máis diverso nos Estados Unidos. Segundo a Revisión da Comunidade Americana (revisión anual do censo) de 2005, da Oficina do Censo dos Estados Unidos, os inmigrantes totalizan o 47,6% dos seus residentes. Estímase que para o ano 2010, a maioría da súa poboación será nacida no estranxeiro. Cunha poboación de 2,2 millóns de habitantes, é o segundo distrito máis poboado na cidade de Nova York (detrás de Brooklyn) e o décimo condado máis poboado nos Estados Unidos. A cifra de 2,2 millóns é o máximo histórico de poboación nunca alcanzado no distrito.
En Queens están situados os dous aeroportos da cidade (John F. Kennedy e LaGuardia), é sede do equipo de béisbol dos Mets, que xoga no Estadio Shea, así como do Centro Nacional de Tenis dos Estados Unidos, os estudos Silvercup e o parque Flushing Meadows-Corona.
Queens foi formado en 1683, como un dos 12 condados orixinais do Estado de Nova York e foi chamado así en honra da raíña consorte, Catarina de Bragança, esposa de Carlos II. Queens é a miúdo considerado como un dos máis periféricos, de entre os distritos de Nova York. As veciñanzas orientais teñen o aspecto e semellanza dos suburbios da parte occidental do condado de Nassau. Porén, nas seccións occidental e central, Queens acolle moitas veciñanzas urbanas e varios distritos de negocios. En Long Island City, na ribeira de Queens xusto enfronte de Manhattan, está situado o edificio Citicorp, o rañaceos máis alto de Nova York, entre os situados fóra de Manhattan. É tamén o edificio máis alto de Long Island.
Historia A colonización europea trouxo tanto conquistadores holandeses como ingleses, como parte da colonia de Nova Holanda. Os primeiros asentamentos establecéronse en 1635, con colonias en Maspeth en 1642 e Vlissingen (hoxe, Flushing) en 1643. Outros asentamentos iniciais foron Newtown (hoxe Elmhurst) e Xamaica. De todos os xeitos, estas cidades estaban habitadas por colonizadores ingleses de Nova Inglaterra, chegados da parte oriental de Long Island (o condado de Suffolk) e estaban suxeitos á lei holandesa. Logo da captura da colonia por parte dos ingleses e ser rebautizada como Nova York, en 1664, a área (e todo Long Island) empezou a ser coñecida como Yorkshire.
O condado de Queens foi orixinalmente nomeado así en honra de Catarina de Bragança, a esposa portuguesa do rei Carlos II de Inglaterra. Orixinalmente, o condado incluía a área adxacente do que agora é o condado de Nassau. Foi un condado orixinal do Estado de Nova York, un dos doce creados en 1683. En 1870, o condado de Queens estaba formado por seis cidades: Newtown, Flushing, Xamaica, North Hempstead, Hempstead e Oyster Bay. Ese ano, creouse a cidade de Long Island, consistente no que era o pobo de Astoria e algunhas áreas non incorporadas da cidade de Newtown.
Como resultado dun referendo, a cidade de Long Island, Newtown, Flushing, Xamaica e a península de Rockaway convertéronse o distrito metropolitano de Queens, integrándose na cidade de Nova York, o 1 de xaneiro de 1898. As partes do condado de Queens que non se integraron en Nova York, as cidades de North Hempstead e Oyster Bay e toda a cidade de Hempstead, salvo a península de Rockaway, constituíronse no condado de Nassau, en 1899.
Queens desenvolveu un papel secundario na revolución estadounidense, en comparación con Brooklyn, onde gran parte da batalla de Long Island librouse. Queens, como o resto de Long Island, caeu baixo o dominio inglés, logo da batalla de Long Island, en agosto de 1776 e permaneceu ocupada durante practicamente o resto da guerra. Baixo a Lei de Aloxamento, os soldados británicos usaban as vivendas privadas dos residentes de Queens como refuxio durante a guerra, en contra do sentimento da maioría da xente local. O aloxamento de soldados en fogares privados foi prohibido pola Terceira Emenda á Constitución dos Estados Unidos de América, en gran parte debido a isto. Nathan Hale foi capturado polos británicos en Queens, antes de ser executado en Manhattan.
O distrito experimentou un gran salto de poboación na década de 1920, crecendo desde 469.042 habitantes en 1920, ata 1.079.129 en 1930, coincidindo co crecemento no uso do automóbil e a construción das liñas elevadas do IRT (Interborough Rapid Transit) a Astoria e Flushing.
Xeografía O condado de Queens é xeograficamente a parte occidental de Long Island e inclúe unhas poucas illas menores, a maior parte das cales sitúanse na baía de Xamaica e forman parte da área Recreativa Nacional de Gateway. A península de Rockaway está asentada entre a baía de Xamaica e o océano Atlántico.
A árbore máis alta na área metropolitana de Nova York, chamado o Xigante de Queens, é tamén a forma vivente máis antiga na área metropolitana. Está localizado na parte nororiental do condado, ten 450 anos de antigüidade e 40,23 metros de altura, en 2005.
De acordo coa Oficina do Censo dos Estados Unidos, o condado ten unha superficie total de 461,7 km², delas, 282,9 km² están situados en terra e 178,8 km² son augas (estas representan o 38,73% da súa superficie).
O condado limita ao norte con Long Island Sound, un brazo do océano Atlántico, que a separa do condado do Bronx; ao sur co condado de Kings (Brooklyn) e co océano Atlántico; ao leste co condado de Nassau; e ao oeste co condado de Kings e co East River, que a separa do condado de Nova York (Manhattan).
Veciñanzas miniatura|Unha rúa da veciñanza de Jackson Heights. A cidade de Nova York divídese en cinco distritos metropolitanos (boroughs) e estes á súa vez están divididos en veciñanzas ou neighborhoods, cada un deles coa súa identidade e características propias. Algúns destas veciñanzas correspóndense con antigas cidades, que perderon a súa condición de tal coa consolidación da cidade, en 1898.
O Servizo Postal dos Estados Unidos divide o condado de Queens en cinco "cidades" baseándose na existencia destes no momento da consolidación dos cinco distritos na cidade de Nova York: cidade de Long Island, Xamaica, Flushing, Far Rockaway e Floral Park. Estas zonas postais non reflicten necesariamente nomes e límites de veciñanzas reais; por exemplo, "East Elmhurst" foi longamente acuñada polo Servizo Postal e non é unha comunidade oficial. A maioría das veciñanzas non teñen límites sólidos. A modo de exemplo, as veciñanzas de Forest Hills e Rego Park, solápanse.
Os residentes de Queens a miúdo identifícanse máis coa súa veciñanza que co distrito ou coa cidade en si. Normalmente, as direccións postais están escritas coa veciñanza, estado e o código postal en lugar do distrito ou a cidade. O distrito é unha amálgama de ducias de veciñanzas singulares, cada un deles cunha identidade propia. Howard Beach, Woodhaven e Middle Village acollen gran número de residentes italo-americanos; Rockaway Beach ten unha gran poboación de orixe irlandesa. Astoria, no noroeste, é tradicionalmente unha das comunidades gregas máis grandes fóra de Grecia e a súa poboación está aumentando con profesionais novos vindos de Manhattan. En Maspeth residen moitos inmigrantes europeos, entre eles, unha numerosa poboación polaca, así como unha gran comunidade hispana.
Long Island City é un importante área comercial e nela está situada o proxecto de vivendas de Queensbridge. Jackson Heights, Elmhurst e Corona son un gran conglomerado de comunidades hispanas e asiáticas. Richmond Hill, no sur, ten a poboación máis grande de sikhs fóra da India; Forest Hills e Kew Gardens, na parte central de Queens, tiveron tradicionalmente grandes comunidades xudías (moitas destas comunidades son inmigrantes xudeus de Israel, Irán e a antiga Unión Soviética), mentres que Xamaica acolle grandes comunidades afroamericanas e caribeñas. Hai tamén veciñanzas de clase media con poboación afroamericana, filipina, hispana e caribeña, tales como Saint Albans, Cambria Heights, Queens Village, Springfield Gardens, Woodhaven, Rosedale e Laurelton nas partes oriental e suroriental de Queens. Hai algunhas zonas menos diversas, pero economicamente prósperas, como South Xamaica. Unidas, estas veciñanzas conforman o condado etnicamente máis diverso nos Estados Unidos. Algunhas veciñanzas de Queens, tales como Ozone Park, Bayside, Maspeth, Kew Gardens ou Woodside, teñen unha mestura moi diversa de varias orixes.
Goberno Desde a consolidación de Nova York, en 1898, Queens está gobernado polos Estatutos da Cidade de Nova York (New York City Charter), que dota ao alcalde e aos concelleiros dun gran poder nun esquema altamente centralizado.
Este goberno centralizado é responsable do sistema de educación pública, institucións correccionais, bibliotecas, seguridade pública, dotacións de recreo, sanidade e limpeza pública, subministración de auga potable e servizos sociais en Queens.
A oficina do Presidente de Distrito (Borough President) foi creada coa consolidación dos cinco condados, para equilibrar a balanza destes, respecto do goberno municipal central. Cada presidente de distrito tiña un rol poderoso, que se derivaba do feito de ter un voto no New York City Board of Estimate, o corpo responsable de crear e aprobar os orzamentos municipais e realizar as propostas para a ordenación do territorio. En 1989, o Tribunal Supremo dos Estados Unidos declarou esta Xunta inconstitucional, por darse o feito de que Brooklyn, o condado máis poboado do municipio, non tiña máis voto sobre o terreo que Staten Island, o condado menos poboado da cidade. Isto constitúe unha violación da Cláusula de Protección Igual da Décimo cuarta Emenda da Constitución dos Estados Unidos de América, emitida en 1964, baixo a premisa de un home, un voto.
As competencias do Board of Estimate foron transferidas á Xunta de Concelleiras (City Council, con 51 membros, encargado do poder lexislativo na cidade), aumentando así o poder centralizado no municipio neoiorquino.
Desde 1990, o Presidente de Distrito actúa como defensor dos intereses do condado ante as axencias da alcaldía, as concellarías municipais, o goberno estatal de Nova York e as corporacións. A presidenta do Distrito de Queens é Helen Marshall, elixida polo Partido Demócrata, en 2001 e reelixida en 2005.
Cada un dos cinco condados da cidade (coextensivos con cada un dos borough) ten o seu propio sistema de tribunais e un Fiscal do Distrito (District Attorney ou simplemente D.A., no orixinal inglés), quen é directamente elixido en votación popular. Richard A. Brown, un Demócrata, é o Fiscal do Distrito de Queens, desde 1991.
Queens ten catorce concelleiros, o segundo distrito en número deles (tras Brooklyn, que ten dezaseis). Tamén ten 14 distritos administrativos, cada un deles servido por unha Xunta de Comunidade local (Community Board). Estas Xuntas son os corpos representativos que recollen as queixas cidadás e serven como defensores dos residentes da súa área, ante o Concello.
A cabeceira de condado de Queens, está na veciñanza de Xamaica.
Economía miniatura|A ponte de Queensboro, de noite, que une Manhattan con Queens. Ao fondo, o edificio Citicorp, o máis alto de Long Island